miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Ondas cerebrais de Pimentel a Fole

Fole andaba calado aquela tempada. Manuel María preguntoulle pola cara de angustia. Don Ánxel deu unha calada intensa —os dedos amarelos, as unllas en sombra—: "Non mo nota? Teño a voz cada vez máis atiplada. E a miña barba? A barba non medra ao ritmo de antes. Mesmo diría que cae".
Ánxel Fole
Ánxel Fole

COMETEMOS o erro de tratar os temores como certidumes e as noticias como rumores. "Pensei que o trono desencaixara o ceo", escribe o poeta Geoffrey Hill. Pero miras para arriba e o ceo segue aí. Supoño que para Fole transmutar de sexo era unha angustia.

Antes de empezar a escribir este texto andaba lendo unhas declaracións de María Reimóndez contra as críticas negativas ás súas obras. As análises positivas veñen de recollerse nos ensaios Tecermos redes, crearmos comunidades, que mesturan os criterios habituais no país: cariño e bibliografía.

O director Rodrigo Sorogoyen defende que a súa nova serie,  Antidisturbios, está exenta de "intencionalidad política". O monfortino Dani de la Torre dirixe La Unidad, sobre un equipo antiterrorismo islamista. "Non queriamos facer un spot da policía", afirma. Dun tempo a esta parte estendeuse unha batería de ficcións e campañas de prensa para trasmitirnos que os nosos policías e militares se conducen polo imperativo moral kantiano en toda circunstancia.

Manuel María achegouse co seu tío a Lugo sendo neno. Na praza de Santo Domingo, baixo a sombra da aguia no alto da columna imperial, atoparon a Noriega Varela. O poeta mindoniense, removido pola alegría do cativo, estaricou o mostacho, meteu a man no peto da chaqueta gris e deulle unha peseta de prata que brillaba como a aguia romana ao sol.

—Que simpático o teu fillo! Como se chama?

—Manuel. Pero non é fillo, é sobriño.

Despedíronse. Ao dar a volta, Noriega Varela mastigou:

—Nunca tan mal gastei unha peseta!

Talvez deberiamos empezar a valorar os contos de Fole polo seu pánico a transformarse en muller ou polo modo nada franciscano en que representa os lobos neles

María Reimóndez gañou o Premio Pinto e Maragota pola Diversidade. Explicou que "como escritora non heterosexual que reflicte estas cuestións nas súas obras sigo vendo cómo se reciben estes traballos por parte da crítica e sei que hai que seguir traballando". O galardón ten por divisa a "diversidade". Talvez deberiamos empezar a valorar os contos de Fole polo seu pánico a transformarse en muller ou polo modo nada franciscano en que representa os lobos neles.

O tipo de novela piadosa que se premia en Galicia ultimamente está favorecendo que leamos libros escritos noutras linguas e traducidos ao galego. Os autores de obras comprometidas e de series de policías bondadosos acabaran como  o guionista de Ferrol Jaime de Andrade, que ascendeu con furor ao ceo dos cines e logo se precipitou ao inferno do esquecemento.

A Jaime de Andrade gustáballe o seu oficio.José Luis Sáenz de Heredia, o curmán de José Antonio que colaborou con el  nun guión, asegura telo visto chorar durante un pase privado en El Pardo anterior á estrea en 1942. O guionista ferrolán non fixo carreira artística. Carecía de encanto.

Os creadores adoitan dotarse dun aura.Ánxel Fole aseguraba que lía o pensamento. Poñía o dedo índice —o cigarro entre os dedos— na fronte pálida de Luis Pimentel, que era un señor tan grave como sincero. Pechaba os ollos.

—Luis, Luis, Luis. Empezo a sentir as túas ondas cerebrais... xa me chegan... vexo un xogo... billetes... Estás pensando en lotería!

Pimentel poñíase nervioso e confesaba:

—Pois, non, Ánxel. Era outra cousa, outra cousa.

Calaba o seu pensamento para non deixar quedar mal ao amigo. Algo sobre simbolismo francés, poñamos por caso.

—Ah, Luis! Es un vello raposo! Non me enganas! Pensabas en lotería!

Bunbury andaba cun círculo de ouro sobre a cabeza ata que  hai unhas semanas apareceu o libro El método Bunbury. A investigación vai detallando de que verso dun poeta famoso procede cada frase escrita polo cantante. A acusación de plaxio provocou apostasías en masa entre os seus seareiros. Moitos correron borrar as frases de Bunbury que se tatuaran nos brazos. O artista nada fixo que non se faga dende hai milenios. A diferenza é que, en vez de roubar, reproduciu tal cal.

Fole escribía os seus artigos na redacción de El Progreso rodeado de libros abertos. Maloca metíase con el:

—Pero, don Ánxel, xa está copiando?

—Por favor, que burro é vostede! Estou documentándome!

Como ben di Quico Cadaval "nunca nos explicaron por que Ulises estivo navegando durante dez anos para facer unha travesía que calquera mariño de Ribeira faría en dous meses".

A actitude non é un don universal nin atemporal. O tradutor Jairo Dorado Cadilla reveloume o mércores a explicación que lle dera un rabino aos corenta anos que tardaron as tribos de Moisés en cruzar o deserto do Sinaí.

—En corenta anos eliminas o pobo que viviu en escravitude. É necesario porque, quen viviu en escravitude, non sabe ser libre.

Como ben di Quico Cadaval "nunca nos explicaron por que Ulises estivo navegando durante dez anos para facer unha travesía que calquera mariño de Ribeira faría en dous meses".

A resposta vai ser o carisma. O carisma é unha mestura de confianza e audacia que non se improvisa. A audacia é a forma máis valente da sorpresa. Jairo Dorado é experto en linguas. Traduce dez, doce; non sei. Teño que preguntarlle polo carisma de Deus. A través da Biblia fíxonos ver que o coñecemento de linguas era un caos. Foi a condena que impuxo cando se erguía a Torre de Babel. Tempo despois cambiou de idea. Baixou en forma de lingua de lume sobre as súas cabezas no Pentecostés para aprenderlles idiomas.

O filósofo esloveno Slavoj Zizek ten esa autoridade entre a esquerda. Veño de lerlle Pandemia! (Galaxia), que trata sobre o coronavirus. Bota o libro queixándose de que non o toman en serio nos corredores académicos, unha burla que el atribúe ao seu comunismo.  Xa non é tan mal considerado. O coronavirus está obrigando aos gobernantes, mesmo os liberais, a aplicar medidas colectivas. Un liberal non deixa de ser  un socialdemócrata que gaña cartos.

O curioso dos virus é que son coma o gato de Schrödinger, que non están concretamente vivos nin exactamente mortos por precisar de parasitar outra vida para subsistir. "Un virus está vivo pola súa capacidade de reproducción", explica Zizek. No derradeiro tramo da súa vida o xornalista Christopher Hitchens padeceu un cancro de esófago. Fala sobre el nun libro breve, Mortality (Atlantic Books), onde define o cancro como "un alien cego e desapaixoado". Hitchens protesta polo paradoxo de que el non precisa do cancro para vivir, pero que o cancro si precisa del para matalo.

Zizek advirte de que ás veces estragamos algo ao buscarlle solución. "Os pais de Edipo foron avisados de que o seu fillo mataría o pai e casaría coa nai, e foron xustamente os pasos que deron evitar ese destino —abandonándoo para morrer no profundo dun bosque— os que aseguraron que a profecía se cumprise".

Nas nosas viaxes de nenos de Ribadeo a Bilbao o meu pai contaba os mesmos seis chistes nos mesmos seis puntos da ruta. Pasabamos por Infiesto e el dicía: "Quen fai un cesto, fai infiesto".

Protestabamos, resoprábamos. Quince días máis tarde, de regreso: "Quen fai un cesto fai infiesto". De novo nos queixabamos. Pasaron unha chea de anos ata que me decatei de que o chiste non estaba na repetición das mesmas parvadas . O chiste, o que divertía o meu pai, era o enfado dos seus cinco fillos.

Ondas cerebrais de Pimentel a Fole