viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Matade a todos, Deus recoñecerá os seus

O último informe do Consello da Cultura Galega (CCG) explica con valentía que falta planificación, empuxe e avaliación nas nosas actividades creativas e escénicas. Os problemas non serán removidos, pero xa se lles puxo cara

tartufo
tartufo

RAMÓN VILLARES avisaba da festa no Cazás, o seu espazo de Xermade, nos anos 60. Hai unha foto de cando rapaz na que un sol rei de baralla brilla na súa cara mentres terma dunha vara que fabrica a axencia espacial das verbenas para poñer o estrondo feliz no ceo.

Villares preside o Consello da Cultura Galega. Seica que por pouco tempo. O terzo de mellora será para Rosario Álvarez, a vicepresidenta. Caetano Díaz escribía hai unha semana que vai ser a primeira presidenta da institución.

Mentres a nosa cultura se extingue co paso marcado polo idioma, os amigos e máis eu desafiámonos a sinalar os marcos que delimitan o Instituto da Lingua e o Centro Ramón Piñeiro, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura. Eu sei que cada unha das catro institucións ten peculiaridades, mesmo que non todos os membros dunhas pertencen a outras —como adoitan bromear nos bares os intelectuais resentidos—.

Coñecidos que traballan nesas entidades adoitan darme uns argumentos precisos para distinguilas, como se fosen aves de paso a identificar no ceo; pero logo os esquezo.

En medio do marasmo de investigadores prestixiosos, favorecidos inexplicables e familiares remotos que conviven laboralmente nas entidades culturais do país, Ramón Villares dotou o Consello da Cultura Galega con sentido e sensibilidade. Baixo os seus mandatos, vese unha actividade pensada e útil. Espero que Rosario Álvarez prolongue o labor do predecesor, pero como di Molière en O Tartufo, "é moi longo o camiño dende a simple intención".

Henrique Harguindey vén de traducir mimosa e versadamente 'O Tartufo'. O texto é tan cristián e monárquico que sorprende que o escribise o libertino Molière

O actual presidente vén de deixar a súa opus magnum coa coordinación dun informe de cincocentas páxinas na que se analiza polo miúdo o estado do paciente: a cultura e o ocio de Galicia. Políticos, xestores, favorecidos e opinadores deberían lelo. Recoméndolles as últimas páxinas, onde atoparán a diagnose e unhas propostas de medicación, exercicio e alimentación para o doente.

Eu dediqueille unhas horas dunha tarde na que unhas nubes negras e dramáticas flotaban sobre a muralla de Lugo. O vento fresco que ascende dende o Miño arrastrounas para despexar o ceo. De noite, unha lúa alta e chea de orgullo brillaba na cúpula escura. Foime luz abonda para ler O Tartufo (Laiovento). Henrique Harguindey vén de traducir mimosa e versadamente esa comedia. O texto é tan cristián e monárquico que sorprende que o escribise o libertino Molière (París, 1622-1673). A palabra ‘libertino’ non tiña soamente unha connotación sexual na Francia do século XVII. Referíase tamén á heterodoxia progresista.

Nese sentido, o informe do Consello da Cultura ten unha inspiración libertina. Sustenta a intención de explicarlles aos actores intelectuais do país —nomeadamente á Consellería de Cultura— que «falta estratexia, diagnose, planificación e avaliación» no ámbito cultural.

Son admonicións que a Real Academia Galega debería facer se non se dedicase á inclinación da caluga e ao bico casto nas mans brancas do poder. No canto de exercer o seu labor de vixía e asesoramento, a RAG cultiva un tartufismo ortodoxo de cara afora e devórase os intestinos a bocados de cara adentro.

O ricacho queda impresionado pola entrega á fe de Tartufo, por velo "cada día na igrexa moi orante"

Tartuffe é a trufa, o cogomelo que se agocha baixo terra. O Tartufo de Molière é un pobre  "ben mantido, de pel fresca e de ton vermello na boca". Saiu da "máis negra miseria" grazas ao seu ascendente sobre o burgués Orgón, quen opina que "a miseria" do seu protexido "é unha honrada miseria". O ricacho queda impresionado pola entrega á fe de Tartufo, por velo "cada día na igrexa moi orante" despoxado da conciencia de si propio "polo ardor con que ao Ceo eleva a oración/ bota longos laios entre grande arrebato;/ bicando humildemente aquel chan de inmediato".

Ao longo da obra, Tartufo logra introducirse con tanta eficacia na alma de Orgón que inflúe para que este lle entregue en matrimonio á filla —prometida con outro— e consigue que lle doe todos os bens. A maiores, intenta seducir a Elmira, a muller de Orgón, cumpridamente máis nova que o seu home. Será unha dama de compañía, Dorina, quen argalle a táctica para desvestir a Tartufo, unha táctica que acabará sancionado o rei.

As nosas institucións culturais están ocupadas por tartufos que proclaman nos días impares, e tamén os pares, o seu fervor pola causa porque "somentendo a súa alma aos intereses do diñeiro/ fan da devoción algo vivideiro". O informe do Consello da Cultura ben pode servir para combatir esa tendencia cómoda e arribista que domina a nosa cultura. Pode ser usado como guía para facer "distinción entre a hipocrisía e a devoción". Ese é o mérito maior de Ramón Villares.

Valente foi tamén a presentación o pasado martes da Academia Galega do Teatro (AGT). Na primeira comparecencia declararon que o Agadic debe ser "reestruturado —ou cando menos reconsiderado—", o que me pareceu sobreactuado, pero respectable.

Inma António, que preside a xestora da AGT, queixábase outro día de aí atrás de que "o teatro está entre as mallorets e os ilusionistas" para solicitar un trato digno ás administracións.

A Terra Chá un panorama sen abrigo que ten "un pobo aquí/ outro acolá", como escribiu Manuel María cando se sentiu topógrafo

Léndoa, acordei do dato máis singular que achega o informe do Consello da Cultura Galega: o 73% dos galegos asiste a verbenas como mínimo unha vez ao ano. Pregunteime daquela se as bombas de palenque que prendía Ramón Villares cando adolescente terían dunha potencia aumentada en Cazás para que toda a Terra Chá, tan espallada, soubese que comezaba a festa.

Esa comarca é o noso Medio Oeste, un panorama sen abrigo que ten «un pobo aquí/ outro acolá», como escribiu Manuel María cando se sentiu topógrafo. Conducir polas estradas dese verde desamparado baixo un sol soberbio fai entender que a súa etnia dominante sexan os poetas.

Os escritores chairegos son grandilocuentes, esdrúxulos e telúricos porque naceron nunha paisaxe larga na que unicamente se poden ter ideas monumentais, na que soamente se pode crer en persoas que dividiron a Historia en dous, como Cristo ou Marx. Ás veces, en ambos os dous ao tempo porque, como dicía Tierno Galván, Deus axuda aos bos marxistas.

Esa visión axúdame a comprender ao poeta chairego Díaz Castro, fillo de casa grande e educado no carlismo seminarista de Mondoñedo. Para celebrarlle as Letras Galegas houbo que branquearlle o expediente. Pero descubriunos Emilio Ínsua en Díaz Castro. Poeta en formación (1914-1939) que marchou voluntario para disparar contra comunistas na fronte guerracivilista de Asturias. O seu fervor era tan transparente como o que esixía Molière en O Tartufo, pero confío en que menos cargado da razón fanática que alentaba á lexión que Inocencio III armou contra os cátaros.

Amaury, que fora abad de Poblet, sentiuse iluminado e contestou: "Matádeos a todos, Deus distinguirá os seus"


En 1029, cando os soldados que mandaba o monxe Arnaud Amaury se dispoñían a asaltar a cidade francesa de Béziers para hixienizala de herexía a sangue e ferro, un lugartenente perplexo preguntoulle como distinguirían os católicos disimulantes dos cátaros impostores. Amaury, que fora abad de Poblet, sentiuse iluminado e contestou: "Matádeos a todos, Deus distinguirá os seus".Díaz Castro regresou a Galicia nos anos 80 e recibiu o bautismo civilizatorio da tribo dos poetas chairegos. Coñeceu Manuel María e a Darío Xohán Cabana, tan bos e xenerosos marxistas que debeu de pensar que Deus os axudaba.

Matade a todos, Deus recoñecerá os seus
Comentarios