sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Javier dispara contra o seu padastro

Os barómetros estiveron cargados de sombras silenciosas esta semana. Somos seres para morte por pandemia, avisounos Heiddeger. Ata que morreu, el procurouse auga do pozo fondo da Selva Negra e embutidos colorados das montañas ancaresas.
Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada

O FILÓSOFO alemán foi o nazi que máis intensamente amou unha xudea. Empuxou aquel vendaval de esvásticas inflamadas malia saber que lle voaría a Hannah Arendt. O ventus validus gardaba un sopro no corazón, pero el preferiu o seu matrimonio fascista con Elfride Petri, o fogar como átomo cálido da nación.

O pobo, ao cabo, é a salvagarda. Manuel Veiga Taboada vén de publicar outra reflexión erudita e elegante sobre o atraso anatómico de Galicia. Expón moitas culpas. A maioría externas ou elevadas —externas, logo—. Da lectura deduzo que uns golpes baixos que bateron neste país século a século veñen de alén Ribadeo, Cervantes ou Verín; o resto, foron provocados polas elites nacionais na súa escapada histórica e sostida cara a capital de España. A política parece aínda unha alquimia que soamente poden coñecer as familias residentes no barrio de Salamanca.

Os meus amigos distinguen ferozmente entre políticos e pobo. Eu non. Os políticos son biopsias que definen a masa na que despuntan. Veiga menciona a Risco, 1934: "Os nosos gobernantes sempre fixeron política madrileña en Galicia e política persoal en Madrid".

Heiddeger emborrachouse de soberbia xermana porque bebín as augas máis arias no pozo de Messkirh —onde naceu e morreu—, entre o Danubio e o lago Constanza. Se cadra as elites galegas non son tan despectivas con Galicia porque estean feitas dun sopro divino distinto do resto dos que pagamos impostos, senón por pertencer a un país ciclotímico. Vivimos sometidos ao pudor sentimental, á nostalxia do que nunca chegamos a ser por temor a fracasar, por preferirmos "o barco no asteleiro, Napoleón no cuartel, Davide muxindo a cabra, Cristóbal Colón en Palos, Simbad no porto", que escribiu Jean Cocteau.

De Galicia contada aos non galeguistas (Xerais) deducín que Veiga Taboada vai construíndo,sen querelo, un muro de afrentas alleas que sepulta a nosa miseria. Asumámolo: non defendemos o común dende María Castaña e os irmandiños especializados. Cando Baudelaire se coloca tras a barricada no París de 1848 non o arrastra a febre sediciosa, senón a pulsión de disparar contra o padastro, que era militar. Esa rabia escasea en Galicia.

Os galegos que logran asentarse en Madrid nunca volven, malia que son alleos a taras patrióticas. Manuel Antonio explicoullo a Rafael Dieste cando o obrigaron a defender os territorios ocupados por España no Rif: "Faite soldado de Abd El Krim ou fuxe".

Os irmadiños padeceron a "doma e castración de Galicia" que decretou Isabel, a raíña da camisa vella que nunca se bañou nun río transparente. Os árabes xa trouxeran a hixiene á Península séculos antes, pero ela evitaba os costumes sarracenos.

A hixiene sempre foi desprestixiada en España. Os veterinarios veñen de ofrecerse para colaborar na desifección necesaria contra a pandemia. Foron saudados con críticas inxustas.

Outro asunto é o humor. A proposta foi diana para Brais Doval e Pepe Capeláns en Malicia Noticias na Galega. As bromas eran toscas e elementais. O humor debe ter límites: uns por abaixo, de calidade mínima; outros por riba, de respecto aos desvalidos. Pero soltar tres chanzas improvisadas sobre veterinarios e retroceder porque se enfaden demostra que Doval e Capeláns non entenden a esencia do humor: a provocación que forza a pensar criticamente. Disparan fogo amigo con balas mortas.

Ando lendo Javier Pradera o el poder de la izquierda (Anagrama) de Jordi Gracia. Citan o filósofo ribadense Alfredo Deaño, que foi asesor de Pradera na editorial Alianza e no xornal El País e que escribiu un libro que inspirou a Julián Hernández a canción Bailaré sobre tu tumba. O editor valoraba a "ironía distanciadora" de Deaño.

En Malicia Noticias deberían atender a Celestino Fernández de la Vega cando explicou que o humor galego "é un esforzo por superarmos a propia debilidade e, mesmo por iso, algo verdadeiramente serio que se agacha baixo a aparente broma".

Pese os temores, este país tivo audaces. José de Cora recuperaba estes días a Domingo Carvallo (1897-1980). Sitiado pola familia na lei e na milicia. Salvado polo Lugo da revista Ronsel e pola amizade de Pimentel e Bal y Gay.

—Dedíquese a la filosofía —aconselloulle o seu profesor Ortega i Gasset.

O alumno asentara xa na cidade natal como inspector de Abastecementos. Gasset solta o comentario coa lixeireza coa que opinamos sobre o futuro dos fillos doutros pais.

Jacobo Stuart-James mandara a filla, Cayetana, a estudar a París dende que os bárbaros incendiaran os primeiros conventos —"no quiero que Tanuca vea su casa arder"—. A Casa de Alba financia a marcha de Domingo Carvallo a Friburgo. Aprenderá de Husserl entre 1928 y 1930 xunto a Hannah Arendt, que acabaría desprezada por Heiddeger.

José Ortega i Gasset convencera ao duque de Alba para que pensionase a un mozo de Lugo que quería enterrar nun caixón a pistola profesional Orbea nº 7 para concentrarse en pensar.

De volta en España como capitán de carabineiros, Carvallo é detido polos golpistas por ler "libros sospeitosos en alemán". Quen podía explicar a ontoloxía a aquelas almas simples? Despois de ser liberado por un sacerdote con máis visión de campo, regresa a Friburgo, na Selva Negra. Heiddeger acepta compartir departamento con Carvallo. Aprecia tanto o mecanismo lóxico que aplica o lucense ao ente como os embutidos que trae cando regresa á casa.

Carvallo, como Celestino, lamenta que o galego sexa unha lingua doméstica e lírica. Ambos os dous queren demostrar que tamén é válida na abstracción. Confabúlanse para traducir Da esencia da verdade, inédita aínda en España. Fernández de la Vega faille a proposta a Ramón Piñeiro paseando polo parque de Rosalía de Castro, en Lugo. O ensaio, de 1943, aparece en Galaxia doce anos máis tarde cunha presentación do seu autor, Martin Heidegger. A benemérita censura tivérao en corentena porque prohibía traducir a "lenguas regionales".

A Franco tardou corenta anos en tremerlle a man. Non foi pola misericordia, senón polo párkinson. Os mil invernos prometidos ao seu réxime ían quedar en pouco máis de tres décadas. O xeo empeza a ceibar auga. Fraga, Areilza e outros alféreces de El Pardo comprenden que van quedar á intemperie cando morra o ferrolán. Pretenden non soamente seguir estando no poder,senón continuar sendo o poder.

Unha ditadura non precisa dar explicacións. Na democracia hai que ter un xornal de man, cando menos. Un político debe actuar como aconsellaba Baudelaire aos comediantes: "Por baixo do personaxe deben verse a arte, o esforzo, a vontade". Alíanse con Ortega Spotorno para relanzar El Sol, o diario madrileño co que o seu pai buscara a rexeneración desde o liberalismo acariñando o socialismo e os nacionalismos. Polanco pon a infraestutura. En 1972 fundan Prisa.

A sombra de Dionisio Ridruejo —antes patriota, agora socialdemócrata— quenta máis do que lles gustaría aos camisas novas. Temen que se repita a desgraza de El Sol: empezou sendo rexeneracionista e acabou a golpes no fragor da loita de clases.

As grandes liñas estratéxicas son trazadas por Javier Pradera. O neno bonito da ortodoxia carlista medrara coma un feo comunista. O brillante director de Alianza Editorial librárase de ser torturado en 1956 por ser tenente do Corpo Xurídico do Exército do Aire. Despois, xa saben, apareceron uns sevillanos que fixeran un erasmus socialista en Surennes e que foron os comediantes que bailaron sobre o Valle de los Caídos.

Javier dispara contra o seu padastro
Comentarios