jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O Cristo de Fisterra ten unha pistola de ouro

 As dúas únicas cousas eternas que coñezo son o movemento do océano e a catedral de Mondoñedo. Unha vez preguntei a un señor maior. Era delgado, vestía bigote e camisa branca: "Sabería dicirme cando se construíu esta catedral?" "Hui! Xa estaba cando eu era cativo"
Pau Donés
Pau Donés

 O RESTO DOS obxectos e dos seres, somos segmentos na historia eterna da luz. O martes, xantando unha pizza, preguntei ao meu fillo polo que había no Universo antes do Big Bang.

—Non había nada. Non existía o tempo.

Como non comprendín a resposta de todo prefiro escribir agora que somos historia da luz. A luz é máis agradecida que o tempo porque é bonita e regresa cada mañá. O tempo é como un automóbil cun burato pequeno no depósito. Vai soltando a gasolina pinga a pinga. Un día o coche empeza a tusir como se estivese acatarrado ata que se detén e queda en silencio.

Pau Donés foi un segmento de luz que brillou durante 53 anos. Non lean a frase como un himno á alegría, senón como pura física. En Blade runner distinguen os humanos polo brillo da retina. A retina dos androides é escura. Haberá quen identifique ese brillo e a alma. Eu non creo que sexamos un binomio cunha parte de células materiais e outra de unidades de enerxía espiritual.

Unha vez morrín e dubidei da alma. Na madrugada do San Froilán de 1992, con 27 anos,  estaba na cama, relaxado, e sentín que me evaporaba do corpo e ascendía lentamente ata o teito. Foi agradable. Nun momento dado, advertinme: "Jaure, agora vas espertar; tes que volver ao corpo". Pola mañá pensei que practicara relaxación. Conteillo a Ainhoa por teléfono. Ela opinou que fixera "unha viaxe astral".  Ben miradas , as nosas vidas son viaxes astrais.

Canto tempo me queda? Non paramos de calculalo, pero é preferible non ter resposta

A música de Pau Donés non soara no meu Spotify. Nunca logrou conmoverme Jarabe de Palo,  pero logrou conmoverme o cantante explicando a súa morte sen pudor e con serenidade na película Eso que tú me das.
Canto tempo me queda? Non paramos de calculalo, pero é preferible non ter resposta. Debe de ser o motivo polo que Deus nunca conteste ás preguntas dos crentes. Santa Teresa de Calcuta dicía que "o silencio ensina a falar con Cristo". O silencio é perfecto. Cando tiña 14 anos lin a Antigo testamento dúas veces. Na primeira o meu catolicismo empezou a tremer; na segunda, caeu do altar. Ningún ser supremo de luz podería existir sen promulgar un decreto lei contra as barrabasadas que sufrían ás Doce Tribos de Israel.

Ridley Scott explica a nosa sorte en Blade runner (1982). O androide Roy Batty pasa os catro anos para os que está programado buscando o seu Creador. Cando vai morrer recibe un consolo para a súa vida breve:

—A luz que brilla co dobre de intensidade dura a metade de tempo.

O cantante de Jarabe de Palo contaba dende 2015 os días que lle quedaban. Morreu en xuño pasado. Hai un ano marchou ao Pirineo catalán, onde nacera o seu pai. O val de Arán e unha paixase de montaña preciosa, aínda virxe de bases de helicópteros eólicos e atravesada polas nubes na súa lenta migración outonal para buscar a calor de África. Prohíbennos escoller o momento da morte, pero dánnos liberdade para seleccionar o lugar. Non sempre indicamos o destino das nosas cinzas. Cela documenta que a San Campio levárono a Santo Ourente de Entín, en Outes. Xuntar dous santos non parece boa idea polas desputas sobre quen é máis milagreiro, pero naceu unha harmonía neste caso: "Santo Ourente foi bispo; San Campio, militar/ Agora que son vellos están xuntos no altar".

Jordi Évole presenta a proba de filmar a extrema unción de Pau Donés con angustia

Pau Donés chamou ao xornalista Jordi Évole en maio, cando o corpo lle advertía do asedio manso da morte. Quería concederlle a derradeira entrevista. O periodista editouna como o filme Eso que tú me das. O venres fun vela nos asentos bonitos dos cinemas lucenses Cristal.

Jordi Évole presenta a proba de filmar a extrema unción de Pau Donés con angustia. Non é fácil axudar a un moribundo a que se expoña diante dunha cámara, menos a unha estrela. Hai unha aura salvífica que rodea a cabeza dos creadores. Laxeiro explicoullo ao dono da pensión de Madrid na que paraba cando lle deron un premio. O patrón reclamoulle as débedas:

—Señor Laxeiro, me han dicho que ha ganado usted un certamen. Enhorabuena. Es usted un gran pintor. Ahora que tiene dinero, podía pagarme los meses de atrasos.

—¿Pero quién ha ganado el certamen? ¿Usted o yo?

Pau Donés grava a entrevista para que se vexa a normalidade dun músico popular diante do momento no que se oxida a vida.

—El mundo de los artistas es hueco. Necesito explicar quien soy. No quiero hablar de la muerte. Quiero hablar de la vida, de lo maravillosa que ha sido mi vida.

Eu non coñecía o traballo de Évole. Empeza a entrevista titubeante, pero logo se centra. No desenvolvemento, eríxelle un monumento funerario ao entrevistado cun cuestionario difuso e reiterativo arredor do pasamento, o tema que Donés lle pedira evitar. Évole atáscase coma un coche sen gasolina. Calquera trompetista de jazz que viaxaba a Nova York para gravar o primeiro disco en Blue Note sabía que debía levar a improvisación debuxada dende que collía o autobús en Michigan.

O seu amor por Sara quedou amarrado a unha vela apagada. Saín do cinema co alivio de que Pau Donés era unha persoa sólida e xenerosa que pedía un favor a cambio das emocións que dera aos demáis

Pau Donés defínese en varias ocasións como "músico y compositor". Era músico para traballar e para amar. "Neniñas de Santo Ourente/ ben vos podedes alabar/ aí vén San Campio/ vestido de militar", cantan en Fisterra. O nacemento da filla, Sara, cambiouno.

—Estaba acostumbrado a declarar el amor a través de las canciones, pero con mi hija aprendí a declararlo diciendo te quiero mientras miras a los ojos.

O seu amor por Sara quedou amarrado a unha vela apagada. Saín do cinema co alivio de que Pau Donés era unha persoa sólida e xenerosa que pedía un favor a cambio das emocións que dera aos demáis. Negouse a morrer en soedade. Na casa do Pirineo estaban os irmáns, a exmuller e a filla, pero el pretendía dar noticia de que a súa vida tivera un sentido e de que se esforzaba en mirar o sol no longo eclipse.

A morte non lle daba medo, pero sufrir poñíalle os pelos en alerta. Santa Teresa de Calcuta aliviaba con aspirinas a dor dos moribundos nos seus hospicios porque estaba convencida de que "hai algo fermoso en ver aos pobres aceptar a súa sorte, sofren coma Cristo na Paixón. O mundo gaña moito co seu padecemento". En Fisterra matizan menos a relación da relixión co sufrimento: "Santo Cristo de Fisterra/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do monte Louro".

Todo o que solicita Pau Donés como regalo de despedida é que as homenaxes que lle fagan tras o pasamento "tengan calidad". Temía a improvisación. As actuacións para recordar un músico adoitan ter demasiada. Improvisar é lanzar unha moeda ao aire. Cando Miles Davis estaba gravando o lendario So what, pediu a Jimmy Cobb que dese un redobre de batería para darlle entrada no tema. Cobb fixo o redobre, pero rematouno cun golpe demasiado forte nun prato. Soubo que deberían repetir a peza e tocouna angustiado. Ao rematar, Davis louvou esa brusquidade co que se anunciaba a súa trompeta.
—Foi fantástico, Jimmy!

Cando Fraga era maior, alguén fíxolle ver que debería deixar un edificio para a eternidade. Púxolle como exemplo a Biblioteca Nacional de París, que foi o testamento de Miterrand.

O cantante de Jarabe de Palo quixo deixar concretado o legado, pero non é fácil. Mesmo unha persoa da intelixencia de Fraga conduciuse polo instinto para nomear sucesor: Verstrynge, Hernández Mancha,... deixouse levar e apareceu o acerto de Aznar. Cando Fraga era maior, alguén —penso que Alfredo Conde—, fíxolle ver que debería deixar un edificio para a eternidade. Púxolle como exemplo a Biblioteca Nacional de París, que foi o testamento de Miterrand. Desa pretensión de perdurar nace a Cidade da Cultura.

Camilo José Cela ordenou o seu legado en Madera de boj. "Y desde ahora mando, y para eso lo publico, que mi cadáver, tras haber sido restregado con flor de tojo, sea incinerado y las cenizas arrojadas a la mar desde la borda de sotavento de un barco que navegue, a no menos de cinco millas de la costa, entre el cabo Finisterre y el de Touriñán. Encargo la maniobra a mi hijo, y si él no pudiere o no quisiere llevarla a fin, dispongo que se le dé un millón de duros a un marinero gallego, cincuentón y tuerto —cuenca vacía—, manco —amputado— o cojo —amputado—, por este orden, para que dé cumplimiento a mi voluntad". Esa vontade nunca se cumpriu. Marina organizou un funeral de Estado. Casara cun xenio, pero pensou que casara con Miterrand.

O Cristo de Fisterra ten unha pistola de ouro
Comentarios