martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Ceos azul cobalto

O Museo Naval de Ferrol ten unha cantidade incrible de cacharrada técnica que aínda cheira aos aceites de engraxado e memoriabilia friki: desde a sinatura orixinal de Adolf Hitler ata un retrato de 1915 da tripulación dun buque da Armada ao que lle tocou a lotería

DIN DELA que é a mellor película de batallas navais desde Master & commander, e non serei eu quen o desminta. Michiel de Ruyter, o almirante (2015) é un bo filme dirixido por Roel Reiné ambientado na Holanda do século XVII. Os amantes da pintura de guerra naval poderán ver escenas marabillosas da formación de escuadras holandesas contra inglesas, moita acción e combates memorables. E sempre resulta entretido ver chauvinismos de territorios non anglosaxóns. Poucos días despois descubrimos esa interesantísima serie de intriga da BBC, The miniaturist, tamén ambientada no Amsterdam do XVII. Eis un vínculo entre as dúas producións: a homenaxe aos pintores holandeses do tempo. Todo parece un cadro de Vermeer ou de Rembrandt —quen fai algún cameo—. Pensei en como se aplicaría iso no cine galego: ceos de cor azul cobalto. Estraño.


OLFACTO. Visito o polo museístico de Ferrol: o Museo Naval e o Museo da Construción Naval, ubicados no interior do antigo recinto militar da Mariña. Son, obviamente, moi diferentes. No Museo da Construción Naval debéronse investir moitísimos cartos da reconversión, para restaurar o marabilloso edificio das Ferrerías, do século XVIII. O discurso é tan pesado coma os materiais que se atopan nel; un abuso de paneis de texto e unha falta de concepto museográfico. O Museo Naval, o dos militares, está da outra beira da praza. Ten o encanto dun antigo museo local —moitas maqueta feitas por mañosos militares—, unha cantidade incrible de cacharrada técnica que aínda cheira aos aceites de engraxado e memorabilia friki: desde a sinatura orixinal de Adolf Hitler ata un retrato de 1915 da tripulación dun buque da Armada ao que lle tocou a lotería. No marco desa foto están preservadas como nun relicario as bólas premiadas no bombo de San Ildefonso. Venzan os seus prexuízos e vaian visitalo, que o pagamos entre todos.

TACTO. Os dous museos están separados apenas por un patio, pero son unha auténtica metáfora da cultura en Galicia. En cada un, hai unha reprodución a tamaño real do interior dun barco do século XVIII. Cos seus canóns, os sacos, toneis, escotillas —ou como sexa o nome técnico—. É dicir, alguén asinou investir cartos públicos en replicar algo que xa estaba no edificio do lado —que pertence a unha administración distinta—. O tremendo é que a día de hoxe soa ata habitual no país.

GUSTO. Hai libros que sabes que queres ler, pero por algún motivo que nin sequera sabes explicitar, adíalos un tempo. A min iso pasoume con Comimos y bebimos, do anglófico Ignacio Peyró (Libros del Asteroide, 2018). É unha miscelánea de textos gastronómicos: desde evocacións de infancia ata gabanzas de restaurantes, pasando por acotacións biográficas sobre os diferentes actos da gastronomía.

Peyró escribe como noutra época. Non vía unha cantidade de estranxeirismos innecesarios tan grande desde as crónicas de fútbol da prensa galega de principios do XX. E, sen embargo, nese exceso xeral, o libro permanece como un relato de humor. As memorias dun papador adoitan ser bastante frustrantes: hai que ser moi brillante para levar o pracer sensorial ás follas dun libro. Non teño claro que Peyró o consiga, pero este mozo do ano 80, que parece dos 50 —e isto non o digo con mal sentido—, consegue entreter e ten frases efectistas de gran lucidez. Se cadra niso consista a gastronomía. E xa lle chega. Recomendado.

 
OÍDO. Moitas veces non somos conscientes do poder dos imaxinarios, de como modifican a nosa interpretación do mundo, ata que chocamos contra datos en vivo. Nestas semanas manexei unha cifra dura en relación á cultura: espida, seca, metodoloxicamente incuestionable. Era un dato tan definitivo que nin sequera foi cociñado: contundente como unha cebola crúa. Levei o dato de paseo polas conversas, e non mo cría ninguén. Tardaban en asimilalo. Como pode ser posible? Ten que estar mal. Neste ten que estar é onde está o embruxo do imaxinario. Só os datos, datos rigorosos, limpos, ben extraídos e computados, nos salvarán, a pesar da súa brutal sinceridade. Só os números, procesados sen prexuízos, poderán funcionar coma o espello da bruxa, provocando algún tipo de reacción, agardo que en cadea.

 
DESQUICIAMENTO. Ando estes meses enleado nun proxecto tan fermoso como descomunal, a creatividade debe ser toda canalizada para a súa posta en marcha. Pero como nunha dieta, botas en falta aquelo que non consumes. Tento afartar a miña voracidade de literatura lendo como nunca, pero o que preciso é escribir. E cando me despisto e deixo marchar uns segundos a atención, observo liñas formándose no horizonte con impaciencia. Como nas dietas, sempre hai un horizonte ilusorio no que soñas con volver a un mundo anterior.

Ceos azul cobalto
Comentarios