martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Arcanos de mármore

No Museo de Ciencia Viva, o seu director, Rui Dias, anda por todas partes con bolígrafos e metros. É un apaixonado das escalas. Para demostrar as inconcibibles dimensións do sistema solar, converteu o concello de Estremoz nun taboleiro á medida

O LECTORADO europeo fascínase coa prosa límpida e honesta de Paolo Cognetti, un solitario hipster capaz de crear un mundo montañoso que gusta a todos porque sabemos que non o imitaremos e que o miramos desde a nosa rencorosa barreira urbana.

VISTA. Conduzo a través dun Portugal queimado ata Estremoz, onde unha torre medieval de mármore refulxe no máis alto da cidadela, coma un arcano atemporal. 

No Museo de Ciencia Viva, o seu director, Rui Dias, anda por todas partes con bolígrafos e metros. É un apaixonado das escalas. Para demostrar as inconcibibles dimensións do sistema solar, converteu o concello de Estremoz nun taboleiro a medida. O sol está ao carón do Museo, nun vello convento; para visitar Xúpiter hai que chegar ao campo de fútbol e Plutón fica ás portas do castelo de Évora Monte, a 17 quilómetros, nunha fermosa paisaxe de sobreiras e oliveiras. A ciencia conseguiu resolver con naturalidade o que segue a ser unha tensión no resto da cultura: encaixar o universal no local —e viceversa—.

OÍDO. En Estremoz escoito falar moito ao redor da socialización do patrimonio cultural e da referencia que está a ser Galicia neste ámbito, con exemplos que inspiran proxectos ao longo do Estado e de Portugal. Todos eses especialistas acceden con naturalidade a libros e materiais en galego para explorar os estudos de caso e trasladalos aos proxectos locais. E decateime dunha cousa: é tan importante exportar produtos culturais —libros, obras teatrais, etc.— como métodos de facer cultura.

TACTO. Rematou o Festival Atlántica de Narración Oral e marcho cunha percepción: xa temos, claramente debuxada, unha nova xeración de contadores galegos. Parecía que esa magnífica vaga talentosa de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Avelino González, Celso F. Sanmartín, Sole Felloza ou Paula Carballeira ficara un pouco soa no campo escénico, pero xa aparece xente máis nova con enorme talento como María da Pontragha, Vero Rilo ou Lois Pérez, entre outras. Agora só precisamos público que os agarime con veludos de butacas e entradas.

GUSTO. O que acontece coa carne de vacún maior do país é para min unha metáfora do todo. O autor do documental Steak Revolution, Frank Ribière (Netflix) dá a volta ao mundo comendo chuletóns para, ao final, facer caso ao carniceiro máis coñecido de Francia, o bretón Yves-Marie Le Bourdonnec: a mellor carne vermella do mundo é a da rubia galega. Saben onde foi probala? A Zamora. Tamén podería tela comido nos asadores vascos, que gañan a súa sona dos matadoiros de Betanzos e Silleda. Agora naceu a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Exportar está moi ben, pero deberiamos dedicarnos non só a producir a materia prima.

OLFACTO. Disfrutei moito lendo Las ocho montañas (Random House, 2018) de Paolo Cognetti. Trátase dun relato de alento autobiográfico, na que o autor liga a memoria do seu pai e do seu mellor amigo co amor polos Alpes italianos. Moitos explican o éxito do libro pola sinxeleza dos valores —modo beatus ille on— que transmite: o retorno a unha vida natural de metas definidas e alcanzables, na que os traballos físicos —con camisa de leñador— definen os días e arrecendo a conífera a experiencia. Tense falado dunha nova masculinidade e do retorno á natureza como escape do mundo actual: banais interpretacións de libro de autoaxuda. Para min, este é un libro sobre a amizade, a reconciliación e os espazos creados para seren compartidos. Unha auténtica fermosura.

ESPACIALIDADE. Paso este mes entre as correccións da nova novela e aprender a usar Blender, un software de creación 3D, dúas narrativas entrecruzadas. Nunca puiden entender o medo da xente a coñecer novas ferramentas: o mellor non é o que podes facer con elas, senón como desafían a estrutura do pensamento. Eu úsoo para reconstruir cidades antigas, e de aí vén a miña sorpresa. Ao deseñar poboacións completas, decátome de como a nosa idea do pasado está baseada en imaxes e, polo tanto chea de ausencias. O pasado é como un farrapo rachado con enormes furados que custa completar. E iso é así porque está construído con relatos. Os modelos 3D lévannos a outro mundo: a de entender o pasado a través da experiencia.

Arcanos de mármore
Comentarios