domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

A RAG ponlle un asterisco á Operación Lusista

Ben coñecemos a lendaria incapacidade da nosa Academia para liderar un debate na sociedade. Cando o pretende, faino con movementos tan torpes que a conducen ao ridículo. A conversa que poderían abrir sería o da norma do galego, pero non queren. A discusión trata de quen quere máis a Carvalho Calero.

A REAL ACADEMIA Galega (RAG) escolleu a Ricardo Carvalho Calero para o vindeiro Día das Letras Galegas. A candidatura viña defendida polos dous bandeiríos que acampan na casa das Tabernas: galácticos e ferriniáns presentaron, cada un polo seu rego, un mesmo candidato de destino no universal.

Margarita Ledo, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero —co respaldo da executiva— presentaran a iniciativa "unhas horas antes" de que o fixesen Xosé Luís Axeitos e oito opositores máis, o Grupo dos Nove. Somos galegos e non nos entendemos. As dúas propostas son do mesmo 20 de maio.

A manobra dos galácticos de adiantarse aos ferriniáns foi hábil, pero nega todo o discurso de achegamento que expresan a respecto dos críticos. A oposición leva anos porfiando por Carvalho. Eu lera que Axeitos xa o propuxera en 2005, pero o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, asegura en A Competencia que ese ano foron Fernández del Riego e Franco Grande quen o fixeron, e que, no 2006, "Del Riego repetiría proposta con Víctor Freixanes".

Un académico dos Nove recoñéceme "o ánimo conciliador" do presidente da RAG, Víctor  Freixanes, e de Monteagudo. "Freixanes quere trascender como un presidente de consenso e Monteagudo pode estar situándose de cara a unha sucesión que chegará a medio prazo". O talante integrador fai virtude da necesidade.

Chamo a outro ferrinián: 
—Víctor falou con alguén de nós para buscar un acordo arredor de Carvalho, pero tiveron ameazas de dimisión entre eles se saía elixido para o 17 de maio pola defensa que facía do lusismo.

Faime un retrato de Alonso Montero:
—O ano pasado dedicou 20 minutos de discurso a louvar a Carvalho e outros 20 minutos a dicir que era imposible escollelo para as Letras, que era un atentado contra o galego.

Telefoneo a Axeitos. Vai de cara e asina o que denuncia. É bronco, pero retranqueiro; agresivo, pero audaz. Pregúntollle se considera que a escolla de onte é un xesto da RAG para facerlle un cariño ao reintegracionismo.
—Reintegracionismo? É como mentarlles a bicha! Houbo un ano en que un académico dixo que, o ano en que se lle dedicasen as Letras a Carballo Calero, sería con asterisco no que se dixese que "nós non nos movemos". Á RAG soamente lle queda a norma, din "temos a norma, sobrevivimos por esa capacidade" de decidila.

Penso en Villares, en cando era presidente do Consello da Cultura e lle atribuían manobras orquestrais na escuridade para facer unha opa á RAG para integrala no propio Consello xunto co ILG e o Instituto Ramón Piñeiro. Temos catro canonxías absorbendo recursos para a lingua sen que os contempladores deamos recoñecido os marcos que as separan.

Vou facer unha parada no medio deste requiem para tomar un café. Antes, deixarei patente que chamei a Monteagudo, a Villares e Alonso Montero. Ninguén dos tres me devolveu a chamada. Apunto isto por se o peso desta crónica puidera caer dunha banda. Non é a miña intención nin a miña responsabildidade.

Hai uns meses conversei discretamente cunha amiga, que, sen ser académica, é quen máis inflúe na casa dos prodixios.
—Que lle pasa a Freixanes, que non me saúda? —preguntei.
—Mira, Jaure. É que te metes moito cos vellos da Academia. Eles xa non están para aturar críticas, senón para recibir cariño.
—O mellor sitio para non ser cuestionado é o salón da túa casa.

Ben. Xa regresei do café. Retomo o asunto. Dínme que Alonso Montero organizou a mesa petitoria para recoller sinaturas a prol de Carballo. "Alonso Montero? Pero se Il Professore manifestara..." "Si, si. Il Professore". Non dou crédito. Consulto a Axeitos, un mestre da finezza, sobre o sorprendente cambio de opinión.
— Hai xente que leva toda a vida traballando para si mesma. Hai egos que son capaces do que sexa para estar presentes. É a inercia estar co que manda, ninguén quere facerse visible a través do perdedor.
Engade unha frase que non sei en que sentido interpretar: 
—Hai raras unanimidades silenciosas por dar posibilidades de estar aí.

De todos os xeitos, o máis enconado rival en vida do próximo homenaxeado nas Letras é Ferro Ruibal. O ano pasado, en defensa de Fraguas, reclamou que non se politizasen as candidaturas. Evidentemente Carvalho defínese por un nídio antifascismo que reclama explicitamente o Grupo dos Nove.

Ferro non figura entre os trece asinantes galácticos da candidatura. Cando menos é coherente, pero discrepo del no seu rexeitamento á politización das homenaxes que promove a Real Academia Galega. Son contrario a que a directiva faga un xogo de agua fría e agua quente no asunto. Debería amparar e regular as diversas opcións sobre a norma da lingua se o que pretenden os académicos é que a RAG non sexa unha sauna sueca, que semella a súa vocación.

Dende fóra do Parnaso da rúa das Tabernas, hai voces de peso que defenden a oratoria oficialista de destacar todas aquelas facianas de Carbalo Calero que nada teñen que ver con Carvalho Calero, é dicir, co súperreintegracionismocalifraxilísticoespialidoso. O expresidente da Academia Xosé Luís Méndez Ferrín declaraba o mércores que a figura do ferrolán "pode dar ocasión a revisar períodos históricos importantes, como son a República, a posguerra e a represión do franquismo". O Inmortal expulsa tinta de lura para camuflar o debate necesario: a norma. A norma, a norma; o sangue negro desa institución que é incapaz de evitar que a cultura galega sexa un funeral de Estado.

Cómpre lembrar nesta altura do texto o que pensaba Ferrín sobre o asunto non hai tantos invernos:
—O reintegracionismo forma parte desa tendencia suicida de negarse a si mesmo, negar a existencia do idioma e do país.
Apunto esta opinión para contextualizar o que declaraba esta semana sobre Carvalho Calero:
—A súa candidatura permitirá analizar un fenómeno, unha anomalía da nosa historia cultural. Foi un dos ideólogos do lusismo.

Non di unha cousa nin a contraria. E iso que O Inmortal adoita ser transparente. Marilar Aleixandre adéntrase no asunto sen excusas:
—Unha cousa é homenaxear a Carballo Calero e outra que teñamos que estar de acordo con todo o que el propuxo.

O tempo que falta ata o 17 de maio de 2020 era axeitado para que a RAG cumpra o seu motivo fundacional e faga política sobre a lingua. Poida que chegue tarde. O reintegracionista Ernesto V. Souza nos entregaba a chave das noces:
—Para mim que o reintegracionismo atual cada vez se identifica menos e menos com Carvalho Calero e a gente está menos e menos interessada nestes debates e assuntos da cultura galega piñeirista... portanto quando chegue o dia, se chegar... talvez celebredes os mesmos... e os reintegratas celebrem Xela Arias ou alguma outra...

Evacúo novas consultas. Como non localizo a Souza, recurro para entender ese desapego a Mario Regueira, doutor en Literatura Comparada. El sabe que o reintegracionismo non é unha tara, mesmo ten amigos desa tendencia.
—A RAG fixo unha demonización de Carvalho Calero. Os malditos son malditos con pouco matices. Acaban idealizados por unha parte da sociedade.

Mario dáme outro argumento:
—Carvalho Calero e Piñeiro estiveron no mesmo proxecto e nas mesmas institucións. Ás veces preséntase a Carvalho como pai do reintegracionismo e tamén é pai da outra norma, que en parte procede da proposta do galego común do ano 66 que fixo Carvalho e que defende Galaxia, entre outras institucións.

Equiparar a Carvalho con Piñeiro é correr o risco de ser sometido a un exorcismo fulminante por parte da esquerda nacionalista, pero Regueira ten unha batería de documentación e de sabedoría para defenderse.

O lector podería terse saltado esta longa crónica de decadentismo académico lendo a Carlos Durán:
—Cando o Estado pon en marcha a Operación Lusista contra o independentismo, a RAG anuncia o Día das Letras para Carvalho Calero. Casualidade? Dubídoo.

A RAG ponlle un asterisco á Operación Lusista
Comentarios