sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Corvos mariños de pescozos atados

Alba Cid faloume de monxes que pintaban en teas de araña, de corvos mariños que pescaban para os emperadores chineses. Son países do seu Atlas, o poemario polo que o Ministerio de Cultura lle concedeu o Miguel Hernández
2020102617295468000
2020102617295468000

SERAFÍN Ferro viaxou sen mapa dende A Coruña a Madrid. Miguel Hernández viaxou sen carta mariña dende Orihuela ata Madrid. Os rapaces galegos cambiaban as zocas por zapatos para ir ás verbenas. Miguel camiñaba pola Castellana en alpargatas:
—Si me pongo zapatos me sangran los pies.


Giménez Caballero teorizou o futurismo e o fascismo españois. O perito en incendios Francisco Franco queimou os seus ensaios na súa pira de pragmatismo. Caballero facía escarnio de Miguel, "simpático pastorcillo, caído esta Navidad por el nacimiento madrileño". O pastor pretendeu marcar lindes a Maruja Mallo: "Tus sustanciales besos, mi sustento, me faltan y muero sobre mayo". 

Almeida e Villacís borraron hai uns meses versos de Miguel Hernández que resplandecían nun momumento. A nova dereita atlantista debería ler mellor a Leo Strauss —quizais lelo, simplemente— para entender os totalitarismos. Non o censuraron por ser comunista en 1939, senón por ser cabreiro.

O cura que aprendeu a ler a Hernández en Orihuela chegou a bispo de León anos despois da Cruzada. Ocupouse de manter a Miguelito no cárcere. A reclusión era un exorcismo para que expulsase a Marx pola boca, pero Miguelito non cedeu. Morreu enfermo no Reformatorio de Adultos de Alacante. Non deron pechado os ollos do cadáver. Aleixandre explicouno ao seu xeito: "Tus grandes ojos azules/ abiertos se quedaron bajo el vacío ignorante".

Haberá quen acuse os galegos de apropiarnos culturalmente de Lorca

Lorca non soportaba as maneiras toscas de Hernández. Hernández mastigaba o seu rancor de clase:
—Ese gitano no me dice nada sobre Perito en lunas.
Henrique Alvarellos vén de poñerlle unha estatua a Federico en Santiago. Álvaro de la Vega, curta co machado cos matices dun láser. Alvarellos vén de publicar debuxos que o poeta fixo durante as viaxes a Galicia. Ao tempo, Suso Díaz vén de traducir Poeta en Nova York para Galaxia. Haberá quen acuse os galegos de apropiarnos culturalmente de Lorca, que o andaluz non pasou de ser un viaxeiro apaxionado que nos mandou media ducia de postais en Seis poemas galegos. Ese libro xa é un referente na nosa lingua. Federico sentiríase compracido:
—Me sentí poeta gallego, y una imperiosa necesidad de hacer versos, su cantar me obligó a estudiar a Galicia y dialecto o idioma, que para lo maravilloso,  es igual.

As sedas que tecen as arañas parecíanme  delicadas de máis para a pintura, pero dime Alba Cid que había monxes do Tirol que no século XVI tiñan o pulso necesario para dar pinceladas en arañeiras. Un cento consérvase en Nova York. A idea fascinaría a Lorca.

A arte ten tanto de delicadeza como de impostura. A escritora Vanessa Springora cumpriu 13 anos en 1985. Jacques Chirac era primeiro ministro francés. A voracidade sexual do político eran tan desmedida que alugara un apartamento cerca do Parlamento para atender industrialmente a lexión de amantes: ministras, políticas, profesoras, periodistas,  azafatas,... o corazón de Monsieur Cinco Minutos (Ducha Incluída) era grande. Prefería a lenda das súas maratóns diarias ás mulleres que seducía. Bernardette  tivo a templanza de aturalo durante 63 anos de matrimonio. Na noite na que o coche de Lady Di se estrelou na ponte parisina da Alma, os servizos secretos trataron de localizalo. Nin imaxinaron preguntar na casa de Claudia Cardinale.

En 1985 o presidente da República era François Miterrand. Convivía coa muller, os fillos e un novísimo profesor de ximnasia amado pola súa ela. Esa tolerancia favorecía o silencio dela sobre Anne, a quen Miterrand mantiña nunha residencia oficial xunto coa filla de ambos.

Matzneff xa se enfrontara nos anos 70 ás acusacións da Brigada de Menores

Nese París do 85 vive Vanessa Springora; unha nena desgrazada, coxa de pai. Nunha cea de editores e escritores non pode escapar. Cae no cepo dun escritor corentón, George Matzneff. "Dende que o meu pai desapareceu do mapa intento desesperadamente chamar a atención dos homes" confesa ela en El consentimiento (Lumen), a obra máis lida este ano en Saint Germain des Prês. 

Matzneff xa se enfrontara nos anos 70 ás acusacións da Brigada de Menores. Saíra sen rabuñaduras porque as mellores cabezas (Barthes, Deleuze, Beauvoir, Sartre, Glucksmann,..) firmaran un texto para Le Monde no que lle facían un exorcismo. A intelectualidade intelectualiza todo porque non ten outro punto de vista.

Alba Cid faloume da crueldade dos pescadores chineses que traballaban para o emperador. Ataban os corvos mariños polo pescozo para arrincarlles os peixes da boca. A xustificación moral é que miraban por eles toda a vida.

A adolescente Vanessa, desafiuzada do amor paterno, entregouse «con alivio gratitude e felicidade»ao corentón. A nai consente. Acaba vivindo na casa que lles cede un mecenas de Matzneff.

O escritor acudira en 1990 a Apostrophes, o programa estrela das letras francesas. Bernard Pivot preséntao, entre  risos, como un "coleccionista de lolitas". Os tertulianos rin, menos Denise Bombardier, que protesta con estupor. Non é parisina, é canadense.

Con 15 anos ela escapa da Bastilla onde a atrapara George Matzneff. Corre á casa dun amigo del, Emile Cioran. O pensador non dubida:

—É unha inmensa honra que te elixira, Vanessa. O teu papel é acompañalo no camiño da creación e dobregarte aos seus caprichos.

O trauma que lle provoca é inmenso: "Terei catorce anos toda a miña vida".

Serafín Ferro, cóntalle que ten 17 anos e que vén andando en alpargatas e sen mapas dende A Coruña

Un día Lorca está tomando un café en Madrid, en El Universal. Achegáselle un rapaz:
—Don Federico, hoy no he comido. ¿Por qué no me invita a un pepito?

O mozo, Serafín Ferro, cóntalle que ten 17 anos e que vén andando en alpargatas e sen mapas dende A Coruña. Vai á capital de España ofrecido á revolución anarquista. A fame empúxao a prostituírse para non sofrer un desmaio. Lorca intégrao no seu círculo. Parécelle que pode dar ben con outros galegos, como Blanco Amor e Guerra da Cal; pero Serafín namora a Cernuda, que o dobra en idade. O poeta acaba sometido. "Serpiente que llevo hace tiempo enroscada a mi corazón", escribe pensando no coruñés.

O seu amor é carnal, distinto ao de Thomas Mann cando coñeceu un camareiro novísimo que traballaba no balneario onde descansaba. Dedicoulle A morte en Venecia. "Que felicidade ter 65 anos e volver sentir isto", anota no diario. A segunda vez que lin A morte en Venecia estaba na República Serenísima. Era 1995. Formaba parte dunha expedición dun cento de persoas, unha especie de simulacro de conquista.

Cadroume amizar con tres persoas. Deixámonos liderar por T. Era calvo, de barba recurtada e mirada de corvo mariño. Sabía italiano e coñecía os lugares máis escondidos de Venecia, tan secretos que mesmo atopamos un camareiro de Mondoñedo. Foron días de xantar en trattorías sen turistas, de fascinarnos en pequenos museos baleiros.

Unha noitiña subimos a  un vaporetto. Na travesía eu recreabaas luces de arañeira que pintara Turner. Detrás sentín uns berros escolares en francés. Nerviosismo, enfado. Dúas mulleres discutían con T. Elas protexían un grupo de escolares. T. púxose nervioso, berrou algo e marchou  a proa. Permaneceu en estatua de sal ata que chegamos ao peirao. Saíu correndo entre a multitude.

Pola mañá o recepcionista comunicoume que T. quedaba uns días en Venecia, que cambiara de hotel.

Esquecín o asunto ata ben de anos despois. Eu baixaba a Algalia de Arriba e cruceino. Como se me envorcasen un camión de detalles ignorados comprendín a escena do vaporetto. Miroume, mireino. Acelerei o paso para buscar o sol na praza de Cervantes.

Corvos mariños de pescozos atados