lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Os Aquiles que foron bautizados na ría

Javier Peña non sabe nadar, non sabe andar en bicicleta e nunca colleu secretamente o coche dos seus pais. Ten 40 anos e saltou a adolescencia coma quen salta un río cunha pértiga.
Javier Peña. J. CERVERA
Javier Peña. J. CERVERA

FALAMOS PORQUE veu presentar un libro a Lugo. A novela, Infelices (Blackie Books), non ten maior interese se vostede leu coa atención necesaria a Mailer ou a Henry Miller; mesmo se é o necesariamente novo como para Foster Wallace ou Palahniuk; eu cheguei tarde, cando apodrecera como lector de ficción.

Con menos de corenta anos poida que aínda descubriras a Bret Easton Ellis, como houbo quen soubo de Cela camiñando cara a atrás por Agustín Fernández Mallo ou quen, atravesando a fraga de Cela, deu con a John dos Passos. Hai  escritores que conectan co seu tempo como se eles non viñesen dun pasado, dun Círculo de Lectores —agora en parada cardiorespiratoria—.

Javier Peña (A Coruña, 1979) non aprendeu a flotar porque é fillo de mariño. Os rapaces do porto de Rinlo, en Ribadeo, evitaban ir ao mar porque as ondas lavaban as súas casas na invernía. Pasaban por riba delas como polas cabezas de ponte dun boniteiro no Gran Sol. Como ben di Javier Rivera, meu amigo: "Se coñeces o mar escápaslle; ao mar van os de interior". Ao cabo, en Rinlo acababan embarcando no peixe espada de Suráfrica por non atopar terra abondo firme.

Javier Peña non aprendeu a nadar porque tiña un cemiterio interposto coa praia. Nós improvisabamos cursos de natación sen monitor examinándonos por libre no muelle de Porcillán, ese que cita Alfredo Deaño no clásico Introducción a la lógica formal (1975). Nos anos 70 ninguén che aprendía a nadar. Eramos nós quen decidíamos o momento e a oportunidade de arriscarnos a morrer afogados. Metías unhas pedras nos petos para lastrar o arrepentimento, como Virginia Woolf, e saías triunfante convertido no nadador de John Cheever, que vive usurpando piscinas alleas. No caso de que triunfases, triunfabas a brazadas de gloria.

Antón de Foz foi un mariñeiro que deu a Ribadeo varios fillos da Xeración Perdida, lectores misericordiosos de Scott Fitzgerald e Hemingway. Cando lle nacía un cativo levábao á Punta de Don Federico, tamén en Porcillán, o Porto Iulanis romano e fenicio. Nese lugar se encontran as correntes máis frías da ría, se encaracolan e se distribúen. Antón collía o cativo por un nocello para deixalo pendurando boca abaixo coma un lacón rosa e tenro. Sumerxíao de cabeza nas sacrosantas augas rezando a voz en gorxa:
—Se non morres desta xa non morres!

E aí seguen os seus Aquiles, que soamente collen resfriados se esquecen abrigar o calcaño cun calcetín. Hai que considerar que a ría de Ribadeo fora abenzoada polo papa Pío XII no concordato asinado con Franco en 1953 por petición piadosa do ribadense don Enrique,  camareiro secreto do pontífice.

Javier Peña tampouco sabe montar en bicicleta, que antes era o xeito de coñecer os marcos do mundo porque o teu pai non estaba para bromas de ensinarchos no 600 coa pegatinas amarela e verde de ter pasadas inspeccións.

Infelices é unha novela deliberada, iconoclasta, escatalóxica, nerviosa, desesperada... a protesta que escribes no remate adolescencia diante da perspectiva da vida adulta como caleixón sen saída —coa súa experiencia laboral errática, co seu matrimonio conformista e a súa paternidade disoluta—. Nese momento en que entras no remuíño salgado no que vas xirar atrapado durante décadas, ata que a funeraria se faga cargo do teu corpo. Os enterradores son os únicos que che van tratar co respecto sincero e a dignidade precisa. Dende que deixas de ser Tarzán, Long John Silver ou John Wayne ao cumprir os trece, vives o pasado e o futuro como un presente continuo.

O escritor coruñés non conta nada que non estea contado, pero conta para a súa xeración todo o que nunca lle contaron nin lle van contar valéndose dos seus referentes. A xeración de Peña non é unha xeración perdida, senón unha xeración perplexa.

Eu xa superei iso, xa teño varias cafeteiras para sentirme sofisticado, polo que unicamente aspiro a ter un cinema na casa, como gozaba o produtor de Hollywood Howard Hawks e como goza Jorge Coira:
—Jaure, tiña unha pantalla de dous metros, pero cambiei de piso e teño unha de tres.

Gustaríame ver así, en tamaño XXL, a última de Eloy Enciso, Longa noite. Un home fuxe da posguerra civil cara ao lugar onde naceu a través do bosque, dun bosque espeso e tenebrista que acaba por confundilo e atrapalo. Eloy fala tamén para a súa xeración, a mesma de Javier Peña, pero o realizador de Meira percibiu que debía facer o camiño do caranguexo e buscar no pasado o porqué a socidade galega ten esta estrutura.

Enciso percibe que hai mecanismos de dominación e de submisión que establecidos daquela e que non precisamos exhumar porque nunca foron desmantelados.

A súa estética acude ao tenebrismo, a ese Caravaggio tan fascinado polos decapitados que pinta a súa cara neles como se fose Bertran de Born. Dante sentía admiración por ese poeta provenzal do século XII, pero debuxouno en A comedia camiñando polo Inferno coa cabeza cortada agarrada polo pelo. Vai columpiándoa como un farol.

A luz dese farol mortal ilumina a uns pintores bizantinos de iconos que me descubriu Rafael Argullol. Antes de empezar as obras encerrábanse nunha celas con escuridade hermética durante unhas semanas. Un servente leváballes de comer ás apalpadas. Pasados uns días,os artistas empezaban a ter unha visión leve, tal vez unha visión imaxinada, do lugar no que se atopaban. Desenvolvían un sentido da luz peculiar, máis aló do tenebrismo. O día no que acababa o proceso de visión na escuridade un criado ía buscalos e os guiaba ás apalpadas ata o estudo, onde empezaban a traballar.

O poeta florentino amaba os escritos de Bertran de Born, pero condeouno no seu Xuízo Final por aconsellar ao príncipe Henrique que se rebelara contra o pai, o rei Henrique II. Provocou a división entre pai e fillo convertíndoos en inimigos.

A chulería de Dante levouno a escribir un longuísimo poema para sentirse un deus que soamente cría no monoteísmo e vingarse dun bo treito da humanidade. Javier Peña foi máis humilde e soamente se burla dos asesores políticos, unha etnia á que pertenceu durante sete anos. 
—A xente pensa que influímos como Iván Redondo ou o equipo de Obama, pero o que facemos é meternos na mente do conselleiro que nos toque para escribirlle os discursos. Tal e como o conta, parece que un conselleiro é un derviche que baila xirando como un trompo sobre os pés breves.

O autor coruñés botou sete anos asumindo personalidades políticas ata que un día cansou e deixou todo para escribir. Calcula que "un 2 por cento" pode dedicarse profesionalmente á literatura, pero parece unhas desas persoas que se acomodan no fracaso, tan supersticiosas que saben que o éxito é alleo e hermético. Abandounou un posto de asesor para vingarse nunha novela de toda a frustración que lle fora comendo o corazón. Dispara contra o seu futuro nun libro non exento de desprezos aos débiles nin de burlas aos poderosos.

O seu destino improbable é ser un Jordi Serra i Fabra, que trouxo a memoria dos seus 507 libros publicados a Viveiro. De neno era tatexo, polo que padecía acoso no colexio, e facía chorar o seu pai desesperado pola teima de ser escritor.

O único que nos mantén vivos e a posibilidade de que aconteza ese improbable, o inesperado é a levadura que nos tira da cama polas mañás.

Sierra i Fabra falou con David Bowie ou Freddy Mercury, e tomou vasos de leite con AC/DC cando tiña 20 anos,pero deixou todo para ser novelista. Logrouno xogando na ruleta rusa da literatura; esa que, case que sempre, dispara unha bala tráxica.

Os Aquiles que foron bautizados na ría
Comentarios