viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

Cultura aleatoria

O novo pase cultural de Macron procura ampliar os gustos dos adolescentes a través dunha app con modo aleatorio que se enfronte aos poderosos algoritmos do gusto dos mercados americanos da cultura. Sen dúbida, quen deseñou iso, non mercou cultura na vida

PERCORRO moitos museos nos últimos meses, e estou convencido dunha obviedade: hai que darlles unha volta de arriba abaixo. Teño a impresión de que están feitos para cabaleiros como Cuevillas e Bouza Brey, pero hoxe en día iso xa non existe —e se cadra nunca o fixo—. E non pensen que me refiro a algo revolucionario, a agachar as pezas nos almacéns e substituílas por experiencias virtuais ou algo así. Non. Refírome, por exemplo, ás cartelas. Hai museos nos que parece que poñerlles cartelas informativas ás pezas é darlle información ao inimigo. A maxia dos museos está nas pezas, na capacidade destas de crear a ilusión da proximidade ao pasado: se o visitante ten curiosidade hai que satisfacerlla. O desafío está en como trasladar esa ilusión —no sentido houdiniano— ao público actual.

GUSTO. Lembra Suso de Toro no seu último ensaio, Dentro da literatura (Xerais, 2019) a disonancia posible entre o autor e a súa obra. A imaxe que o lector se fai do autor pode chocar de xeito notable coa realidade, para ben ou para mal. Algo semellante pasoume esta semana con Carlos Zanón, o novelista que se atreveu a escribir un novo Carvalho, un autor torrencial, duro e brillante que se revela en primeira persoa, nos gintonics que sobreviven na Compostela noturna, coma un cortés foráneo. Hai no libro de De Toro moito dese humildar desde o que escribe agora, na súa idade madura; se cadra é un dos autores que lle ten menos medo a ir cambiando. É un libro fermoso e sinxelo, que se vai degustando por breves anacos coma os doces con améndoas; podería ter feito unhas memorias literarias e andar axustando contas, pero optou por un relato máis limpo. Por certo, magnífico traballo de deseño que realizou Numax para a edición; parece un preciosista breviario medieval.

TACTO. Faláballes de Carlos Zanón e o desafío de afrontar a reescrita dunha personaxe tan inxente como Carvalho de Montalbán. O seu Problemas de identidad (Planeta, 2019) ten un punto brillante que revela o oficio do escritor. Aínda que el argumentou que o seu Carvalho era un dos posibles, tan só unha adaptación que había que tolerar do mesmo xeito que se atura unha versión cinematográfica, o risco de confusión é inevitable. Porén, Zanón botou man dun recurso tan sinxelo como brillante: o seu Carvalho está escrito en primeira persoa, fronte a terceira de Montalbán. Algo tan básico abonda para obrigarnos a construír na nosa imaxinación unha nova personaxe. Eu —non me pregunten por que— fabriquei no seu momento o meu Carvalho montalbaniano a partir dun bigotudo gardacostas de Fraga —non o da Triple A—, que andaba sempre de cuncas solitarias pola rúa de San Pedro fumando xarutiños e dándolle ao ribeiro malo. O novo Carvalho, se cadra algo máis empático porque a voz interior sempre o é, non me ten rostro. Sinal de que vexo a ficción desde dentro del.

OÍDO. En quilómetros tristes de estrada descubro unha fermosa canción de Marianne Faithfull, do seu último álbum, Negative Capability. É unha pequena e sinxela xoia: The Gipsy Fary Queen, cantada cos coros de Nick Cave. Marianne asume a voz de Puck, o trasno do outeiro de Pook que nace —ou resucita— en O soño dunha noite de verán, de William Shakespeare. "E eu sigo, sigo, sigo á raíña xitana das fadas. Existimos, existimos, existimos no luar. Só a escoito cantar, pero xa nunca a sinto falar, aínda que unha vez si o fixo". A perda como pracer.

OLFACTO. Despois do éxito de El orden del día, Tusquets animouse a traducir unha novela anterior de Éric Vuillard, 14 de julio, un relato da Revolución Francesa contada desde o humilde pobo parisino. El orden del día converteuse no típico libro-trampa para cazar culturetas mentireiros: todos aqueles que pensan que o libro vai da participación da gran industria alemá no auxe do nazismo. O 14 de julio de Vuillard ten algo do Galeano que reescribiu a historia de América Latina a través de parábolas históricas dos humildes. Unha escrita a partir de escenas vigorosas en apariencia menores; o estilo de Vuillard é a vivisección dos feitos en quente, aínda que nos separen máis de douscentos anos. É complexo escribir desde os humildes: hai máis tentación de épica e de soflama que se o fixeramos de aristócratas e prebostes. Vuillard ten tino con iso: o resultado, a suma das partes, pode ser épico, pero iso non fai épicas cada unha das partes. Unha gran lección para a literatura do país, se houbese quen a lera.

CONSUMO. Macron lanzou un dos proxectos estrela da súa campaña, o cheque cultural de 500 euros para a rapazada que cumpre 18 anos. O proxecto é amplo, pero quédome cun detalle: a app que o xestiona propón produtos "diametralmente distintos" aos adquiridos previamente co obxectivo de "ampliar as preferencias" dos usuarios fronte á publicidade convencional en Internet. No Ministerio de Cultura vexo como fan iso: cun modo aleatorio e outro busca por filtros temáticos. Ou sexa, como na web dos 90. Son crítico con isto: os algoritmos son un gran achado para achegarse ao usuario, e a diversidade pode ser programada tamén para ser máis eficiente. Confiar nun modo ‘aleatorio’ é non entender nada de internet. Sexamos sinceros: nin vostedes nin eu mercamos nunca algo que internet nos ofreceu de xeito aleatorio.

Cultura aleatoria
Comentarios