jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

A loita de clases de Piti Sanz

Saíra un sol terso sobre Lugo. Aproveiteino ir comprar o pan. Ao cruzar o parque de Rosalía crin comprender a loita de clases. Estaba colonizado por pallozas con pel de cartón pedra. As tendas dos patricios recenden a suavizante. Para velas, hai que ir ao centro. Podería facer unha lectura marxista, pero hoxe non teño situacionista o corpo.

.
.

HAI ANOS QUE en Lugo perdemos a vergoña de xogar a romanos e castrexos. Montamos un peplum festivo, o Arde Lucus. Eu fago por gozalo no máis fresco e recóndito da casa pechado con sete chaves. Pepa —que me vende o pan— tampouco se vai vestir este ano. Dime que os lucenses marchan «abrir as casas» que teñen fóra da muralla, nos territorios paganos. Durante esta fin de semana na que a cidade se enche de espartacos e de claudios gaios buscando neles, os indíxenas borrámonos do catastro.

Ao pasar por diante da terraza do Pousadoiro atopei a Carlos Doval, un sabio do baixo electrónico que se adorna con seis aneis, tantos como grupos nos que participa. Unha vez describiume o arsenal que carga nas mans.

—Un anillo era de mi madre, que murió; dos eran de compromiso matrimonial: el formal y el informal; otros dos los llevo porque me gustan y el sexto es porque toco el bajo.

A vida emocional dos músicos é inesperada. Cada vez que atopo a Piti Sanz, confésame que está empezando unha relación cunha muller ou despedindo outra. Piti é un lucense instumentista e compositor.

Outra vez que falara con Carlos Doval explicárame que nunca pensou noutro instrumento máis que no baixo. Tiña 17 anos, que é esa idade na que un namora da rapaza menos recomendable ou da paixón para a vida. Nunca lle preguntei pola rapaza. El sigue co baixo.

—Me enamoró cuando se lo vi tocar a los bajistas de King Crimson y de Black Sabbath.

Pasando por diante sempre hai CéTanganas que faltan a clase no instituto ou que fan botellón nas noites dos sábados

Tras pasar pola panadería fun cunha torta —que parecía unha pandeira de Mercedes Peón— cara ao xornal. Antes de entrar vin unha escena fascinante no baixo do Colexio de Arquitectos. O edificio, de cor funeraria, ten un porche amplo e cuberto cun banco corrido no que adoito poñerme ao día do trap. Pasando por diante sempre hai CéTanganas que faltan a clase no instituto ou que fan botellón nas noites dos sábados.

O venres eran as doce da mañá. No banco sentaran catro esmoleiros —escuros e dramáticos coma personaxes de Caravaggio—. Tres deles estaban inclinados cara a outro, que lles falaba dende un extremo. Enfrente, a dous metros, pousaran un magnetofón baixo e negro, que me recordaba a un paquete longo daquel tabaco John Player Special que fumaba unha tía miña nos anos 70. Camiñaba ante eles cando escoitei o máis novo e de barba máis aceitosa disertando profesoralmente:
—Agora empeza Va, pensiero, sull’ali dorate, no que Verdi cita da Biblia; que era unha lectura constante nel.

O home andaría por volta dos corenta. Diferenzaba entre os propietarios exipcios dos medios de produción e os escravos do coro de Nabucco. Quedei pampo mirando para el. El distraeuse un instante para indagarme con ollos pequenos de pardal. Logrou espantarme. El continuou impartindo, como se fose unha clase formal:

—...voa, pensamento, sobre ás douradas.

Subindo as escaleiras cara á redacción chamei a Daniel Salgado. O xornalista e músicode Monterroso considera que King Crimson é o máis interesante do rock sinfónico dos 70. Eu tiña un disco deles. Na década seguinte non sabía tocar instrumento ningún, pero quería montar a miña banda adolescente,como Carlos Doval. Reneguei das superbandas exquisitas, como King Crimson, para apuntarme ao punk sinxelo e ruidoso dos Sex Pistols e os primeiros Clash.

Daniel montou en 2010 un grupo, Das Kapital, con O Leo Arremecághona e con Marcos Paíno. A súa música recórdame agradablemente a música industrial de Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire que me fascinaran nos 80 e mesmo me está achegando ao folk máis ecléctico a través da música inesperada de Mercedes Peón. Hai unhas semanas que a entrevistei.Sorprendeume a confesión de que ela non escoita música porque sente que está «traballando». A min pásame cos libros. Estou lendo ‘Lou Reed: su vida’ (Libros Singulares) de Mick Wall. Non paro de facer circuliños arredor de frases que cambiaría de sitio, de borrar palabras que sobran ou de cuestionar o criterio do tradutor. Pásame ata que me pregunto quen son eu para corrixir a Mailer ou a Carver.

Das Kapital acabaron sendo desartellados pola represión policial da monotonía. "Non queremos repetirnos", dixeron cando marcaron os zulos onde escondían as últimas gravacións.

Daniel Salgado mantén a inercia de facer música. Vén de crear Vietcong xunto con dous rapaces do Liceo Mutante pontevedrés e un baixista

Sobre O Leo dime un amigo común que sigue "de bar en bar e de manifestación en manifestación". Sobre Paino, que continúa "agochando o seu talento porque non grava".

Daniel Salgado mantén a inercia de facer música. Vén de crear Vietcong xunto con dous rapaces do Liceo Mutante pontevedrés e un baixista.

—Estamos a medio camiño entre a improvisación e o noise rock —define para matizar que, aínda que fale de improvisación, non hai relación co jazz.

O poeta monterrosino recita os seus textos sobre a música. Trátase dun ‘spoken word’, que me recordou o disco American haikus (1959), a colaboración de Jack Kerouac cos saxofonistas Al Cohn e Zoot Sims. Kerouac sométeuse aos tres versos por estrofa do haiku xaponés, pero esquece de contar ata 17 as sílabas dese tipo de poemas. Escribe con criterio jazzístico: "A Lúa/ é un/ limón cego".

Vietcong levan eses nome pola emoción motivada pola referencia ás guerrillas que combatiron a invasión dos Estados Unidos. Supoño que é ese humor marxista co que xa nos divertiran Os Resentidos.

Daniel Salgado confésame que, tras decidir o nome, descubriron unha banda canadiana que se chamaba igual. Os norteamericanos tiveron que borrarse como Viet Cong en 2017 porque cansaron de ser acusados de "apropiación cultural". Os puristas da identidade aínda non puxeron as mans sobre o Nabucco, pero non tardarán en atreverse con Verdi. Agora, ironicamente, fanse chamar Preocuppations.

Antón Reixa cóntame que este verán volven Os Resentidos, que xa teñen contratados bolos, como a orquestra na que participa Carlos Doval.As orquestras galegas non cuestionan se reproducir regatón é apropación.

Outro amigo, tamén común, dixérame que Reixa volvera escribir letras de cancións.

—Os únicos temas novos son os que apareceran no último disco, Jaure. Estou escribindo, pero literatura. Non tardarei en publicar un libro.

Aquel ano  deulle para aprobar dúas asignaturas, cofundar Los Contentos, aprender a montar escenarios, e iniciarse como técnico de son

Piti Sanz ten gañas de asentarse en Lugo, de onde escapou no ano 92, como se Lugo fose a Olimpiada de Barcelona e o perseguise Cobi, esa mascota tola por abrazar sen mediar palabra. Daquela o Arde Lucus non asolagaba Lugo de túnicas senatoriais e peles bárbaras, pero Piti agobiouse e marchou a Santiago estudar Filoloxía Inglesa.

Entrou en terceiro da carreira porque xa rematara Maxisterio. Aquel ano en Compostela deulle para aprobar dúas asignaturas, cofundar a banda Los Contentos, aprender a montar e desmontar escenarios, e iniciarse como técnico de son. Dende entón vive de compoñer para películas e series, e agora está escribindo musica para teatro.

Ás veces vai de xira cos Resentidos como músico. Tamén tocara no grupo de Luis Tosar, Di Elas.
Piti sempre garda unha historia que me sorprende.

—Unha vez acompañei a Luiscando el ía rodar unha película en Bos Aires. Unha noite estabamos na recepción facendo festa. Eu tocaba a guitarra. Escoitoume un produtor e me contratou para que lle escribise a música dun filme.

O seu traballo sube e baixa como as mareas; aparece e desaparece dun día para outro, como os castrexos e os romanos en Lugo. A súa loita de clases son batallas no corazón.

—Piti, que? 

—Deixamonos, Jaure.

A loita de clases de Piti Sanz
Comentarios