domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Admiración

Choramos pola perda dos cafés, pero xa non temos tempo para ir a eles. Máis nos valía tentar salvar os mobles que marchan no camión das últimas mudanzas do século XX.

VISTA
UNHA VAGA de nostalxia percorre Compostela. O peche do café Derby, na esquina da Praza de Galicia, ergueu numerosas queixas por parte de xente da cultura. Ata o mesmo alcalde acudiu tamén ao muro —público— das lamentacións. Supoño que o salaio non é tanto polo café —que estou convencido de que case ninguén dos que protestou pisara nos últimos dez ou quince anos— senón por unha cidade que marchou para sempre. Todo o mundo repite o das tertulias mantidas nese lugar por boa parte das grandes figuras do país no século XX. Valle Inclán ou Dieste son invocados como figuras fantasmáticas rondando aquelas mesas de pequeno tamaño, atrapados nos cristais de tintura veneciana que vemos ao pasar desde a rúa. Pero o Derby non foi o único, mesmo non foi o máis importante, dos cafés composteláns. É a estética do local a que de algún xeito escribe a súa narrativa actual.


OLFACTO
Algúns cafés sobreviviron como fósiles directores dunha cultura europea forxada no XIX burgués. Eran entretemento barato: un espazo de socialización para os fríos días de inverno nos que as alamedas eran inaccesibles. É certo que neles xurdiron grandes ideas e proxectos, pero o seu día a día tamén era o dos díxome-díxomes. E iso non é malo, ou é tan malo como pode selo a propia vida. Unha boa parte do substrato cultural da modernidade do continente non se pode entender sen o cheiro do café. Pero os escritores levan tempo acudindo a eles só para quedar para entrevistas con xornalistas. E os políticos prefiren reunirse en sitios máis discretos porque as posibilidades de que veñan abouxalos nun espazo público son cada vez máis grandes. A ninguén se lle ocorre pasar tres horas diarias rodeado de contertulios sen que te paguen por iso.


GUSTO
Confeso que non teño nin idea —e, polo tanto, morro da curiosidade— por saber que se dirá da cultura da nosa época dentro de cen anos. Gustaríame saber se se seguirán a manexar conceptos como o de xeración ou se será posible establecer redes de relacións intelectuais a partir da xente coa que ías de cañas e pinchos. Non teño nada claro, por exemplo, que neste país os escritores manteñan amplas e produtivas ligazóns co resto dos seus colegas, máis alá de atopármonos nalgún evento e criticarmos os premios literarios que non nos concederon. Na literatura galega actual cada escritor é unha especie de cazador solitario que baixa de cando en vez da montaña. E iso é precisamente onde está a miña nostalxia: na ausencia do intelectual comprometido coa esfera pública. Esa era a auténtica besta parda dos cafés. O axitador do poleiro. Pouco nos queda dese mundo: se cadra un Suso de Toro e Manolo Rivas, cada vez máis sós, trala marcha de Agustín Fernandez Paz e Xabier Docampo.

Na tertulia da farmacia de Tato, na Pobra do Caramiñal, á que acudía Valle Inclán e Victoriano García Martí,. como non cabían na rebotica, sacaban as cadeiras ao medio da rúa


OÍDO
Na miña pequena vila arousá, que a principios do século XX se puxo de moda para veraneos de custe moderado, cultivamos tamén unha tertulia que era flor de estío. Lembreime dela o outro día, cando Amancio Liñares recuperou a memoria de Avelino Pousa Antelo, quen lembraba no Derby a Castelao e Dieste. Avelino contaba o que facían: eles eran moi novos, e puñan as cadeiras nunha especie de segunda fila concéntrica ao redor dos tertulianos para escoitalos. A conversa irradiaba como un reactor de fisión. A miña avoa contárame algo parecido da farmacia de Tato, na Pobra do Caramiñal, á que acudía Valle Inclán e Victoriano García Martí. Como non cabían na rebotica, sacaban as cadeiras ao medio da rúa, coma filósofos gregos a debater na ágora. Cando a súa nai ía mercar algunha  menciña, facía parar ás fillas detrás das cadeiras, para que escoitaran "a aqueles señores falar".


TACTO
Nin a miña avoa nin a súa nai tiñan ningún tipo de estudos: eran fillas de mariñeiros, co que iso significa a principios do século XX. Pero naquela decisión, a de parar a que as fillas escoitaran, observo concentrada toda a historia do século. Aprender para prosperar, para se marabillar. A miña avoa lembraba o ben que falaba aquela xente. Quedaban pasmadas cun léxico que non habían entender ben, cando a linguaxe tamén podía ser espectáculo na boca de Valle; tamén de todo o coñecemento que as superaba, que lles amosaba mundos novos. Aquelas mulleres que escoitaban sentían admiración. As manciñas quentes, de tacto mol, das nenas collidas coas da nai mentres admiraban.  O mesmo que Avelino Pousa!


ADMIRACIÓN
Nos últimos anos eu estou por admirar. Substituímos a admiración polo receo, o cinismo, a envexa. Todos estes sentimentos están conectados entre si. Pero só a admiración, que parte da humildade e do recoñecemento do outro, nos permite prosperar. De toda esa cultura dos cafés non teño nostalxia, senón curiosidade. Ese mundo xa marchou e non pertencemos a el. Pero se algo me gustaría rescatar, aprender, traer del, non é tanto a gloria barata de ser galo de poleiro literario, senón ser admirador sentado na segunda fila, coma o Avelino novo, como a miña avoa nena. Dispoñerme a aprender, prepararme para me abraiar e a recoñecer no outro a valía que un non ten —pero á que podería chegar—. Precisaremos cafés para aquecer eses valores?

Admiración
Comentarios