domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

Cocidos na Comarca

Ao calor dun lume de carballo, rodeado de urbanitas gastroviaxeiros e veteranos solteiros do rural ulloán, decátome do mellor símil literario para a Galicia contemporánea: a Comarca inventada por Tolkien para a Terra Media

TEÑO UNHA ESTRAÑA fascinación por aqueles lugares antigos aos que lle podemos poñer un nome. Camiñamos por uns fermosos camiños de Monterroso, na parroquia de Novelúa. E o aire arrecende a boleti. Está todo cheo de cogumelos enormes, carnosos, aos que xa lles pasou o tempo. Os tesouros de outono do campo galego son alimento de lesmas. Nós seguimos e tentamos subir, entre unha espesa vexetación, ao Castro Cercio. Previamente, procesara os datos topográficos e obtivera un detallado modelo tridimensional que nos permite pensar que ese lugar está nun fantástico estado de conservación. Preto de Lugo atopouse unha lápida dun dos famosos ‘princeps’ lucenses, esa especie de reis locais indíxenas dos que non sabemos case nada. Nesta lápida aparece Vero, fillo de Veroblio, do castro de Circine. Circine. É difícil non pensar que este lugar, de impoñentes murallas, escondido debaixo da carqueixa e o toxo, non sexa Circine, e que no recinto interior, protexido tras unha muralla interna, estaba a casa de Vero, fillo de Veroblio, morto aos 60 anos. 


VISTA
Son un inxenuo, pero gardo aínda un costume que ten moito máis de relixioso que de racional: crer que pronunciar algo significa, de algún xeito, conxurar a súa existencia. Por suposto, iso non ten nada de máxico, senón da forma na que os humanos construímos o mundo, que é a partir de palabras. En termos de divulgación arqueolóxica, por exemplo, non é o mesmo chamarlles en abstracto aos habitantes dos castros indíxenas ou castrexos que darlles os nomes que tiñan en realidade: Apana, Nantia, Vecio, Reburro, Pusinca, Ambato, Nicer, Camalo ou Arquio. Dos antigos galaicos conservamos unha espectacular –e descoñecida– colección onomástica. Por que non usamos máis este abraiante material é un máis dos misterios deste país. 


OÍDO
Nalgunhas visitas guiadas que fago á exposición Alba de gloria pregunto aos visitantes se coñecen, por exemplo, o Monte Medulio. Hai todo un sesgo xeneracional nesa información. Moita da xente nova non ten nin idea de que lles falo. Pero nin do Medulio ou de boa parte dos 65 personaxes da historia de Galicia que compoñen a Alba de Gloria de Castelao. Non creo que estes rapaces coñezan moito máis da historia galega que os emigrantes aos que Castelao lles recitou o discurso en 1948, e que alicerzaron o Centro Galego de Bos Aires con pedras do castro de Elviña, da muralla de Lugo, do castro do Trega e do pazo de Benito Feijóo, en Pereiro de Aguiar. Outra vez: crería no pensamento máxico se pensara que non hai moito de deliberado nese descoñecemento.


TACTO
O resultado da ignorancia ten que ver coa empatía. Como sabe toda persoa que fala en público, nada hai máis transparente que os rostros da túa audiencia. Sabes á perfección como funciona aquilo que estás contando. É difícil non caer na fascinación polo relato de Alba de gloria, e a propia vida de Castelao. Pero nas xeracións máis novas require un esforzo extra. Hai algo aí, unha especie de repulsión ou prevención inicial que asusta; logo acaba vencéndose coas propias palabras de Afonso Daniel e esta historia comeza a ser compartida. Non é a primeira vez que percibo ese rexeitamento. Saber en que consiste, debería ser un camiño que foramos quen de verbalizar. 


GUSTO
Ao baixar do Castro Cercio paramos xantar na Cantina, en Monterroso, no lugar do Marco. Teño ese gusto tamén atávico polas pousadas solitarias das encrucilladas, como nunha novela de Sapkowski ou de George R. Martin; sempre imaxino que no interior haberá un viaxeiro encarapuchado e misterioso bebendo só cabo do lume. Na Cantina comemos diante da cheminea, tomamos un bo cocido, e probamos as filloas e as rosquillas da casa. As encrucilladas galegas deberan ter menos marquesinas da Deputación e máis pousadas con leña prendida.


SEGURIDADE
Viñamos aterecidos do monte, e a sopa de cocido tiña a graxa da fartura, o lume agarimaba a pel e todo reconfortaba. Nos últimos meses ando preocupado polos movementos do mundo. Non dun xeito retórico, como un columnista de xornal. Pásame por ler moitos libros de Historia. Aquí, na Cantina, o mundo non parece importar. A xente agasállase no coñecido, no útero de sabores onde nada pode saír mal. Pensei onde estaba realmente esta pousada: no corazón da Comarca hobbit, onde comemos e bebemos felices convencidos de que as cousas malas sempre pasan noutros lados. Tolkien representou na súa Comarca ao labrego inglés, pero podería ter sido á perfección o galego. Esa confianza inocente en que o mundo exterior non chegará aquí, ese recelo a todo o novo. A Comarca dos hobbits: que gran resumo da Galicia contemporánea!

Cocidos na Comarca
Comentarios