miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Un mar é unha casa de merendas

José María Besteiro contoume que o seu pai baixaba os cabalos salvaxes á praia de Foz para desbravalos. Cercábaos ata que se metían no mar da Rapadoira, ata que daban cos fuciños contra as ondas, ata que respiraban coas cabezas frescas encaixadas no salitre. Saían da auga coa lección de Séneca aprendida: "Máis alá de todas as cousas está o Océano"
Manuel Veiga Taboada. EDICIÖNS XERAIS
Manuel Veiga Taboada. EDICIÖNS XERAIS

NINGUÉN PODE someter un mar bravo. Nin Robespierre, nin Stalin; nin sequera Pardo de Cela. Mesmo os romanos pararon os pés en seco ao chegar a Fisterra. O mar é unha revolución. Pasa meses de calma e, de repente, vólvese nervio, axitación e asalto aos palacios de inverno. As revolucións son coma liortas tabernarias por cartos, pero non veñen causadas polos males do viño ("produce delirios, somnolencia e gañas de ouriñar", advertía Shakespeare), senón polos males que causan o salto económico de clases, polos precipios pecuniarios. Manuel Veiga Taboada vén de escribir A parte queimada (Aira Editorial) para explicarse por que as restauracións conservadoras son mansas e reconciliadoras coma un musical (pensemos en Bailando baixo a chuvia) e por que as revoltas populares acaban sendo sanguinolentas. Manuel e máis eu falamos o venres:

—Se te fixas, os reximes restauradores da tradición apenas xeran disidencias internas destacables —sinalou.

Cando os blasonados Redón empezaron a presumir de que tiñan as pernas máis bonitas da Bretaña non hai feridas, abondou con que os Barbinais os retasen a unha xusta incruenta nunha mañá de sol lixeiro no Campo Xurado de Rennes. Os Barbinais quedaron coa beleza e a dignidade. Pero, como me fai ver Manuel, "a revolución devora, queima e guillotina, conxela, fusila e mata cun piolet"; mentres que o autor fascista Curzio Malaparte foi confinado na illa de Lipari, os escritores soviéticos disidentes son asasinados. Ben observaba "Hannah Arendt que o comunismo ten unha capacidade moito maior para xerar disidentes que o fascismo".

Todos os tiranos gozan duns anos de mar calma antes de que lles derruben os muros dos castelos. O meu pai ensinábame a Casa do Piñeiro cando íamos en coche para ver os cabalos salvaxes correndo pola serra do Xistral, no amencer dos anos 70. Estaba situada na equidistancia perfecta entre o castelo do Castro de Ouro, onde Pardo de Cela facía vida, e a altísima torre da Frouxeira, onde resistiu o embate dos Reis Católicos. Enrocouse nesa fortaleza cando Isabel e Fernando decidiron "domar aquela terra de Galicia, porque non só os señores e cabaleiros dela mais tamén todas as xentes daquela nación eran os uns contra os outros moi arriscados e guerreiros", que xustificou Jerónimo Zurita. Cabanillas recreouno dende o punto de vista do mariscal derrotado no poema En pé!: "Validos de treidores/ a noite da Frouseira/ a patria escravizaron/ uns reises de Castela".

O Cantábrico é, por veces, acolledor coma unha casa de merendas

O meu pai levantaba unha man do volante do Seat 850 marrón para indicarme a Casa do Piñeiro. De feitura baixa e recollida, estaba protexida por un piñeiro garantista.
—Nesta casa merendaba Pardo de Cela cando cabalgaba do Castro á Frouxeira. Gustábanlle as castañas deste val, que eran doces e nada fariñentas. Xantábaas cocidas con chourizos ceboleiros que lle servía Fabián. E non lle disgustaba xacer coa súa criada, Dorinda.


O Cantábrico é, por veces, acolledor coma unha casa de merendas. Non lembro terlles falado de Eugenia, unha rapaza de Ribadeo que naceu coas pernas xuntas e voz de solteira. Eu era cativo, pero teño escoitado o que aconteceu cando arribaron ao muelle os príncipes Don Juan Carlos e Dona Sofía. Os pais de Eugenia baixárana a Porcillán nunha carretiña de obra, cuberta por unha manta de liño branco para disimular o seu defecto. Aconteceu que, entre o xentío, os vivas, as bandeiras alentadas polo cálido vento sur e a emoción, Eugenia botouse á auga. Pasaron anos sen que se soubese dela. O Hermanos Iriarte era un barco ribadense que, casualmente, levaba unha divisa de Séneca nun cartel na ponte do mando: Sen razón quéixase do mar quen outra vez navega. A suxestión fóra de Dionisio Gamallo, o sabio local. O Hermanos Iriarte andaba faenando no Mar de Fóra durante un día dos declinantes anos 70 cando enganchou un obxecto pesado nas redes. Levantaron o aparello con alegría supoñendo un bonito descomunal, pero era a rapaza baixiña de melena loira e sorriso de perla que desaparecera que tiña as pernas unidas carnalmente.

Na vila contan que Penzol deu permiso para que vivise na súa piscina durante o ano porque el residía en Vigo. Tan popular se fixo e tantas eran as visitas que houberon de asentar no salón principal do chalet unha bañeira de respecto para que recibise. Falábase na vila de que fumaba Winston de contrabando que lle daba un mozo seu que navegaba nun mercante polo mar da China e de que lle botaba pingas de mel para adozalo.

O desexo secreto dos ribadenses era que Eugenia parise fillas de pelo coma o trigo agostado, pero ela desbotábao porque "a única posibilidade é a cesárea, que eu sei que ma facían habilmente na clínica de Moreda, pero méteme angustia". Disque o seu ventre era todo liso, sen embigo.

Robespierre poclamou na Convención do 17 de novembro de 1793 que "a violencia progresiva operou en poucos anos a obra de varios séculos"

Os partos nunca son pacíficos. Marx deulle a volta a esa idea cando escribiu que "a violencia é a partera de toda sociedade vella preñada dunha nova". As revolucións nunca son amables. "O irresistible empuxe da desesperación", que explicaba Stefan Zweig. O ser humano é un animal tan impaciente que calquera incertidume lle serve para alimentarse. Robespierre, que acabou por sofisticar o pánico revolucionario, proclamou na Convención do 17 de novembro de 1793 que "a violencia progresiva operou en poucos anos a obra de varios séculos". O martes, ao pasar baixo o arco da Porta de Santiago, pensei que en 1789 Lugo estaba abrindo un burato na súa muralla romana para admirar pousadamente a fachada da catedral cando os parisinos estaban asaltando a Bastilla para meter présa na Historia.

A sona que corre pola Mariña lucense é que os cabalos bravos da maior confianza son os que pastaban no patio de armas da Frouxeira. Era o lugar preferido polos tratantes para ir buscalos e baixalos a Foz. Poñíanos a cabalgar e cabalgar as ondas ata que se enterraban no mar. "A revolución tamén devora por esgotamento", advirte Manuel Veiga. Os revolucionarios rusos "son homes que non superan case nunca os corenta anos, pero están demasiado cansos, primeiro, polas duras cabalgadas, polo incesante traslado dun lugar a outro que supón a guerra, despois por todo o contrario, polo sedentarismo e o esforzo mental que leva consigo atender os desbordados despachos dos comisarios". Cita as idades que tiñan en 1917, ano en que prenderon os lumes marxistas polo Home Novo: Lenin (47), Trotski (38), Bukharin (29) e Kamenev e Zioev (34). Non son vellos, pero están "case mortos de fame, fracos, con olleiras; semellan cadáveres ou, cando menos, anciáns prematuros". Confundiran as súas vidas breves con fragancias, eran tan intensas que lles parecían eternas.

Pódese desprezalos como fanáticos, pero non como pantanistas. Na Asemblea francesa de 1793 A Montaña senta á esquerda, e os xacobinos e os xirondinos, á dereita. En medio está A Chaira e por debaixo O Pantano. Victor Hugo escribe que "os pantanistas eran cinicamente asustados", aínda que lles atribúe o valor que distingue a covardía: preferían a Xironda, pero votaban coa Montaña. O desenlace dependía deles e inclinábanse pola causas que ofrecía máis elementos de triunfo".

Manuel Veiga recoñece que Stalin "non era  o orador máis brillante", pero argumenta que se impuxo porque "contaba cun carácter calmo e resistente, o máis apto para soportar situacións extremas". A seguir cita a Milán Kundera cando fala dos grandes procesos do ditador contra outros comunistas nos que os homes de Estado amosan "fría aprobación para aceptar a condena a morte de amigos cos que compartiran momentos duros, emigración, persecución, longa loita política". Talvez o carácter bravo e a revolución conserven mellor a humanidade que os períodos de mar calma.

Un mar é unha casa de merendas
Comentarios