lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Dúas odiseas

En tempos de frío, un misto prendido é quen de confortarnos. Así acontece con libros e obras de teatro nas que a viaxe chega para sacarnos dun tempo no que non cultivamos nin memorias.
barco

GUSTO 

A vida cambia ultimamente cada martes, así que quen sabe como estará o mundo cando lean esta columna. A fin de semana na que escribo isto —días 16 e 17 de xaneiro— sentimos sobre a cabeza a ameaza dun novo confinamento, así que todo se vive cunha intensidade pouco frecuente, como se fose a última vez. O último xantar ao sol no Abastos 2.0 —ameixas, berberechos, coruxo, un Altares de Postmarcos 2013 da Pobra do Caramiñal, queixo de Friol—, e as últimas saídas que tentamos disfrazar de viaxes: vinte quilómetros de camiñada polo abandonado canón do río Tambre, os descoñecidos castros composteláns, odiseas no confinamento municipal. Como se acumularamos memorias antes de volver ás catro paredes. Estraño como nos afecta todo este periodo. Perdida a experiencia física, comezo a soñar para o meu horror con redes sociais. Soño likes, fago comentarios, navego entre stories de Instagram. Así de reducida está a nosa experiencia social.


VISTA

Voulles falar dun libro fantástico cun enfoque tan notable como arriscado: Beber o no beber. Una odisea etílica (Gatopardo, 2020). Durante dous anos, o escritor Lawrence Osborne estivo percorrendo países islámicos (Dubai), en proceso de islamización (Exipto, Turquía) ou con tensións entre cristianismo e islamismo (Líbano) para relatar a experiencia —ou a peripecia— de emborracharse neles. Un escritor normal tería claudicado simplemente coa propia proposta. De feito, non agardemos no libro unhas notables aventuras. Só temos a un alcólico —Osborne non nega a súa condición— á procura de garitos nos que apagar a sede. O resultado é un libro de viaxes único. Relata os últimos relampos desa laicización do mundo árabe que seguiu á descolonización. Estas luzadas finais son bares decrépitos, camuflados nos sotarregos dos hoteis, aos que só poden chegar iniciados e occidentais que beben solitarios. Osborne visita tamén esas cidades de fronteira nas que se desfogan os piadosos musulmáns, ou describe a aventura de conseguir unha botella de champagne nos países do Golfo Pérsico en fin de ano. O resultado é outra proba máis da paradoxa do noso tempo: conforme se incrementa a globalización comercial, tamén o fai o distanciamento entre culturas. O libro é magnífico, por certo.


TACTO

Que estraños son estes tempos. Acudo ao Salón Teatro a ver a nova estrea do Centro Dramático Galego, O charco de Ulises. E ao principio observo a función coma un neno que vai ao cine. E o primeiro que penso é: como un destes colla o coronavirus alá vai toda a tempada polo río abaixo. Os actores interpretan sen máscara, tócanse, pásanse obxectos, móvense en pelotón. Incrible como funciona a nosa memoria: vémolos xa con nostalxia, como se pertenceran a un tempo ido. Ao rematar alguén di: fíxome ben ver a toda esa xente xunta, aínda que eu non puidera participar máis que mirando, por máis que quixera tocar e ser tocada. As barreiras entre o teatro e a vida aínda se separaban máis, pero a min tamén me prestou ver que o teatro aínda segue en pé. Case a parvada esa que da cultura como sanación. A min este teatro non me sandou, pero confortoume. Fíxome ben nun sentido que ía máis alá do intelectual. Como estamos!.

Mentres sucedían as escenas, o acordeón en vivo de Xosé Lois Romero exercía como un poderoso fío que as vinculaba entre si


OLFACTO

O charco de Ulises parte doutro achado tan notable como o de Osborne cando busca bares en Pakistán: cruza a Odisea homérica co relato da emigración galega. Seguro que algúen xa se decatou antes de que se podían establecer paralelos entre os nosos emigrantes e Ulises —calquera cousa, especialmente se é exitosa, foi atopada antes por alguén—. Mais Santiago Cortegoso foi máis alá do feliz encontro, para baixar o relato homérico a un mundo moito máis realista: a desas Penélopes que non esperarán con paciencia, senón con ira, e uns fillos que non agardan estáticos a redención dunha familia, senón que están condeados a seguir o mesmo ciclo de emigración que os seus pais.


OÍDO

Pero aparte do singular da obra, fun feliz coa montaxe conducida por Marián Mañobre e o propio Cortegoso e a versátil escenografía de Pablo Giráldez. O máis marabilloso, para min, foi a recreación dos tugurios e parques de Bos Aires, con eses ecos sorrentinianos e coa cidade convertida nas illas nas que viven Calipso e Circe. Mentres sucedían as escenas, o acordeón en vivo de Xosé Lois Romero exercía como un poderoso fío que as vinculaba entre si. Só algo conseguía distraerme da obra: a dorosa certeza da perda das sete vogais galegas na maior parte dos actores, sen que a ninguén pareza importarlle demasiado. Como pode ser que renunciemos á prosodia? Á capacidade das sete vocais para moldear a lingua con esa riqueza? Decateime que era a primeira vez que no teatro galego me escandalizaba por iso. Se cadra á xeración actoral anterior nin se lle pasaría pola cabeza abandonar as sete vocais.


REPRESIÓN

Case ao rematar Beber o no beber, Osborne conclúe o pouco aprendido nesa viaxe de dous anos con esta frase certeira: “O alcol somos nós, é unha materialización da nosa propia natureza. Reprimilo é reprimir algo que sabemos de nós mesmos, pero que non podemos celebrar nin aceptar. É como ter unha parella de baile que sabemos que pode roubarnos a carteira”. Proben a substituír o termo ‘alcol’ da cita por ‘emigración’, e sorprenderanse de que poderiamos chegar a unha conclusión similar en relación á nosa diáspora. A xenialidade da ‘Odisea’ de Homero non é que a súa mensaxe siga aí inalterada despois de dous mil seiscentos anos; máis ben é o contrario. O relato é capaz de seducirnos, dicíndonos en cada tempo o que queremos escoitar.

Dúas odiseas
Comentarios