jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Colonias invisibles

Se vostede quere sentirse vello, probe a visitar unha exposición de pintores amados. Se percibe que por primeira vez comprende a señores adobiados con golilla, filósofos andraxosos e beatas insubmisas, é que vai sendo tempo de inaugurar unha nova idade

Beso. EP
Beso. EP

NO MUSEO do Prado. Visitamos unha das exposicións do ano: Velázquez, Rembrandt, Vermeer. Miradas afines. Hai que reservar previamente hora para o acceso. Aínda que o público ateiga a exposición desde a apertura, a experiencia de visita é, dentro do posible, agradable, grazas ao sistema de reservas. Lembro o horror das últimas visitas á Mona Lisa no Louvre ou á Pedra de Rosetta no British Museum. Miles de persoas tirando fotos infames con móbiles simplemente por unha compulsión reflexa. Tolerar esas feiras dentro dos museos só pode ter motivos pouco confesables. O acceso universal á cultura e a estes grandes museos públicos xurdiu como xeito de abrir as portas das coleccións reais e aristocráticas do Antigo Réxime; ben de tempo despois, garantir o dereito á cultura é tamén facilitar que este acceso se produza en condicións que permitan o seu goce.

OLFACTO
Miradas afines é unha exposición de tese, é dicir, argumenta unha ollada á arte a través de exemplos. A idea que defende o comisario Alejandro Vergara é que o nacionalismo historiográfico creu ver estilos pictóricos nacionais na pintura holandesa e española de época moderna. Vergara cuestiona o identitarismo pictórico buscando os trazos dunha cultura europea común compartida nas elites artísticas. De feito, na exposición hai un convidado invisible, Caravaggio, que semella o motor ausente da ecuación flamenco-española. Aínda que a exposición inclúe no seu nome o trío gañador e mediático de Velázquez, Rembrandt e Vermeer, a mostra é moito máis ampla. Murillo ou Franz Hals, por exemplo, son tamén moi importantes no relato. A exposición, convincente e suxestiva, non deixa de ter outra lectura máis: se cadra o asunto vai, máis que de pintores, de elites de poder no Antigo Réxime ao longo de Europa, moito máis parecidos do que se pretende. Iso lévanos a unha certeza habitual e incómoda coa que hai que convivir: a arte —que chega a nós— sempre é a cara amable do poder.

TACTO
Teño visitado moitas veces a Rembrandt ou a Velázquez, pero había algúns anos que non paraba de vagar. Coma os lugares e os libros, hai que deixar ocos na vida para revisitar os cadros de cando en vez, porque ti xa non es o mesmo que os mirou hai tempo. Agora, con 43 anos, volvo estar diante dos Síndicos de Rembrandt, do Xeógrafo de Vermeer, do Don Diego del Corral de Velázquez, e de súpeto atópome cunha actitude nova para min mesmo. Agora estou dentro dos cadros, é como se os gozara de xeito máis pleno, como se me contaran cousas que antes non me quixeran contar. Pregúntome que cambiou nesta relación, ata que me decato de que agora observo os rostros, as expresións, dialogo con estas personaxes e, sobre todo, compréndoas. O paso da vida, non os estudos, aprendéronme a entendelos. Percibo os trazos de pintura como se foran tecidos que puidera tocar. Comprendo por que Nicolas Maes, en A oración sen fin, debuxa un gatiño a piques de facer un desastre coa cea da súa propietaria e crebar a súa mística oración, sabedor de que os contos coma ese deben ter final feliz. E emociónome coa intimidade da Muller bañándose de Rembrandt: hai unha fermosura nesa señora que había anos non apreciara. Agora sei como Rembrandt foi quen de pintala bela, e descubro con sorpresa que compartimos gustos. Dos signos do paso do tempo —agora vexo como as canas medran na miña barba día tras día—, esta nova certeza é sen dúbida a máis gozosa.

GUSTO
Ceamos no Kabuki Wellington, restaurante celebrado polo gourmetismo madrileño coma o mellor xaponés do Estado. É para facer cruces: coñezo cando menos dous magníficos locais de cociña asiático-galega que lle dan vinte voltas. A illa gastronómica galega continúa. Unha sumiller libra torpes batallas coas rollas de cortiza das botellas. Chéganos unha ostra á que, con bastante ignorancia gastronómica, converteron nunha chula fritida, anulando a alma mariña do produto. Pódese presentar unha cociña tan esencial como a xaponesa baixo a premisa de transformar os sabores definitorios dos produtos? Que significa exactamente fusionar cociñas? Ao día seguinte, ceamos en Surtopía, un restaurante de cociña gaditana moderna. Alí probamos unha corvina nun excelente punto. "Aquí si entenden o mar", comento. Ao rematarmos, subiu a saudar o chef, José Calleja. "Manuel Gago?", pregúntame. Perante o meu asombro explícame. "O meu avó chamábase Manuel Gago, era patrón de pesca de Palmeira que emigrou a Sanlúcar. Non coñecerás, por casualidade, Palmeira?".

OÍDO
Baixamos a abundante cea camiñando por Serrano, camiño do desfile do Día —máis ben noite— do Orgullo Gai. Nunha ría batemos cunha xoiería chamada Palmeira. Nas farolas penduran eslóganes do concello, supoño que concibidos no mandato municipal de Carmena. Chámame a atención o uso, case caballerístico, da palabra nuestro nos eslóganes de diferentes campañas. Cando despois pasou no desfile o camión de Más Madrid cun Íñigo Errejón exultante dentro —por certo, o camión o máis aplaudido da manifestación, fronte aos glaciais silencios ao paso dos camións do PSOE e de Podemos—, observei sorprendido que usaban o mesmo eslogan do concello: Nuestro mayor orgullo.

SILENCIO
O desfile é decepcionante. Limítase a camións cargados de xente encantada da vida, pinchando música, bebendo cervexas e botando chorriños de auga sobre a multitude con pistolas dos chineses. E todos os camións son patrocinados por empresas puntocom ou locais nocturnos madrileños, coma se fora un centro comercial ambulante. No concerto da porta de Alcalá, entre grupo e grupo, subiron os dous directores do evento a vendernos outro festival. É como se aquí en Madrid xa non existiran determinadas fronteiras —chamémoslle tamén escrúpulos— que en Galicia aínda se conservan. E así se entenden determinadas circunstancias da política madrileña actual. A interferencia entre o público e privado vai desde eslóganes que transitan sen pudor de concellos a partidos, a colonización comercial dunha festa social ou a venda de intereses particulares no medio de eventos fortemente patrocinados polo público. Noelle Neumann falaba da espiral do silencio: esa teoría que explicaba como os individuos ían adaptando o seu pensamento aos discursos dominantes. En Madrid a forte presión dun discurso colonizador do espazo público entra mesmo naqueles que pretenden defenderse del. A distancia permite ver eses pequenos detalles, se cadra invisibles no día a día. Ou será a distancia. Ou será a idade.

Colonias invisibles
Comentarios