sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Luis Seoane cavando, arando e gravando

Luis Seoane levou a arte a cada casa de Galicia: non hai aparador nupcial nin casa de conferenciante sen unha ducia de figuras feitas en Sargadelos.

AQUELA NOITE de 1963 a lúa estaba crecente, como esta madrugada pasada. As lúas crecentes son esperanzadoras. Nelas admírase «o granular branco das estrelas», que escribe Antón Lopo en Corpo (Xerais), o seu novo poemario. Pero aquel amencer de 1963 deixou «ao descuberto o corpo dun arcanxo momificado».

Luis Seoane viaxaba nun tren en Xenebra cando sufriu esa desilusión celestial á que se refire Lopo. No vagón cadroulle cunha muller que viaxaba dende Tessina, o cantón máis meridional de Suíza, ata a meridande española da que procedía. Ela observaba o teito do tren como se o varrese coa mirada. Era incapaz de guiar os ollos, de centralos na realidade. Levaba colgado un cartel identificativo como os que marcaban ás vítimas da Inquisición, pero o texto era piadoso: Esta muller chámase Manuela Rodríguez. É anafalbeta. Axúdena. Xenebra, 1963. Seoane dedicoulle o cadro Emigrante.

A historia lina en Luis Seoane. Deseño e diferenza, o catálogo no que o comisario David Barro argumenta unha mostra do artista instaurada en Lugo. Ás veces, teño a sensación de ser un eremita na lectura de catálogos.

Seoane insistía a Díaz Pardo en que, para que a xente soubese que Galicia ten unha historia, había que «meterlla nos bazares».

O artista coruñés (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) foi colosal e bondadoso, como todo elefante con lentes de pasta. David Barro conta que Seoane lle insistía a Isaac Díaz Pardo en que, para que a xente soubese que Galicia ten unha historia, había que «meterlla nos bazares». A partir desa teoría, ambos os dous idearon unha cerámica que conseguiu que todo galego a relacionase co seu matrimonio e cos matrimonios alleos. As parellas de Galicia celebraban a súa unión civil nas tendas de Sargadelos. Os galegos sabía da súa historia grazas ás vodas dos amigos.

Outro axente promotor desta cerámica foron os profesores de instituto, que asestaban  un detalle —en forma de pomba bíblica ou de noivos baixo a palabra paz— a todo canto conferenciante asomaba a un instituto de ensino medio a principios deste milenio.

Seoane tamén desenvolveu as xarras-cabezolo de persoeiros como Rosalía, Castelao ou Valle Inclán. Castelao saiulle con cara de susto; mentres que Valle Inclán é cuspidiño a Quico Cadaval, aínda que este non comparta o ton grave e ampuloso que adornaba ao dramaturgo arousán.

Pola mañá debuxaba os seus retratos robot, que despois levaba ás xarras de cerámica.

Na miña casa había xarras de figuras históricas: Martín Códax, María Castaña, Pardo de Cela,... A falta de documentación sobre o seu aspecto —as polaroids estaban por inventarse— Seoane aproveitaba as noites para soñar con eles. Pola mañá debuxaba os seus retratos robot, que despois levaba ás xarras de cerámica. María Castaña ten o rostro adiantado e bravo, cunha femineidade reivincada por uns beizos remarcados de carmín vermello. A xarra do Mestre Mateo chamaba a miña atención porque amosa un nariz ancho e esmagado de exboxeador que traballa como porteiro de discoteca. Nunca comprendín que unha cabeza tan tosca puidese idear unha catedral. O retrato cerámico de Prisciliano amosa ese aire intrigante propio de todo herexe que acabarán enterrado en Compostela.

Para a miña familia, a vaixela de Sargadelos era máis que un agasallo nupcial. Era un pan noso de cada día, dánolo hoxe. A miña familia mantiña unha densa relación con Díaz Pardo e iso nos achegaba unha vez ao ano caixas cos pratos que usabamos para os infatigables purés e os ubicuos garavanzos.

O meu pai botou trinta anos investigando non sei que uso de non sei que mineral. Prometía que, «se teño éxito, seremos ricos para varias xeracións». Adoitaba meter pedras a quecer no forno da cociña doméstica, pero, cando a miña nai protestaba moito, conducía ata a Planta Circular de Sargadelos. Alí podía usar os fornos a unhas temperaturas moito máis elevadas que na casa.

Morreu no intento e coa fórmula gardada nalgún lugar que unicamente el sabía. A familia vímonos obrigados a traballar por nós e polas xeracións vindeiras, como se fósemos unha estirpe deshauciada do Paraíso.

As pezas axustizadas eran destinadas a ser esmigalladas, pero indultaban algunha

Eu acompaba o meu pai a Sargadelos no verán. Non tanto por admirar a audacia arquitectónica que exhibiu Albalat na Planta Circular como pola piscina. Ás veces, entrabamos a unha dependencia na que había unha muller cun martelo na man. O seu cadarso branco consistía nunha mesa á esquerda e outra á dereita. Collía un prato da mesa branca da esquerda, mirábao e decidía en medio segundo se o esnaquizaba dun martelazo ou se o pousaba na mesa branca da dereita. As pezas axustizadas eran destinadas a ser esmigalladas, pero, cando o meu pai ou algún outro amigo visitaban Sargadelos, indultaban algunhas para darlles unha segunda vida.

O prestixio de Sargadelos consistía en destruír calquera producto con defecto, algo semellante ao que se fai coas figuras públicas. Como son proxectadas cunha integridade que as eleva por riba de todos nós, non se lles permite deslizar unhas cremas de beleza ao fondo do seu bolso nun supermercado.

Jean Paul Sartre foi un mito. O seu legado ten como carga ética a loita por achegar a liberdade a todos, polo que non houbo causa inxusta que non combatese —fose o padecemento dos inmigrantes en Francia ou a opacidade que aplicaban aos intelectuais na URSS—. O legado de Seoane consistiu en tratar de «desvalorizar o exclusivo» a través da tarefa de «cavar, arar e gravar» como tres xeitos semellantes de achegarse ao primixenio, e, polo tanto, ao maioritario. O creador concibiu o gravado como medio para popularizar a arte, pero logrouno por onde menos agardaba: a cerámica.

'A ceremonia dos adeuses' consiste nunha crónica da chegada da miserenta vellez ao corpo do pensador e o seu asentamento nel

Un mito cuestionado deixa de selo. Sartre era un mito extensamente respectado ata que Simone de Beauvoir escribiu A ceremonia dos adeuses. Consiste nunha crónica da chegada da miserenta vellez ao corpo do pensador e o seu asentamento nel. Sartre continuaba sendo el mesmo entre 1970 e 1980 —a década que relata o libro—, pero o seu físico volvía á terra pola indolencia dos anos e pola lei da gravidade. Antón Lopo explica en Corpo ese paradoxo: «Hai un tempo que me preguntas que queda do que fomos, como se antes fósemos máis nós do que somos nós agora».

Tamén ando lendo estes días La ceremonia de los adioses nunha edición publicada en 1982 por Edhasa que atopei nun cemiterio de libros deses nos que podes comprar calquera título a calquera prezo porque as obras graves, como a roupa lixeira de tempada, perden valor en canto chega a invernía.

Sartre (1905-1980), o deus intelectual do 68 francés, é humanizado pola súa amiga nese texto como un vello que se mexa por riba, que tarda «dous días en ler Le Nouvelle Observateur», que é «atopado no chan, durmido e borracho»; un vello polo que chora cando el lle confirma que vai quedar cego.

«É horrible asistir á agonía dunha esperanza», retruca a escritora Simone de Beauvoir

«Nisto consiste a cerimonia dos adeuses», explícalle Sartre. «É horrible asistir á agonía dunha esperanza», retruca a escritora. Con todo, escoito a Lopo no seu poemario que «fronte ao discurso sólido do pasado e ás —excitantes— insinuacións do futuro, o presente é o único que respira».

 Simone de Beauvoir é consciente de que «o que Sartre tivo de extraordinario e desconcertante para o seu entorno é que, no fondo dos abismos onde se lle cría afundido para sempre, rexurdía alegre e intacto».

Ao longo do seu relato, que abrangue dende 1970 a 1980, teme que Sartre morra en varias ocasións. «Vin crecer e desaparecer bosques», advirte Lopo en Corpo.

En abril do ano 80, o corpo do pensador cedeu. De Beauvoir asume  que «a súa morte nos afasta. A miña morte non nos unirá», pero se consola subliñando que «foi fermoso que as nosas vidas puidesen estivesen de acordo durante tanto tempo».

Luis Seoane cavando, arando e gravando
Comentarios