jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Non todos temos unha curva propia

Manuel Jabois empezou a escribir Malaherba nun taxi ao que non lle furrulaba o taxímetro —un taxi sen taxímetro é un turismo—. Blanco Amor morreu nun taxi —branco cadaleito infantil— cando buscaba  un hospital que lle  desatase un trombo que se lle enleara na cabeza

Miguel de Lira.
Miguel de Lira.

MIGUEL DE LIRA reveloume o xoves a orixe de ‘Curva España’. Será a nova montaxe do seu grupo, Chévere.
—Actuabamos en Verín. Fun en tren ata A Gudiña. Para chegar a Verín tiven que coller un taxi porque o tren non chega. Cando llo comentei ao taxista, el faloume da Curva España.

As boas e as malas ideas deste país nacen e morren en taxis, aleatoriamente. O taxis son grandes berces brancos.

Eu non nacín nun taxi por un acelerón. Aquela noite de agosto  de 1965 Bilbao, unha cidade construída nun burato aberto por un meterorito, era unha illa de calor. A miña nai agardaba a fin do seu embaracísimo mirando roubar unha furgoneta aparcada uns portais abaixo. A policía ignorou a chamada de advertencia porque temeu unha emboscada de Eta. Itziar sentiu as punzadas no ventre, aquelas campás dobraban por min. O meu pai estaba traballando a centos de quilómetros —ao cabo, estaba de máis no proceso—. Non había coche dispoñible e chamaron por un taxi. A miña nai gusta nunca estrutura os relatos. De facelo, sería Ricardo Colmenero. Pero sabe contar:

—Cuando estábamos a punto de atravesar el puente levadizo de Deusto se escuchó cómo se agitaba la estructura del puente para dejar pasar un barco. Empezaron las barreras para que no pasasen coches. El taxista dio un acelerón alcanzando tal velocidad que saltamos desde un tramo del puente a otro. Al caer estábamos a salvo, pero rompí aguas por culpa del golpe. Llegamos a tiempo al hospital.

Estou convencido de que aquel taxista era de Baralla porque todos os taxistas que fun coñecendo en Bilbao ao longo das visitas aos meus avós procedían de Baralla.

José Fernández España non ía en taxi o día de maio de 1927, cando o seu automóbil marchou por un barranco abaixo na vella estrada de Gudiña a Verín. Dende aquela, a curva na que perdeu o control do coche ten o seu nome: A Curva España. O finado era o enxeñeiro que dirixía as obras do tren proxectado entre Ourense e Zamora. O trazado era o lóxico: avanzaba pola zona máis poboada e activa da provincia galega, en paralelo á fronteira con Portugal.

Tras o pasamento, redebuxáronse os planos para levalos a unha zona montañosa máis pobre e cun presuposto que se disparaba aos cumios. Nos bares e nos lavadoiros de Verín xerouse a convición de que os caciques locais rexeitaban que o tren lles levase terras e conspiraron para que Fernández España morrese.

—O que nos interesa para a montaxe de Chévere é como pensa a xente de Verín, que dá para un guión de thriller. Falamos con eles sobre o que lles contaron os seus avós e os seus pais. A convición máis extendida é que os caciques se desfixeron do enxeñeiro. Investigamos a verdade da lenda, como se xeran as lendas.

—Pero imos razoar, Miguel. A morte dunha persoa, por moito que dirixa unha obra, non pode ser tan importante como para cambiar todo o trazado decidido nun proxecto ministerial.

—Iso mesmo nos preguntamos nós, Santiago.

O actor ilumíname daquela sobre un persoeiro que eu non coñecía.

—Un fío do que tiramos é Eloy André, un discípulo de Unamuno e de Ortega y Gasset que nacera en Vilardevós, cerca de Verín. André pelexou porque o tren fose polo sur de Ourense para que vertebrase Galicia con Portugal e comunicase Vigo, o porto de entrada de Surámerica, con Madrid, Cataluña e Francia.

—Defendía unha estrutura de ramais dende a fronteira francesa e non a radial con centro en Madrid que se impuxo

—intereseime.

—Si. Nos ensaios temos debates sobre como se vertebrou España, pero non é o elemento detonante. O elemento detonante é intentar resolver o thriller da morte de España. O telón de fondo é saber como era esa España e a que España chegamos.

Os ourensáns soamente saben escribir sobre Ourense, pero con ese tema teñen para deixar columnas en herdanza para varias xeracións

Pola tarde falei con Ricardo Colmenero, un periodista que escribe columnas sobre Ourense dende Ibiza e dende carallo estea. Os ourensáns soamente saben escribir sobre Ourense, pero con ese tema teñen para deixar columnas en herdanza para varias xeracións. Ricardo vén de escoller e reunir unhas cantas en Literatura infiel (Círculo de Tiza).

Pensei que Colmenero debería poñerse en contacto con Chévere para debatiren sobre a verdade das lendas. Ricardo é de San Lourenzo de Piñor, que penso que pertence a Barbadás.

—Sabes o que pasa, Jaure? Que os galegos temos un xeito noso de contar as cousas. Se eu conto nunha columna que o meu can era monago ou que a miña nai andaba cunha escopeta pola rúa soamente mo cren en Galicia. Fóra dinme: "Xa estás ti co realismo máxico!" O que conto é certo, porque o meu can sentaba entre os santos na misa. Había que ver como estaba don Ovidio, claro!

Sobre ese cura téñolle lido a Colmenero que levaba os petos da sotana cheos de ferralla  e que interrompía as misas de xeito aleatorio para ir facer algún recado e que, cando volvía, lía onde el pensaba que deixara a cerimonia. Carecía de apuntador, así que podería volver empezar a homilia ou desexar aos ferigreses que fosen en paz para a casa.

Non dubido do que conta Colmenero porque en Ribadeo tivemos un sacerdote que se lanzou dende a Atalia cun ultralixeiro que improvisara cunhas sotanas vellas e as barras dun palio. Don Ovidio morrería de vello, pero nós tivemos que improvisar un párroco.

Ricardo recoñece que empezou a escribir columnas "por envexa", pero foi unha envexa tardía e improvisada, que son envexas que nunca acaban de coller pouso. Non lle interesaban as columnas porque pensaban que as escribían señores que escriben de calquera asunto sen o menor coñecemento. Cando el traballaba  a unhas mesas curtas de Pedro J., había un tipo que botaba a tarde sentado ante un ordenador. Colocábase e recolocábase, sen atopar a postura.

—Ás veces afundía a cabeza entre as mans.  Parecía que para pensar, pero era para durmir. Un día preguntei por el e me dixeron que era un tipo importantísimo, que era unha fichaxe de Pedro J. Un columnista! Despois, souben que era David Gistau. Empecei a lelo e me decatei de que perdera de sentir envexa de Gistau porque non lera a Gistau. É moi bo.

Ricardo traballou en Estados Unidos, por iso defende que os articulistas escriban sobre o que coñecen

A Ricardo Colmenero non lle vai mal como articulista. Empezou a escribir a contrapelo, camiñando coidadosamente, por volta dos corenta. Pediulle un permiso a un xefe. A condición foi que evitase escribir de si mesmo. El non lle fixo caso.

—Lucía Méndez di que un columnista non pode escribir sobre o seu gato. Como non vas escribir sobre o teu gato? É o que mellor coñeces!

Ricardo traballou en Estados Unidos, por iso defende que os articulistas escriban sobre o que coñecen. Algo que consideramos unha esixencia ríxida en Europa.

O ano pasado o autor de Literatura infiel levou o premio Julio Camba, un dos galardóns para artigos de prensa máis respectados nesa curva pronunciada en Cataluña que é España.

—Eu tomo os premios como diagnósticos, como cando vas ao médico e che solta: "Ten vostede un camba e non se pode facer nada".

Colmenero aspira a unha vida superior. Esa que, dime el, acadou Camba. 

—Podes publicar unha columna de Camba agora e parece escrita onte.

A min gústame como escribe Ricardo. Lanza metáforas de longo alcance e solta frases que chegan ao fondo da ría, como o cura volatineiro de Ribadeo. Discrepo sobre Julio Camba. O arousán lía pouco e mal, desordenada e superficialmente. Por iso, escribía columnas baseadas en chistes limitados a distraer  ao lector cando queres convencelo de que es o xenio que estás a moitas curvas de ser.

Non todos temos unha curva propia
Comentarios