viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Un orleans inchado coma un pasteleiro

Somos un país peculiar; extravagante, diría. Os poetas contan cada dous ou tres tuits por quen van votar e os políticos teiman en conmovernos liricamente co seu amor pola terra. Os poetas aspiran a facer política e os políticos se agochan tras poesía
Wallace Stevens
Wallace Stevens

AGORA QUE vostede le este artigo, estou diante dunha ducia de papeletas nun colexio electoral. Ningún candidato aclaroume con palabras convincentes que fará mañá, polo que recorro ao divino escrutinio. En ámbitos como a representación parlamentaria carezo da ilusión do viveirense Nicomedes Pastor Díaz, que a usaba mesmo nas metáforas sobre a fe. "En Roma se funda una soberanía nacional cuyo reino es la vida eterna y cuya ciudadanía es la inmortalidad" (1866).

Non me desvivo por ler a Nicomedes como poeta. «Describiré el horror de las tormentas», ameaza nun verso de aspecto branquísimo. Prefiro a súa prosa porque leva unicamente azúcares naturais. Na casa dos Pardo Bazán era un autor frecuentado nas lecturas. Emilia analizou poemas como Mi inspiración:

—Astro de paz, belleza de consuelo,/ antorcha celestial de los amores,/ lámpara sepulcral de los dolores.

Ese poema consagroullo Pastor Díaz ao seu protexido Zorrilla. Grazas a esa obra, o discípulo soubo que o poeta é un «desterrado do mundo» e se inspirou para o Tenorio, prologado por Nicomedes.

Entre os meus políticos favoritos está Curros Enríquez. Nunca chegou a exercer un cargo. De novo xa se tivera que exiliar por esa mestura de ira e retranca que soamente fermenta cando un ten 18 anos. Curros chamou nun artigo, publicado nun xornal de Madrid en 1870, «hinchado pastelero francés» ao duque de Montpensier, un orleans aspirante ao trono español. Perseguido pola policía, o escritor foxe á Coruña, onde embarca cara a Inglaterra. Bota días entre a fame e o cansanzo pola cidade tenebrosa de Dickens. Canso de deambular, entra nunha capela evanxélica de Trafalgar Square. Non era tanto ansia de fe como o refuxio contra a chuvia baleiraba o ceo sobre Londres. Quita a chaqueta para facer unha almofada nun banco diante do altar. Queda adurmentado. Espértao o pastor, que prendía as velas para un oficio. Pregúntalle quen é, se precisa cama ou calquera cousa. Curros apenas escribira uns reglóns tortos de inglés, polo que prende a falar en latín. O escritor acaba dando clases de español ás fillas do presbítero. Pasado medio ano, Curros perde o temor ao inchado pasteleiro e volve.

O entusiasmo de Pardo Bazán pola causa de don Carlos se elevaba tanto que viaxou a Londres para comprar 30.000 fusís Berdan

Pastor Díaz era liberal, pero foi admirado por carlistas. O entusiasmo de Pardo Bazán pola causa de don Carlos se elevaba tanto que viaxou a Londres para comprar 30.000 fusís Berdan. Ignoramos en que idioma falou co mestre armeiro, aínda que si que aprendera inglés durante a súa estadía en Francia. O vendedor debeu de quedar pampo cando lle presentou a factura a aquela señorona e ela quitou os cartos de entre a roupa interior.

Os poetas preténdese albaceas da linguaxe.En Ribadeo tiñamos un colleitador e garda profesional das palabras, unha sorte de funcionario de Eitmoloxía. Non era poeta nin político e asemade era ambas as dignidades. Serranillo foi un personaxe dos anos 70 que estaba mantido polo alcalde Braña. Percorría andando polas parroquias. Preguntaba aos veciños como lle chamaban ás cousas e as accións. Con cada nova palabra —como cuzo (can pequeno) ou estrupar (esmagar)— compoñía unha letanía en alexandrino. Os poemas de inverno eran máis longos porque tardaba máis en chegar ás casas que fican ao fondo do concello. No verán cumpría cun soneto a maior parte dos días. Nos festivos atrevíase con sextinarios como os de Marica Campo. Ao regresar á vila, na hora dos viños, pasaba pola consistorial e recitaba a composición a Ramón Sabugo, o secretario municipal. Serranillo indicáballe a palabra que protegera ao calor do poema para que non esmorecese.

—Veño de comer un rosco/ con trazas de cosco.

O torpísimo pareado valeulle para entregarlle ao secretario municipal a palabra cosco, que significa caracol. O funcionario tomaba nota da palabra, lugar e día da recolleita. Ás veces chegaba a pagar a Serranillo unha peseta se o informante lle parecía fiable e mesmo un peso se a palabra estaba en perigo de silencio eterno.

Serranillo desmentía a Wallace Stevens cando dicía que «a poesía é linguaxe fosilizada». Hai talentos que reinventan palabras en hibernación, como esmachucar. Xesús Fraga (Londres, 19719) descúbrenola na súa última novela Virtudes (e misterios) (Galaxia) o enxeño da súa avoa Virtudes, unha muller das Mariñas que emigrou a Londres nos anos 70, e acabou por chamarse Betty.
—Tes que esmachucalo —aconsella Virtudes.

Virtudes levaba o idioma dende A Lavacolla e, lonxe de escondelo na maleta da emigrantes, mesturouno co novo

.Os galegos temos o don para os idiomas dos países pequenos con lingua de seu. O rei Xacobe de Inglaterra afirmaba que «ninguén fala latín en Londres como o conde de Gondomar». Virtudes levaba o idioma dende A Lavacolla e, lonxe de escondelo na maleta da emigrantes, mesturouno co novo. Conta Castelao que a Nicomedes lle aconteceu o contrario: "Retornou á nosa Terra un mozo galego que viña de Europa. E de súpeto descubriu na fala do seu país un xeito insuperable de expresión literaria. Aquel día rompeuse o silencio literario de Galiza. Despois naceron, Rosalía, Curros, Pondal".

Xesús Fraga tamén atopou a súa vangarda en Londres. Traía discos orixinais de punk, os primeiros directos de The Clash. Atopaba problemas coa maleta na aduana de Virtudes:
—Eses discos teus mira que avultan. Se non os mercaras, aínda nos caberían uns panos de cociña que lle collín á túa nai e aí quedan.

Wallace Stevens teríase interesado polo inglés crioulo de Virtudes/Betty ("Funking’merda"). O poeta de Nova York traballou como avogado dunha axencia de seguros na que se respectaba o seu carácter rigoroso, calado e doméstico. A única vez que se emborrachou foi en 1936, tiña 56 anos. Amaba tanto as palabras como odiaba os telegramas cos que Hemingway escribía as novelas. Aquela noite atopara ao irmá do escritor nunha coctelería. Era amiga súa.

—Canto me gustaría partirlle a cara ao teu irmán! Non sabe escribir! —confesoulle. Ao saír do local, o oso barbudo, vinte anos máis novo, estaba agardando por el. Wallace largoulle unha labazada que Ernest, adestrado nos cuadriláteros clandestinos de París con Scott Fiztgerald, soubo esquivar. Ao erguerse meteulle a Stevens un directo ao queixo que o deitou.

Nicomedes pretendeu ser sacerdote porque era «de rezar todos los días el breviario», dinos Juan Valera

Falaba o outro día coas escritoras Marilar Aleixandre e Berta Dávila de que ser hablencioso nun asunto non é universal. Recoñecían elas, que abrillantan currículums de mérito, as dificultades para quitar o carnet de conducir. Eu non podo compararme no ámbito formativo, pero supereinas na obtención dese permiso: non fixen o mellor exame que se lembra en Tráfico, pero aprobei porque se xubilaba o examinador.

Consagrarse a unha disciplina, como recomendaba Nicomedes, deixa o resto da vida á intemperie das tormentas. O poeta viveirense deixou pasar a poesía. Tivo outras vocacións. De feito pretendeu ser sacerdote porque era «de rezar todos los días el breviario», dinos Juan Valera. Ao cabo, o ministerio que ocupou non foi relixioso, senón estatal, no goberno de O’Donnel.

Wallace Stevens sabía que acertara ao non deixar o dereito pola poesía. Mesmo sentíase tranquilo porque na súa compañía de seguros ninguén sabía que era poeta e podía concentrarse nas leis. Cando se xubilou un colega confesou:

—Era o peor avogado da compañía, non o botaron polo seu prestixio como escritor.

Un orleans inchado coma un pasteleiro
Comentarios