lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O decamerón que lle contei á miña nai

O dramaturgo Quico Cadaval contoulle o Edipo de Sófocles á nai. Eu pensei que sería boa idea contarlle O decamerón de Bocaccio á miña.
Quico Cadaval. XESÚS PONTE
Quico Cadaval. XESÚS PONTE

QUICO CADAVAL era estudante de Historia en Santiago naquel día en que volveu á casa e a nai preguntoulle que era o complexo de Edipo. A pregunta viña detrás da acusación materna de "levar unha vida bohemia". Alguén lle fora co conto. Nada pode horrorizar máis a unha persoa que leva reloxo no pulso que ter un fillo de horarios aleatorios.

Edipo empeza como heroe que mata un rei e casa coa raíña, pero perde contra o azar xenético. O monarcas son os seus pais, aínda que el tarda en sabelo.

—Edipo viviu matando e fuxindo, como se soñara —explica Quico.

O martes Cadaval representou a montaxe Complexo de Edipo en Lugo. O narrador segue tendo un pelo levantado pola vento ártico, e un sorriso breve e delicioso. Houben de lembrarlle que a anterior vez que nos víramos fóra en Venecia porque el nunca acorda dos nosos encontros sen axenda.

Daquela eu estaba diante da igrexa da Madonna dell’Orto falando cun mariñeiro de Rinlo. Felipe cansara de andar á pescada en Suráfrica. Tiña medo ás alturas e adoitaba levar unha navalla longa para asustar os malos augurios; non tanto como arma como porque estaba feita nunha pata de coello silvestre.

Felipe contoume por que deixou a pesca de altura. Foi que tiña que voar a Cidade do Cabo para embarcar. Foi que as autoridades do aeroporto "se puxeron cabronas» e empezaron a prohibirlle pasala. Precisaba da navalla para saber que aquel aparello non ser precipitaría no Atlántico. Tras deixar o barco marchou a Venecia. Un medio parente das Anzas comentoulle que na cidade italiana «a vida era regalada e grazas a uns turistas que eran caixeiros automáticos"

—Mira se é tranquila Venecia que falan de ‘acqua alta’ cando a marea sube 90 centímetros...

Felipe logo se fixo cunha góndola vella, que houbo de reparar  con cadernas novas e de repintar o folio antes de botarse ao mar

No ano pasado Felipe colleu o Renault 12 verde en Rinlo e conduciu do tirón ata Venecia. Soamente parou tomar  un café cargado e con gotas en Marsella, no bar dun primo lonxano. Felipe logo se fixo cunha góndola vella, que houbo de reparar  con cadernas novas e de repintar o folio antes de botarse ao mar. Botaba de menos os mares bravos de África.

—Polas noites soño coas ondas altivas do Cabo de Boa Esperanza. É como estar subido a un tobogán. Teñen emoción, non coma estas...  —comentaba desprezando a mansura adriática.

Antes dos corenta anos deixamos que a vida nos sorprenda, dende os corenta temos que inventarnos as sorpresas para soportar o deserto do real. Felipe xa os cumpriu, pero evita as sorpresas. O caronte de Venecia presentoume o seu servizo de góndola como algo libre, independente, "unha especie de Über". Ao tempo, non deixaba de xirar o pescozo en ambas as direccións por se aparecía a Guardia di Finanza.

Mentres falabamos, eu miraba para as gondolas, que se mecían tontamente coma patos negros hipnotizados, cando sentín tras de min os versos de O mercader de Venecia. "Se nos pican, seica non sangramos? Se nos fan cóxegas, seica non rimos? Se nos envelenan, seica non morremos? E se nos agravian, non debemos vingarnos? Se nos parecemos en todo o demais, parecerémonos tamén niso".

Shakespeare non fala nese texto dos pacientes chineses nin dos madrileños que acordaron esta semana da súa orixe e se deitan á sombra amable da árbore xenealóxica. As epidemias suben a febre e alivian a soberbia. Non leron a Bocaccio e están repetindo o erro que moitos cidadáns do século XIV: escapárlle á morte levándoa nos petos.

As sete mozas acordan marchar ao campo coa fin de aliviar a corentena. Convidan tres amigos

No Decamerón sete rapazas de Florencia coinciden á saída da misa de Santa María Novella. A cidade está arrasada pola peste bubónica. "Cantos valerosos homes, cantas fermosas mulleres, cantos mozos gallardos a quen non outros que Galeno, Hipócrates ou Esculapio xulgarían sanísimos, almorzaron cos seus parentes, compañeiros e amigos, e chegada a tarde cearon cos seus antepasados no outro mundo!"

Na vila de Fiesole, que ten un verdor sostido, pasan o encerro mentres a oito quilómetros, en Florencia, tremen as páxinas da Historia. "Estaba tal lugar sobre unha pequena montaña, por todas partes afastado algo dos nosos camiños, na súa cima había unha vila cun grande e fermoso patio, con  pradairas arredor e con xardíns marabillosos e con pozos de auga  fresquísima".

Para pasar máis lixeiramente os dez días cada un dos dez mozos conta dez contos. Esa repetición do número ten unha argumentación cabalística que fundamenta o nome de Decamerón.

Abrigados da morte nesa segunda vivenda van narrando relatos que empezan sendo dramáticos e acaban sendo divertidos. As almas vanse alixeirando a medida que transcorre a corentena. Soamente cando empeza a clarexar se pode botar man do humor. Pese a que o humor é serio. Os humoristas nunca rin dos seus chistes.

Nestes días decidín vivir o meu antroido anterior a esta coresma indo ao teatro. Lembrei do que proclamaban os Novos Románticos de Manchester nos momentos quentes da Guerra Fría: "Bailemos mentres agardamos a que nos caia enriba a bomba atómica". Ao cabo os seus bisavós inventaron a globalización que provocou a pandemia. Como eran sofisticados chamárono Imperio Británico.

Quico Cadaval empezou a narrar como lle contou á nai a historia de Edipo

Cadroume ver en Lugo dúas obras de Cadaval,  na Mostra de Teatro Clásico. O propio actor representou Complexo de Edipo, un espectáculo que relaciona coa Odisea para denunciar que Ulises tardou dez anos en volver porque lle petou. "Calquera mariño tería feito ese periplo nun mes". Nesa década Ulises pasa da mocidade á Idade dos Metais, que era como define o seu amigo Gonzalo Rey Chao a cincuentena, o tempo que segue á corentena.

—A Idade dos Metais chega cando tes prata no pelo, ouro nos dentes e chumbo nos ovos.

Tras dar unha volta narrativa polo un mediterráneo de asuntos e ditirambias que lles aconteceron a parentes, amigos e refereridos de Ribeira, Quico Cadaval empezou a narrar como lle contou á nai a historia de Edipo. O personaxe de Sófocles vai cumprindo azarosa e desgrazadamente a profecía de que mataría o rei e tería fillos coa raíña.

O dramaturgo narra á lenda á nai mentres ela cociña unha carne asada sen deixar de atendela porque "unha cociñeira nunca dá o cú á lareira". Carmen Ayaso interrompe ás veces ao fillo porque debe "falarlle á carne", agarimala para ceda xugos e sabores.

O xoves fun a Medida por medida, de Producións Excéntricas, que dirixe o propio Quico. Atopeino camiñando por entre o patio de butacas, como saíndo do labirinto nervioso dunha estrea.

En Medida por medida hai outra peste que ten paralizada Viena: a moral. A autoridade condena a Claudio a morrer por desvirgar á prometida antes da voda. O enlace fora adiado, pero o sangue da primavera corría caudaloso polas veas dos noivos. A montaxe gustoume, como me gusta a obra de Shakespeare porque o amor e o sexo triunfan sobre a angostura ética da relixión e a xustiza, pero teño o problema con esa obra de que se resolve a trama dun xeito forzado ao anunciar un matrimonio que non se fundamenta antes.

Ambas as representacións convencéronme do poder reparador das narracións. Quixen equipararme a Cadaval. Chamei á miña nai para contarlle o Decamerón. Ela vive en Bilbao, onde a pandemia ten acoutada a vida. Antes de empezar con Bocaccio pregunteille polo estado de ánimo.

—Pues no te creas, hijo. No tengo ni donde teñirme y no puedo andar así por la Gran Vía.

O decamerón que lle contei á miña nai
Comentarios