lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Sabes onde vas comprar o pan?

A Casa do Rebumbio gañaba moitos cartos servindo marisco no verán. Chema do Rebumbio estreaba sorriso e camisa branca cada setembro. Eran os anos 50. Chema alzaba un maletón cheo de mudas e pantalóns ao alto do bus da Empresa Ribadeo. "Onde vas, Chema?". "A Madrid, ver zarzuelas e vedettes!". "Durante canto tempo?" "Durante 35.000 pesetas!"
Camilo José Cela. ARCHIVO
Camilo José Cela. ARCHIVO

ESTE VERÁN foi unha continuidade anodina e soleada do estado de alarma. Antes sabía que empezaba o verán cando os pardais e os merlos buscaban a sombra da igrexa do Campo. Pero este ano amosouse confuso. Cando me quixen dar de conta estaba rematando a costeira do bonito. Resultou unha tristeza imaxinar os marmitakos perdidos, pero logo a sacudín e corretei á peixería para estrear a tempada. "Los años pasan rápido; los días, lentos", dicía Pimentel.

Na casa seguimos a receita auténtica. O meu pai deixoume o seu caderno de folla raiada con apuntamentos de cociña no terzo de libre dispor. El era de Bermeo, a vila vasca onde se inventou este guiso de bonito e pataca. Existen tantas teorías asentadas sobre a orixe do marmitako como portos hai no Cantábrico, pero eu confío na palabra do meu aita. Se desconfías dun pai, acabas desconfiando dun percebeiro rigoroso coma Tolete.

Ás veces hai que reivindicarse. Nos anos 50 chegou un enxeñeiro de Pamplona para traballar en Ribadeo. Preguntou polo mellor marisco. A fama repartíase entre Ramón de Corada e Casa Parente, pero ningún igualaba Casa Antón do Rebumbio. Fichara a figura do seu tempo, Tolete.

O viaxeiro navarro deu conta pausada dunha fonte de percebes de uña gorda e dunha robaliza de a quilo. Rematou coa santa trinidade de café, copa e puro. Tras pagar interesouse pola rapaza máis guapa. Déronlle un nome e un teléfono. E.L.R. era unha morena que non desmerecía de Sofía Loren. El propuxo unha cita.
—Es que tengo novio.
-—Soy ingeniero y tengo un coche fabuloso en el que llevarte de paseo.
—Eso no impide que tenga novio.

Estaba fresca, no senso de que viña do conxelador. A robaliza ten un paso fedorento pola morgue. No desespero mesmo pensei en botarlle limón

O enxeñeiro colgou ferozmente. Volveu consultar. O segundo nome foi  M. C. Loira, de ollos claros. Acabaron casando.

Este verán fun xantar a un restaurante ribadense bastante sensato. Cometín a tropelía de pedir robaliza un luns. Estaba fresca, no senso de que viña do conxelador s se non se manexa a xeito. A robaliza ten un paso fedorento pola morgue. No desespero mesmo pensei en botarlle limón. Para resarcirme decidín probar a robaliza máis saborosa de Galicia. Viaxei a Fisterra durante 150 euros, que diría Chema do Rebumbio. O destino primeiro foi visitar o faro que alumea a fin do mundo. Unha néboa branca cubría un enxame de turistas e máis un gaiteiro nervioso, de peito peludo e pés descalzos. Esa mesma néboa debeu de atopar en 1837 o vendedor británico de biblias George Borrow cando escribiu: "Chegamos ao lugar que na miña infancia imaxinei a Fin do Mundo, despois do que soamente hai un mar tenebroso, ou o abismo, ou o caos". Ao baixar á vila tomárono polo pretendente ao trono don Carlos de Borbón e pretenderon fusilalo.

Eu baixei tamén, ao restaurante Tira do Cordel. Presenteime cedo por aforrarme ver comensais regando de limón o marisco, tan saboroso de seu, coma se fose o xardín do chalet.

Comecei por unhas vieiras, ofrecidas como vieiras e cobradas como vieiras. O habitual no país é que che servan voandeiras ofrecidas como vieiras e cobradas como vieiras. Presumo inocencia do gremio hostaleiro, que as paga por tales. Tampouco eu distingo ben a maragota do pinto nin a navalla do longueirón.

Pedira que a robaliza viñese tímida de aceite, como me recomendara Lois Caeiro. Valorei o seu consello porque o animal foi soltando sen avaricia fragancias mariñas mesturadas co aroma a Vesubio que ceibaba o paso pola grella.

A segunda intención que tiven en Corcubión foi buscar a casa de Paco de Ramón y Ballesteros, na que Camilo José Cela asegura que está o mascarón de proa do Serpent

Na tardiña asistín a Corcubión, onde Darío Xohán Cabana foi garda local entre 1983 e 1986. Aínda se notaba a orde petrarquiana que impuxo. Comecei polo muelle. Tratei de definir o peirao primitivo, feito nos anos 10 do século XX. O meu avó paterno, Rufino, obtivera contratas en Galicia. A familia, ata o oitavo dos fillos, estableceuse en Santiago. Serviulles de rosa dos ventos para moverse polo país. Cando Rufino acababa un muelle empezaba outro. Saía pola porta casa, na Algalia. Anunciaba que marchaba empezar o peirao de Burela ou o de Ribeira. A muller, Juana, tomábao como se fose faenar ata a noite e preguntáballe:
—Rufino, okindegi on bat ezagutzen duzu dagoeneko? (Rufino, sabes xa dunha panadería boa?)

A segunda intención que tiven en Corcubión foi buscar a casa de Paco de Ramón y Ballesteros, na que Camilo José Cela asegura que está o mascarón de proa do Serpent, o barco de aprendizaxe onde viaxaban 175 mariños británicos e que quebrou na Punta do Boi. Sobreviviron tres. Lin o dato en Madera de boj. É triste que as novelas que explican Galicia con máis precisión e fondura —Madera de boj e Mazurca para dos muertos— non foran escritas en galego.

Jovellanos tamén naufragou na Costa da Morte en 1810. Volvendo de Cádiz a Xixón, no fragor da guerra contra o francés, acabou en Muros. Cunqueiro contaba "18 almeas, como en Siena" na fortaleza.O ilustrado asturiano fíxose querer na vila costeira, tanto que  a emoción lle inspirou un  poema extravagante: "Oh, que amargos penosos momentos pasa el triste viajero en el mar,/ cuando baten su nave los vientos y en la costa lo van a estrellar…". Jovellanos atopouse cómodo en Muros, aínda que son singulares. As tripulacións presentábanse: "Todos no barco somos galegos; excepto o capitán, que é de Muros".

A miña avoa Juana era unha muller pousada, confiaba na vida. Un fillo marchou coa División Azul combatir o ateísmo, outros dous á fronte do Ebro para loitar do bando correcto e un máis explotar caoba na selva da Guinea Española. A todos lles preguntou o mesmo cando os viu coa maleta na porta: "Sabes onde comprar pan?". O meu pai non soubo que contestar porque o seu traballo primeiro consistiu en buscar gas no deserto de Libia.  Dubido se comería ben porque a compañía era inglesa, pero el cociñaba un marmitako excepcional.

Nese restaurante de Fisterra coidan a materia prima, obran nela sen estridencias e teñen un servizo atento. O conxunto faise notorio, pero non estrelable.

Debo confesar que no segundo e derradeiro marmitako da estación evitei a fórmula de Bermeo —máis pataca que bonito por influencia galega— para atender á de Lekeitio, onde igualan ambos elementos. Sobre este prato hai dogmas en cada porto. Son formulados polos mesmos que reclaman unha estrela Michelín para cada restaurante no que xantan xuizosamente. Pídeno para o Tira do Cordel. Nese restaurante de Fisterra coidan a materia prima, obran nela sen estridencias e teñen un servizo atento. O conxunto faise notorio, pero non estrelable.

Antón do Rebumbio daba un nivel semellante. Nunca sentín que preparase marmitako na taberna. Os percebes levaban fama, pero cociñar percebes require auga de mar e reloxo na cocción. O seu éxito era Tolete, que lle buscaba os escondedoiros do percebe no Faro, O Can ou As Ínsuas.
—Tolete, como che foi a marea?
—Non deixei senón os penedos... e grazas!

Os penedos deron disgustos a Rufino. A obra do muelle de Corcubión debía empezar en 1912, pero tardou case que un ano máis porque non se poñía de acordo cos canteiros sobre os prezos. O meu avó era un home bravo. Camilo José Cela tamén, pero deixou de ir ao Tira do Cordel cando Marina se interpuxo entre home e robaliza.

Rufino e Juana distraeron o aburrimento denso de Corcubión concebindo un primoxénito. Por tempadas volvían a Bermeo e dábanlle irmáns. Ata oito, xa  digo. Juana acabou finando en 1969, na Coruña; lonxe do Corcubión. Cando estaba para morrer, despois da extrema unción, as fillas ofrecéranlle polbo. Elas descubriran en Burela e Ribeira o rico que era o animal de ollos extraviados. Leváronlle á cama mortuoria unha tapa con cachelos porque nunca o probara. Ela puxo cara de noxo. Bramou en euskara.
—Os vascos non comemos bechos tan feos!

Mirou ao Ceo, santiguou o horror e morreu. Pracidamente.

Sabes onde vas comprar o pan?
Comentarios