martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Nós poucos, nós poucos felices, nós irmandiños

O primeiro que leo nos libros de autores debutantes é a súa biografía. Interésame porque adoitan ser eles quen se presentan. Os editores senten demasiada preguiza como para redactar unha lapela sobre un escritor que aínda carece dunha folla Excel con premios recibidos
Siri Hustvedt . EFE
Siri Hustvedt . EFE

OS EDITORES de Blackie Books son os máis cordiais do Reino. Nos envíos dos libros inclúen unha nota manuscrita ao teu nome explicándoche os motivos polos que publican a obra. Un detalle benaventurado.

Veñen de editar Infelices de Javier Peña (A Coruña, 1979). Chegou á redacción o xoves, polo que me faltaron as horas de lela. Facendo correr páxinas detecto os nomes do filósofo austríaco Karl Popper, do exalcalde de Nova York Rudolph Giuliani e da banda inglesa The Smiths. A sociedade aberta, a teoría das ventás rotas e a canción ‘Still ill’ son tres cuestións que me interesan.


Ao saber que esa novela era unha primeira publicación busquei a presentación que fai o autor de si mesmo. Javier Peña redacta en terceira persoa, como Yavhé cando inspirou as Sagradas Escrituras. O escritor «aceptó una oferta para unirse al gabinete de la Consellería de Cultura». Encántame a solemnidade dese inicio, que se derruba por implosión na oración seguinte: «Durante siete años su cometido sería escribir discursos para conselleiros: llegó a contabilizar más de mil discursos salidos del teclado de su ordenador». Imaxino unha computadora cuspindo violentamente eses textos como se fosen exames de oposición xerados aleatoriamente. Aplaudo esa outredade, ese distanciarse da paternidade que foi preñada no soño dunha noite de verán.


Juan Tallón tenme confesado que o ano no que viviu máis felizmente botouno en Madrid redactando as intervencións que despois lía un ministro. Julio Camba negábase a referendar textos alleos. Nunca asinaba un manifesto. Sospeitaba que os autores deses escritos públicos buscaban quen lles asinasen porque eran autores eunucos.
O suposto do discurso é diferente. Os cargos políticos adoitan escoller profesores de Dereito para que lles redacten intervencións de fondura política e poetas para os compromisos formais. Cando menos esa era a combinación que manexaba Manuel Fraga e tamén os aliados durante a Segunda Guerra Mundial. Norteamericanos e británicos escolleron o poema Canción de outono de Paul Verlaine para avisar á resistencia francesa de que empezaban o Desembarco en Normandía: «Os choros longos/ dos violíns do outono/ firen o meu corazón/ dunha languidez monótona». Non parece un contrasinal para dar ánimos a uns voluntarios rodeados de nazis impávidos, pero funcionou.

Nada define un metro mellor que aquilo que dicía Antoine Lavoisier en 1791 de que o metro «derivaba das propiedades de obxectos da naturaleza, o tamaño da Terra e a densidade da agua» 


A maiores de expertos en leis e métrica, eu avogo por unha terceira categoría no oficio do disertador: o autor de discursos de precisión. Veño de descubrilo en Mudanza (Positivas), un poemario en verso e prosa no que Xurxo Chapela puxo máis intención que logro, pero paga que a lectura. Hai texto precioso no que conta que o ebanista que lle axeitou os andeis dixo que medían «algo máis dun metro escaso». Habería que contratar ese carpinteiro para que restablecese o imperio da Palabra tras a derrota que lle causou o Número na Ilustración. Nada define un metro mellor que esa frase ou aquilo que dicía Antoine Lavoisier en 1791 de que o metro «derivaba das propiedades de obxectos da naturaleza, o tamaño da Terra e a densidade da agua». Sorprendeuse despois o químico e biólogo parisino do argumento que lle deu un xuíz para remitilo á guillotina:
—A República non precisa de sabios.


Como acerta Chapela, «o amor sucede onde xamáis estou».
O carpinteiro que fixo os meus andeis é un señor de Sobrado dos Monxes delgado, con bigote e sabio en motos clásicas. Cando veu pola casa non precisou quitar a cinta métrica do peto. Pediume «un libro calquera». Cadroume ter a man O verán sen homes (Huguin e Munin) de Siri Hustvedt. Manolo puxo a palma sobre a capa do volume e usou eses pouco máis de vinte centímetros escasos como medida de todas as encargas que realizou na miña biblioteca.


Estou certo de que o ebanista de Chapela inventaría discursos orixinais de cada vez. Entendo que, cando vas farto de manexar catro ou cinco tópicos sobre dereitos humanos, feminismo, ecoloxía e optimización de recursos públicos, abonda con que renoves a data e o lugar, e que intercambies os parágrafos. Nos anos 50 había un correspondente de prensa en Ribadeo que tiña unha serie de plantillas redactadas en función de partidos do equipo local, descargas de barcos no muelle, festas de lucerío e visitas de persoeiros. O contido era sempre igual, abondába con cambiar nomes e datos.


Non sei se Javier Peña levará o Nacional das Letras por Infelices, pero debería recibilo polo milleiro de pregróns políticos. Os primeiros foron para Roberto Varela, que tería sido o conselleiro máis eficaz e máis fotoxénico —a pesar de que xantaba con Coca Cola— de non terse equivocado de país. Eu situríao case que á altura de Ánxela Bugallo, o mellor que pasou por esa casa. Javier Peña traballou para Varela, e despois para o correctísimo Jesús Vázquez e para Román Rodríguez, un entusiasmo con traxe.

«Nós poucos, nós poucos felices,nós irmandiños...»


O meu discurso político favorito é o que escribiu Shakespeare para Henrique IV para alentar ás tropas diante da desigual batalla que encaraban en Agincourt contra numerosos franceses: «Nós poucos, nós poucos felices,nós irmandiños...».


Por divertido e por vivido, lembro un discurso estival e impaciente de Fraga en Lugo. Presentaba un curso. Cando empezou a ler que «os coñecementos que adquirades serviránvos coma faros que guían as pequenas embarcacións dos pescadores na volta ao agarimo do fogar tras a ardua marea...». O daquela presidente da Xunta miraba o papel e miraba o seu axudante e aceleraba a lectura e cedía no esforzo constante por vocalizar e miraba o axudante e poñíase roibo de furia. Comprendín que o poeta castrista que era o escribiente titular estaba de vacacións e deixara no seu lugar un rapaz afectado dunha inchazón de metáforas. Acordara eu daquela da baronesa de Westfalia que cita Voltaire no ‘Cándido’: «Toda Italia fixo sonetos para min entre os que non atopei un pasable». Desconfío de que Fraga fose un petrarquista, pero recoñecía unha cursilada ao voo.


En O verán sen homes, Hustvedt compadece «eses poucos individuos que aínda subsisten nos Estados Unidos, mesmo que soamente se molestan en botar unha ollada a un ou dous versos frouxos e quedar satisfeitos tras saborear un bocadiño de sentimento poético ‘sofisticado’ sobre as pradeiras, os reloxos antigos e o viño».

Os discursos melloraron a consideración que se ten dos poetas na sociedade.


Non vou facer causa xeral contra os poetas que escriben para políticos porque o meu autor de discursos favorito é un escritor lucense con varios libros que redacta para un dignatario galego que emanou entre ríos, parroquias, dióceses e provincias. Os seus textos son de ton equilibrado, ben estruturados, suavemente coloquiais, comedidos na cita e acertadamente pechados.


Os discursos melloraron a consideración que se ten dos poetas na sociedade. Durante séculos rivalizaban cos actores e as prostitutas no desprezo colectivo. Voltaire denuncia en Cándido (1759) «o paso desta vida para a outra da señorita Mónime», tras o que «lle negaron o que a xente chama as honras da sepultura, é dicir apodrecer con todos os esmoleiros do barrio nun ruín cemiterio». A señorita Mónime era Adrienne Lecouvreur, unha actriz amiga do escritor que, tras finar, fóra botada ao lixo porque os cómicos estaban excomungados e non podían ser soterrados nun camposanto.


Soamente falta que os propios escritores de versos melloren a súa estima máis aló de mentirse uns a outros cando se felicitan polos poemarios. Xurxo Chapela escribe en Mudanza frases brillantes como «baixamos ao bar, a evitarnos» ou «a vida pode seguir sucedendo sen o teu consentimento», pero acaba cuestionándose ao preguntarse que fai «fozando nesta quincalla sentimental».

Nós poucos, nós poucos felices, nós irmandiños