Jueves. 21.02.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.02.2019
El tiempo

Area entre os dedos

A adaptación televisiva de A amiga estupenda de Elena Ferrante preserva a sorpresa e a fascinación de cotiás mundos descoñecidos que tiña o libro. Relatos para levar a verdade ao outro xénero que van máis alá da moda do momento

CANDO ESTÁS a réxime de adelgazamento tes a mesma tentación inconsciente que os avós primeirizos: falar sen parar do teu asunto sen que che importe un pemento a cara de desesperación do interlocutor. Se cadra o xexún sexa, dos castigos corporais cristiás, o máis sincero de todos, moito máis que o cilicio: sitúate fronte a unha obsesión que debe ser asumida con certo pracer sadomasoquista para poder sobrevivila. Saber que a fame é, no fondo, o motor ansioso do universo e, máis que unha revelación, unha confirmación.

VISTA. Custárame entrar nas novelas, pero velaí estaba HBO para salvarme. Se cadra unha das grandes series dos últimos tempos é a adaptación audiovisual de A amiga estupenda de Elena Ferrante. Un relato profundo da vida obreira do sur de Italia, cun reparto de luxo, seleccionado con esmero e mimo para atopar esas caras — aparentemente desaparecidas— que pululaban polo mundo nos anos 50. Pásame a min cando vexo eses rostros —non necesariamente desnutridos— dos anos 30, 40 ou 50. Desapareceron, borráronse as fisonomías, ou simplemente os peiteados e os vestidos son quen de enganarnos desa maneira? Creo que non. Creo que moitas das caras que estaban xa non están. Calquera antropólogo físico poderá desdicirme sen demasiadas dificultades. Pero os responsables do casting de A amiga estupenda —se cadra Paolo Sorrentino?— sabían o mesmo ca min. Non é só unha cuestión de moda.

TACTO. Pero o máis revelador de A amiga estupenda está en todo o que xa se avanza na novela de Ferrante e que na serie se revela luminoso. Estamos nunha época de series de mulleres empoderadas, pero aí non hai demasiada novidade. Son as mesmas historias, cos mesmos roles, só que cambian o xénero dos protagonistas. É a mesma historia que antes, simplemente cun cambio de xénero. Pero A amiga estupenda preséntanos algo novo, e por iso fascinador. Un relato da moza adolescente como ninguén o contara en moito tempo. Un relato da vida íntima das mulleres, esa vida á que os homes apenas temos acceso, que se plasma en detalles que nos soan como esas certidumes que se confirman dunha vez. E velaí que me achego deslumbrado a eses pequenos relampos de verdade que é perturbadora e fermosa.

OLFACTO. Ai, a verdade. Das poucas cousas que teño claro é que a verdade se agocha detrás das mentiras da literatura. Cando menos a verdade que non se debe apreixar, que é máis complexa de atrapar que sintetizala nun código ás veces tan limitado como é a escrita humana. Témola tan sacralizada que ás veces esquencemos que apenas é capaz de representar unha milésima parte do que podemos sentir. A escrita chega á verdade de moitos xeitos, pero cando se queda corta é onde opera o seu ben máis preciado: ser completada co fermento que teñen os lectores no seu interior.

OÍDO. Participo nunha mesa redonda ao final da proxección da curtametraxe Lavandeiras, de VOU Films, na Pobra do Caramiñal. A curta, ambientada na posguerra na zona máis agachada —é un falar— dunha pequena vila arousá, está inspirada no pasado da zona. E volveu pasar algo que me segue a resultar marabilloso: unha lenda nova, que nunca escoitara. Xa non digo na Pobra do Caramiñal: non o escoitara na vida, e teño lido moito sobre tradición oral.

AUSENCIAS. Ao chegar a casa puxémonos a buscar nos nosos libros. Nada. Acudimos á rede, tampouco nada. E alí decateime dunha desas fracturas dixitais que nos esgazan sen decatármonos. Boa parte da produción etnográfica e antropolóxica do país é de antes de internet, pero de moito antes. E apenas hai produción científica actual —falo da última década— ao redor da tradición oral do país. Internet está chea de meigas que voan en vasoira e trasnos con pinta de gollum pasados pola perruquería. Só viven algunhas illas como a web Galicia Encantada. En realidade, a etnografía e antropoloxía galega están fóra da rede. Aínda así, despois de moito mirar, comprobamos que ninguén aparentara recoller esta marabillosa historia. A golpe de 2019. Parámonos a pensar: cantas historias perdimos como area entre os dedos.

Area entre os dedos
Comentarios