jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Comboio nocturno

Evan Rail escribe en The New York Times sobre o rexurdir do tren nocturno en Europa. Escoller unha ilustración para encabezar a reportaxe apela ben a ese corazón que debe conectar as boas historias xornalísticas co lector: a experiencia propia

OLFACTO

UN AGARDA ler sempre o que un é ou o que un foi. Os trens nocturnos son o espertar incómodo á vida de miles de rapaces europeos e norteamericanos que, coa mochila ao lombo, daban o paso desa adolescencia final que son os primeiros cursos universitarios a unha nova cidade. O tren nocturno xuntaba os beneficios de aforrar noites de albergue coas terribles incomodidades de durmir nun monstro renxeante e que apestaba a gasoil. Teño durmido en todo tipo de comboios de ferro por Europa adiante. E cada noite que pasaba, cada centímetro de cansazo e mal descansar que padecía era a apertura dun mundo novo.

TACTO

Esas noites en vagóns mal dipostos, nos que entraban aires xélidos alpinos ou esteparios, que obrigaban a xirar de continuo para cambiar posturas, foron a descuberta da proximidade dos corpos, a rutura das distancias físicas coas mozas, a cooperación na procura do descanso, a intimidade da proximidade do tacto para cooperar na inconsciencia do descanso. Visto desde a distancia, lembrado para este texto, soa tan candoroso agora como de aquela era perturbador para o meu púber eu. Abrazarse a unha case descoñecida, deixar que a súa cabeza descansara sobre ti, durmires ti cunha man entre as súas pernas, sen máis. Confiar, buscar calor, confortarse. Que esquencido temos o tacto e, por iso, como nos violenta.

VISTA

Lembro entrar en Belgrado días antes dos inicios da guerra de Kosovo. Aquel tren nocturno desprazábase a unha velocidade mínima. Como nun filme da II Guerra Mundial, viamos homes con casacas negras fumando, ao redor das vías, mentres nos observaban no interior do tren. Viña de se producir un atentado terrible en Belgrado por parte dos kosovares. O tren detívose na estación. Os boinas vermellas paseaban idolatrados polas adolescentes. Cando o tren saíu de novo, os soldados irrompían na nosa cabina co fusil na man e berraban polos pasaportes. Así toda a noite sen pegar ollo. Saín desesperado ao corredor a fumar. Aprendín que aos policías serbios non lles podes convidar a tabaco porque consideran que os estás chamando pobres. Hai que deixar o tabaco sobre un pouso e mascullar algo inconexo: eles acabarán collendo un pitillo. Falamos de fútbol (de fútbol!). Un deles sacou do seu abrigo de coiro un xornal coa cara dos seus oito compañeiros mortos polo atentado kosovar. Botouse a chorar e compartimos varios cigarros máis, entendéndonos coa lingua universal e confidencial do fume.

OÍDO

Aquela noite infernal de botas de coiro, berros en serbio e rondas nerviosas militarizadas rematou dunha maneira poética. Avanzabamos polo leste, camiño de Blagoevgrad, no oeste de Bulgaria. Cruzabamos os Balcáns entre montañas sepultadas en neve. O tren parou por enésima vez, pero desta volta espertei. Exhausto, cos ollos medio pechados, levantinme para ir ao furado que tiñamos por baño. E alí vin a soldados vestidos de maneira distinta. Estabamos na fronteira. E había un soldadiño novo, máis novo ca min, xogando cun canciño. Acababamos de saír dun país en guerra. E entrabamos nun mundo máis amable.

GUSTO

Os escritores temos varios tipos de historias, que nunca sabes cando vas cristalizar en páxinas. Das miñas viaxes en tren por Europa gardo kilowatios de recordos que non lembro ter utilizado, directamente, en ningún dos meus libros ou artigos ata hoxe. Pero estou convencido de que non hai texto meu con algo de ambición polo que non transite algo do que cristalizou ou forxou en min nalgunha desas viaxes, desde o primeiro sabor do kebab, chamado gyros en Grecia, ata os viños tokaji húngaros. Nos últimos tempos, teño coñecido escritores que aspiran a vivir para directamente relatar o vivido: vampiros preguiceiros sen imaxinación. Pero a imaxinación apenas é sempre un destilado de memoria. Como nas adegas, hai botellas queridas que nunca queres abrir; a túa adega non sería a mesma sen esas botellas.

SENTIDO DE LUGAR

Se cadra sexa porque estes meses, como saberán en breve, teño que pensar moito en como o mundo, en sentido amplo, se interrelaciona co noso sentido de identidade persoal e coa consciencia, tamén, de ser galegos. En que medida somos parte de algo, ou somos parte de todo. O Parlamento europeo premiou o programa Erasmus, pero non sei se o máis modesto Interrail ten sido galardoado. Meréceo. O Interrail converteunos a cada un de nós nunha máquina de gardarnos historias para nós e para sempre. Moitas tan ridículas que non as contaremos nunca, pero sen as cales non seriamos o que somos. Iso si, non me fagan hoxe durmir nun comboio nocturno. Prefiro deixar a experiencia gardada co resto das lembranzas.

Comboio nocturno
Comentarios