lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

María Antonieta tivo un fillo con escamas

Non se conserva imaxe do fenómeno. Non apareceu unha carta, malia que sabemos que escribiu á familia lonxana de Gales. Non hai unha gravación da súa voz. Todo o que alcanzamos é a memoria de Ribadeo. Aseguran que unha serea actuaba no histórico Cabaret Voltaire, o local penumbroso da rúa de San Roque durante os tempos da República.

O CABARET tiña un repertorio habitual. O presentador de bigote fino, os coros de baile con mozas coas pernas pintadas con corcho porque non sempre entraba no porto as medias de seda de Amsterdam e ás veces rachaban, o travesti que castigaba aos clientes co látego húmido da boca,...
Pero a memoria da serea é incerta. Seica que o pesqueiro Irmáns Navarret a enganchou recollendo redes cando pescaba á altura de Cardiff. Ao primeiro os mariñeiros asustaron de ver aquel ser precioso que era muller e era unha pescada inmensa segundo a parte do corpo que se mirase. Ela insistía no tópico das sereas tendo os ollos claros e deixando medrar a melena loira coma se lle teceran con fío amarelo. Ao primeiro pensaron en devolvela ao mar, pero ao cabo déronse entendido con ela por xestos. Non falaba lingua cristiá, senón o galés. Aceptaron levala no barco ao seu porto . A ela dáballe o mesmo. Ía farta de ser serea, de ver peixes e de ter o pelo mollado todo o día. Puxéronlle María Antonieta de nome e ela acabou recoñecéndose nel.

Optaron por acomodala a popa, dentro dun tonel grande. Usábano cando andaban ao bacallao e trataban de mantelo vivo para quitarlle máis cartos na rula. A viaxe de volta librouse das incidencias. Todos os días, polo sol do serán, paraban máquinas durante unha hora para que a serea puidese bañarse a fin de que a auga correse polas súas escamas. Era unha muller-peixe, o que axudaba bastante a tela ubicada dentro do barreño.

María Antonieta tiña mellor idea que as sereas que tentaron a Ulises e a súa tripulación a dirixirse contra a costa. Os mariñeiros do Irmáns Iriarte excusaron de atarse ao barco porque, lonxe de cantarlles un lied de Schubert, a serea falou por signos. Reparara en que aqueles homes que tiña o pelo traslúcido como ela e os ollos lapizaulí eran herméticos ao entendemento da lingua galesa.
Sería un problema se a serea fose metade ave, se lle dese un arrepentimento. Podería escapar voando. Rodrigo Osorio vén de publicar Orixe orzánica das sereas todas, un libro atentamente editado por Alvarellos, no que recolle unha secuencia do poema A argonáutica de Apolonio de Rodas. Esa composición delimita claramente a natureza das sereas que tentaron a Ulises: "Na metade do corpo semellaban ser aves/ e na outra metade mulleres lanzais./ Desde os cons máis seguros axexaban o mare./ En cantas ocasións furtaron o retorno/ daqueles que escoitaron as súas voces florais".

Cunqueiro sostén en varios textos documentados que as sereas mediterráneas carecen de embigo, polo que deduzo que o seu xeito de parto non é o propio dos mamíferos.

Ao parecer produciuse unha transmutación nesa natureza aérea a outra acuática, pero non me quedou claro que as sereas dean procreado o número suficiente de crías como para que a natureza vaia cambiando. Consulto a Cunqueiro. El sostén en varios textos documentados que as sereas mediterráneas carecen de embigo, polo que deduzo que o seu xeito de parto non é o propio dos mamíferos. Apunta, a maiores, que as sereas mediteráneas sofren tanto ao dar a luz que acaban morrendo no nacemento do primoxénito. As sereas atlánticas si que teñen numerosos fillos.
Non hai documentos que o demostren, pero María Antonieta acabou asentada en Ribadeo, bailando nun estanque habilitado no Cabaret Voltaire, e sendo nai tras emparellarse cun mariñeiro do Irmáns Navarret. O cura Don Narciso negouse a casalos porque entendía que ela era unha criatura do impropia da Creación, pero rematou por aceptar que debía bautizar aos seus fillos para evitar condealos a vivir no pecado. O sacerdote reparou en que o cemiterio municipal tiña unha zona reservada aos protestantes e outra aos veciños da xudería que había na rúa da Trinidade, pero non había terra reservada a fillos de serea. Se morría algún, como era habitual no tempo, a súa alma quedaría ao capricho das ondas do paganismo.

Don Narciso chorou de emoción na ceremonia de nomear o primeiro cativo. Chamouse, necesariamente, Mariño. O neno naceu cunhas escamas finísimas e prateadas cubríndolle o corpo todo. María Antonieta inclinou a Mariño sobre a pía bautismal, que é dun marfil branco apagado labrado no século XII, para que Don Narciso lle botase auga pola cabeza mentres rezaba os latíns de benvida do pequeno á Santa Igrexa Católica e Romana. Os presentes non daban crédito. Segundo corría a auga pola cabeza do neno, as escamas deixábanse levar. Daquela o cura colleuno, espiuno dos mantos azuis e fixo correr a auga bieita por todo o seu corpo, volvéndoo dese xeito integra e benevolentemente cristián. O sacerdote advertiu aos pais de que a graza do bautismo era reversible. Se o rapaz cometía un pecado mortal volverían aparecerlle as escamas. Soamente unha penitencia de entrar como freire no mosteiro dos Picos, en Mondoñedo, podería redimilo. Esta admonición non figura no Código Canónico que, como é lóxico, non atende ao Dereito das sereas por non estar comprobada a súa existencia no Paraíso creado por Deus nin na listaxe de seres que subiron ao barco de Noé.

Toda esta memoria véuseme lendo o libro de Rodrigo Osorio (Ponferrada, 1977). O autor berciano imaxina o final alternativo da Guerra Civil. Franco é xuzgado por dar un golpe de Estado contra a democracia. Galicia é unha comunidade gobernada pola Asemblea. De cumprirse o relato, a Real Academia non tería sido ese órgano timorato e sumiso á dictadura, senón que tería admitido o pintor e escritor Urbano Lugrís como membro pleno. O ingreso teríase producido o 19 de novembro de 1953 cun discurso documentado sobre as sereas que achegaría a nosa visión deses antollos da natureza. Osorio cita a Fernán Martín, que traduciu do francés a Crónica Troiana para o galego en 1373 por encarga dun Pérez de Andrade. "Sorprendentemente, Fernán Martín separouse da versión francesa e mantivo certa fidelidade ao orixinal homérico: non fai descrición das sereas, para Nós as sereas seguían a ser unha insinuación, unha suxestión que a nosa imaxinación debería encher".

A relación dos homes mariños cos pescadores era boa porque "son presaxio de grandísima pesca e amigos de xente humana, que lles dá pan"

Esa etnia galega sería, sinala Urbano Lugrís, froito dos encontros entre sereas e "os homes mariños" da praia coruñesa do Orzán, onde hai unha cidade asolagada que habitan. Temos noticia destas criaturas pola Memoria do arcebispado de Santiago de Compostela , que Jerónimo del Hoyo escribiu en 1607. Describe os homes mariños como "peixes da mesma figura que os homes" aos que "en todo se lle parecen fóra de que teñen mans e pés un pouco tortos por razón de andar sempre nadando como as rás". A relación cos pescadores era boa porque "son presaxio de grandísima pesca e amigos de xente humana, que lles dá pan".

A historia de María Antonieta pareceume inverosímil dende que ma contaron no muelle de Porcillán o pai do taxista Raulín e un Iriarte do que non dei lembrado o nome para escribilo neste texto por máis que use trucos nemotécnicos. As sereas viven uns corenta anos como media, polo que é probable que a serea de Ribadeo chegase a vella nos anos 50, cando o fotógrafo Sáez estaba xa asentado na vila.

Sería unha deixadez pola súa banda non ter documentado aquel ser excepcional, aínda que os mariñeiros que me informaron rebaixan esa excepcionalidade: "Levaba tantos anos actuando cada noite no Voltaire que o público cansara de mirar para ela», apuntaron. Iriarte chegou a citarme o filósofo Pascal: "Sabes como chamaba aos que sodes tan exquisitos coa verosimilitude? Canibais. Os caníbais soamente apreciades o que vos é dado pola realidade bruta, sodes incapaces de percibir a tea sutil de maxia que cobre a realidade".

María Antonieta tivo un fillo con escamas
Comentarios