martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Bágoas do mar

Percorro Grecia na procura dunha linguaxe común que vai máis alá das tres ordes arquitectónicas. De patrimonio cultural e obsesións do presente. De bágoas tímidas e mosaicos ocultos.

TACTO

VELAQUÍ estou, nun territorio desértico que se debruza nun mal de azul neón. Toco a terra e arde. Unha capela en ruínas láiase contra o mar, construída con graves bloques de mármore feitos de memoria antiga. A ría de brillo case ofensivo está rodeada de montes ásperos. No edificio esmorecido, baixo unha decrépita e inestable bóveda, entre columnas clásicas de orde xónica, acumúlanse exvotos circunstanciais: fotos de carné, cordóns de zapatos, chupetes. Chegamos alí sen saber, perdéndonos por unha estrada estreita de Mani, no sur do Peloponeso, e resulta que estamos ao sur de todo, no cabo Tainaros. Ao camiñar pola ribeira, sucedían estampas oníricas: caras atrapadas en mosaicos observábannos desde ultratumba, destapadas por furtivos nunha ladeira seca que gardaba tesouros. Aparecían literalmente baixo os pés. E, ao pé da capela, ao abrigo dunha cala, rodeada de barquiñas humildes, unha cova con columnas caídas e máis exvotos en caos. Topografía estraña, topografía próxima, tan próxima a nós: montes e augas falábanme, berrábanme, pero non chegaba a entendelos de todo. Ao volver á cobertura consultei ansioso o móbil. Na capela houbera un oráculo de Poseidón, un lugar único. A cova considerábase a porta dos infernos. E, no seu tempo, a este lugar aillado e áspero fuxían os escravos para procurar a liberdade baixo a protección do deus do mar. Velaí. O problema é que os territorios, como as persoas, teñen unha lingua, e non sempre a entendes de todo.


VISTA
Percorrín Grecia este verán nun exercicio persoal que me levou por un vieiro non agardado: nos paralelos entre a Grecia antiga e Galicia. Non me refiro ao pensamento clásico de Platón e Aristóteles que nos chegou por Cou ou outros catecismos. Era algo ben máis interesante. Poño outro exemplo. Ao subir a doce costa que leva á Acrópole de Atenas, que no fondo é a croa dun castro, todo o mundo detense ante a vista luminosa dos Propileos, o pórtico de entrada. Foron feitos para asombrar. Todos menos eu, que me intriguei por algo ben distinto: eu miraba para o outeiro de enfronte, inzado de penedos, laxes e covas. Pero que raio é iso, pensaba eu sen deixar de miralo, ignorando a maxestuosidade acropolitana. Pois era o Taigeto, o espazo da xustiza ateniense, o sitio importante. Non por nada alí foi predicar San Pablo. Os áticos non se atreveran a enchelo de templos e columnas: debía de ser demasiado importante como para iso. Coma os galegos, os gregos tiñan ese pensamento dual: monumentos por unha banda, como actos políticos, e pola outra a memoria silenciosa, secreta, lexitimadora, o poder real, preservada en montes de pedras, só sutilmente intervidos para asentar a súa función.  Alí comecei a entender a linguaxe menos coñecida de Grecia, similar á galega. Un código de entendemento a piques de desaparecer, unha verba de arxinas.


OLFACTO
A primeira vez que vin a Acrópole de Atenas, hai máis de vinte anos, apareceu de súpeto entre as rúas de Monastiraki. Boteime a chorar, nunha reacción emocional que non agardaba de min mesmo. Tapei a cara coas mans coma un piadoso musulmán. A rapaza finesa que me acompañaba mirou para outro lado, sen saber que facer ante a sensación —real— de que acababa de presenciar algo demasiado íntimo. Desta volta, xa o mundo e min mesmo aprendemos a mentir mellor. Visitamos o Museo da Acrópole, aberto hai dez anos. Luminoso, limpo, cun concepto contemporáneo do relato arqueolóxico, cheo de marabillas. Gastáronse un diñeiral nun contentor que replica, a escala real, o Partenón, no alto do edificio. As enormes cristaleiras permiten ver, enfronte, o Partenón real. Comecei a cheirar algo: o enorme investimento público neste edificio, se cadra tan desproporcionado con respecto a outros museos do país debía responder non tanto a unha sensibilidade patrimonial, como ao chamado ‘orgullo nacional’. Estaba ese museo aí polo valor da Acrópole ou, máis ben, pola reivindicación grega dos frisos atenienses que están no Museo Británico?


OÍDO
En Vergina, ao norte de Grecia e moi preto de Salónica, confirmei que Grecia manexaba o patrimonio como poder, cando queira —como case calquera outro país, vaia—. Velaí está a tumba de Filipo II, o pai de Alexandre Magno. Trátase dun museo impresionante e subterráneo: o edificio reconstrúe in situ a mámoa que funcionou de panteón real da dinastía macedónica que deu lugar ao gran conquistador do mundo. É dicir, tras escavala enteira, ergueron a mámoa de novo e deixaron, no interior, as tumbas exentas e todos os seus marabillosos tesouros. Todo o museo está construído ás claras con dous fins: o primeiro, demostrar que o morto tan ricamente soterrado era o pai de Alexandre Magno —a hipótese, bastante probable, é esencialmente unha deducción arquelóxica, non hai evidencia directa— e que esa parte de Grecia é a antiga Macedonia, a capital e dinastía dos reis macedónicos. Claro, todo isto ten que ver co conflito diplomático entre Grecia e a república de Macedonia do Norte, que aínda se solventou en xuño de 2018. Ao dividirse a antiga Iugoslavia, os macedonios do norte adoptaron o nome e os emblemas visuais dos antigos macedonios. Todo o mundo quere o devanceiro famoso, non o escravo labrego. Aos gregos encrespoulles este asunto, non pouco espiñento. Lembro un amigo ateniense que me berrara no seu momento: «Non digas Macedonia, sempre foi Skopia!». A arqueoloxía converteuse en parte da batalla. A enésima demostración de que o patrimonio cultural é máis un asunto do presente que do pasado.


GUSTO
A cultura, en si, é outra cousa distinta ao patrimonio cultural. A cultura é mirar para esta terra seca, áspera, pedrugallenta, pouco fértil: cultivar con paciencia tomate, cogombro, berenxena, melón, sandía, queixo de cabra, mel, aceite de oliva, año e polo, canda herbas olorosas dos montes, e mesturalos en mil combinatorias posibles para acadar que o solar pobre ilumine os días da xente humilde. Cando se consultan os entusiastas pareceres dos turistas nórdicos sobre a gastronomía helénica, arquetípica do Mediterráneo oriental, todos se amosan fascinados pola exhuberancia de sabores. Non se decatan de que esta gastronomía é xusto o contrario: é a marabilla do goce e da emoción a partir da escasez. No patrimonio cultural grego o Museo da Acrópole e a Tumba de Filipo son espléndidos como unha cociña de Lyon. Pero a súa fermosura está alén dos circuítos turísticos, onde sobreviven oráculos de Apolo e Artemisa entre cedros, piñeiros, chicharras e un secarral infame.


INMERSIÓN
Preto de Gythio, na fermosa praia de Valtaki, obsérvase unha escena digna do Planeta dos Simios. O mercante Dimitrios leva desde 1980 oxidándose encallado entre as rochas dunha fermosa praia. Seica era un barco que andaba no contrabando de tabaco entre Turquía e Grecia, e ninguén tivo interese en sacalo de aí. O barco é ferruxe icónica, como restos dun mundo abandonado. A auga está fresca, e decido botarme ao mar. Nado e buceo, e de súpeto, baixo a auga, descubro columnas, ánforas, muros absidais de inmortal morteiro romano. Collo aire e descendo ata unha especie de pía revestida. Meu deus, as paredes aínda conservan a impregnación púrpura. Aquí debían fabricar, a partir do gastrópodo Murex Brandaris, a cor mítica que tinguía as túnicas dos emperadores e patricios. E aínda, baixo as augas, fican as súas trazas. Ao remexer a area doutro edificio, a cara dunha muller, nun mosaico, aparece entre os dedos. E agora, vinte anos despois da primeira vez que chorei en Grecia, recunco. Desta volta, baixo a auga, onde ninguén me pode ver.

Bágoas do mar