jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Vasos, trapecistas e matrimonios ao caer

Elvira tardou un matrimonio en descubrir con quen casara. Foi un revelación que se lle presentou coma unha fantasma na néboa: pequena e leve. Medrou lentamente —sospeitas, conversas—. Cando viu o puzzle completo horrorizouse. "Álvaro no me dijo una verdad en su vida"

ÁLVARO NON mentía con intención. "Que culpa teño de confundir a realidade coa fantasía?" Despois de mentir sentía a leve satisfacción do criminal. A Cunqueiro fascinábao moldear a realidade ás súas palabras. "Dicir chuvia e que chova", cantaba Antón Reixa. Ás veces,  Álvaro gustaba da realidade. Prestoulle casar con Elvira. Manolo Montero, o libreiro da rúa da Concepción, en Mondoñedo, ensinaba un arco escuro de madeira verde e azul ceo como o altar da voda. Manolo era un homiño escueto, sorrinte e pícaro; as mans recén sacadas do conxelador. Exhibía uns sebos na parte alta da cabeza coma cornos. Era o "lucero inobediente, ángel amotinado" de Quevedo. Dáme pena ver a súa libraría rendida á clausura e o desgaste.

Os sentimentos son tradicións. Eu pensaba que Cunqueiro amaba por cumprir a tradición de Bernal de Bonaval: "A dona que eu am’e tenho por Senhor/ amostrade-me-a Deus, se vos en prazer for,/se non dade-me-a morte". José María Besteiro fíxome comprender que o matrimonio foi para el máis que un trámite de novela de cabaleiros. Besteiro asegura que, para o neotrobador mindoniense, a familia era a causa maior. "Fallé en lo más importante", confesaba. José María vén de pechar un delicioso e erudito libro sobre Cunqueiro. O pulso da obra é buscar o corazón do escritor nese bosque de cultura, fantasía, humor e nostalxia.

De novo quixen imitar a Cunqueiro sen reparar na ousadía. Escribín en La Comarca del Eo sobre o Rei Cintolo, un monarca emérito que vívía nunha caverna. Esixía carros de marisco aos súbditos. Lanzaba as cascas ao exterior. O periodista Díaz Jácome contestoume santiguándose en memoria do seu amigo.

Os vasos, os saltimbanquis e os matrimonios caen cando menos o esperas

Álvaro triunfou literariamente. O éxito son relacións públicas. Dábanselle ben. Fallou na casa. Lamentábase de que non vira chegar a rutura. Os vasos, os saltimbanquis e os matrimonios caen cando menos o esperas. Están vendo o risco, pero nunca consegues fixar o momento. Cando o matrimonio, o saltimbanqui ou o vaso repousan no chan, dás reconstruído o proceso paso a paso.

Outro Jácome, o alcalde de Ourense, confesou que non vira achegarse a "traición" dos seus concelleiros. "Fui inocente; después me di cuenta de todos los avisos". Todo ese esperpento contouno Brais Iglesias en La Región. Brais é un falstaff bondadoso, afable e desfrutón. A última vez que nos vimos foi nunha entrega do Planeta. Tomabamos canapés onda o fiel e sabio Xesús Fraga. A Xesús cábelle o Imperio Británico na cabeza, mesmo cos beefeater e as súas lanzas picudas. Vimos a Dragó desafiando a lexislación vixente cunha universitaria. Temimos polo galardón. Pero non. Estaba alí porque lle deron o subcampionato á filla, Ayanta Barilli. Soubemos que era escritora polo xurado.

Brais revelaba confidencias dun colaborador de Gonzalo Jácome. Lendo, eu imaxinaba o alcalde coma Oskar Matzerath, o protagonista da novela de Günter Grass O tambor de folla de lata. Aos tres anos, Oscar rexeita ser adulto. Tírase polas escaleiras do soto. Deixa de medrar. A nai regálalle un tambor de folla de lata. Bate nel furiosamente mentres berra sen motivo rompendo ventás e asustando cabalos.

O rexedor ourensán ten un perfil do don Lucas del Cigarral de Entre bobos anda el juego. Todos se burlan de Jácome coma se fose o protagonista dunha comedia de figurón. Non saben que "hai un método nesa tolemia", a xeito de Hamlet. Confían en que se renda como Estanislao Figueras, presidente da primeira república en 1873. No enésimo consello de ministros que tampouco chegara a acordos, gritou:

—Señores, voy a serles franco: estoy hasta los cojones de todos nosotros.
Ao día seguinte marchou nun tren a París.

Don Juan nunca desculpou a traizón. A un fillo perdóaselle todo menos a gloria ou a morte

A anécdota cóntaa Fernando Jáuregui en La ruptura (Almuzara). A idea do libro é que, tanto nos presentaron a don Juan Carlos como pivote da Transición, que a súa caída arrastrará a lenda fundacional da nosa democracia moderna. Miguel Ángel Aguilar entendeu mellor o papel do rei dende que o xeneral superlativo o elixe relegando o pai. Don Juan nunca desculpou a traizón. A un fillo perdóaselle todo menos a gloria ou a morte. "Muerto Franco, don Juan Carlos se aplicó a la tarea de convertirse en rey consentido por todos los españoles", apunta  Aguilar nas memorias Silla de pista.

Aguilar é cronista, non ese heroe de Bailén que se cren os xornalistas do 78. Loitaron contra a mentira que foi o franquismo tragando moitas outras. Jáuregui foi descubrindo esa revelación sen acabar de darlle crédito, como Elvira. La ruptura ten o valor da confesión dun arrepentido: tardía, pero necesaria.

A Jáuregui entrevisteino no café Centro de Lugo o ano pasado. Debatemos sobre o futuro de Feijóo. El pensaba que, como é un gañador, marcharía a Madrid; eu apuntei que, como é un gañador, quedaría en Galicia. O camareiro tiña a cabeza esférica, ombros cargados e mirada cansa de selar boletos.

—Voy a pedirle una ginebra rara —anunciou o xornalista cántabro—. Supongo que no lo tendrán. Una Richmond London Dry.

—De acuerdo. Dígame la tónica.

—Si tuviesen una tónica Fever Tree sería la bomba.

—Ahora se la traigo.

Cando marchou o camareiro, Fernando díxome fascinado:

—Oyes, ¿vivir en Lugo es fantástico, no?

—Es estupendo.

Baixei pola estrada do Padornelo. Soamente a usaba o cronista oficial Lence Santar cando saía recibir os bispos que  asumían o arciprestado.

A verdade é que me gustaría vivir  no eixo grecolatino Mondoñedo-Lugo-Ourense. Cada vez que paso á altura de Mondoñedo baixo á cidade. Os tellados pratean coma robalizas. Nunca transito por autovías. Son cómodas, pero teñen o defecto da présa. Baixei pola estrada do Padornelo. Soamente a usaba o cronista oficial Lence Santar cando saía recibir os bispos que  asumían o arciprestado. Lence Santar era un contable con prosa de ministro de Fomento: "Según nos dijeron los dos cultos veterinarios municipales, en las San Lucas de 1950 entraron en el campo de la feria 3.722 caballerías, que valían unos seis millones de pesetas".

Nos paseos pola cidade pregúntome por que non vivo na rúa Febrero, que ten o nome máis bonito do rueiro occidental. Daquela boto un ollo a vivendas situadas a medio camiño entre as casas de Leiras Pulpeiro e Noriega Varela. Pero non dou por certa a existencia da urbe. Cunqueiro desconfiaba."Viviendo fuera de Galicia, Mondoñedo me parecía algo absolutamente inasequible y fantasmal que existía quizás en un espejismo, pero que una ráfaga de aire podía arremolinar y aventar en un santiamén". Se en Mondoñedo non se propagou o marxismo é porque aprenderon lendo a Cunqueiro a desconfiar da realidade, a tapar os oídos ao materialismo dialéctico. Álvaro contaba que, de cativo, non lle deixaban saír da contorna urbana polo perigo dos maquis "que andaban no millo".

Ourense tamén me atrae, aínda que estes días é unha cidade grotesca. Non desboto alugar un piso para tomar café e ler diante do Concello. A praza axuda amablemente a ser camiñada porque está inclinada cara ao Pingallo, onde se pode xantar á sombra do galeguismo histórico e pousar a sobremesa cun gin tonic preparado por Paco Sarria. Un gin tonic de Paco é auga máis esclarecida entre os ourensáns ca das Burgas.

O sitio onde mellor se escribe de España é Ourense. Presume de De Lorenzo, Tallón e agora de Xacobe Pato. Atentos a Seré feliz mañana (Espasa).

Pontevedra, dirán. Lores alfombra floralmente a cidade todo o ano para que lle escriban marabillosamente. Pero en Pontevedra son da escola de Dante: tendentes á narrativa e ao dramatismo. En Ourense atenden a Petrarca: estilistas, distanciados, irónicos. O Dolce Stil Nuovo florece na primavera alí como floreceu en Mondoñedo con Cunqueiro. "Donne ch’avete intelletto d’amore".

Vasos, trapecistas e matrimonios ao caer
Comentarios