martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Entretempo

"Para facer a Shakespeare global foi preciso primeiro crear un imperio, e despois descarnar o dramaturgo en valores absolutos coma o poder, o odio ou a paixón. A Valle Inclán só o descarnou Castelao no seu Alba de gloria. E do imperio, mellor non falar"

Valle Inclán. AEP
Valle Inclán. AEP

CHEGA O VERÁN SEN QUE nos decataramos de que pasou a primavera. Neste Seisentidos debullamos a incómoda posición dos artistas que nós percibimos atrapados entre dúas épocas. E eu pregúntome se esa non é unha condición de cada tempo e cada creador.


Vista
Nunha mansión abandonada da alta burguesía do país, sobrevive un xardín de melancolía valleinclanesca e decrepitude contemporánea. O mato non devora as terrazas máis nobles, grazas á sombra espesa dos centenarios magnolios e camelias que impide a efusividade vexetal. Só a hedra sobrevive coma un tapiz que funciona coma un notario das incursións de intrusos, debuxando os carreiros de homes e animais. Penso en que os xardíns tamén son arquitecturas, e hainas pensadas para sobrevivir os seus donos e outras con tanta data de caducidade coma eles. Este xardín é dos primeiros. 


Tacto
Contra un muro do xardín atopo unha alfaia: unha máquina de prensado da roupa —para sacarlle a auga— de ferro rugoso e oxidado, pero aínda enteiro. Identifícoa grazas a internet. Debeu de vir das Illas Británicas aló polo 1910-1912. A máquina presumía en fermosa tipografía das delegacións do fabricante: Manchester, London, Dublín. Este dato foi decisivo para determinar a época. Bradford & Co. deixou de mencionar a cidade de Dublín nas máquinas despois de 1916. O orgullo empresarial ten o límite no orgullo patriótico.


Olfacto
Se cadra foi esta melancolía dos xardíns umbríos de Valle Inclán os que me fixeron reparar na edición facsímile de La lámpara maravillosa (Alvarellos Editora), que acaba de saír do prelo. O libro é unha especie de declaración de intencións literarias de don Ramón María, e un obxecto dun gusto magnífico co cheiro —imaxinario— do cannabis entre as páxinas. Valle Inclán debía ser un absoluto maníaco da forma. Teño unha primeira edición de Tirano Banderas e non lle atopei nin unha soa gralla. En La lámpara maravillosa Valle Inclán mestura misticismo e normas literarias. Non sabes se está de retiro monástico ou na procura da voz literaria. A súa actitude durante os textos é do primeiro, pero as reflexións finais de cada capituliño pertencen plenamente á súa vontade literaria. "Cando creban as normas do tempo, o instante máis pequeno esgaza como un ventre empreñado de eternidade". 


Oído
Teño falado con Rosario Mascato, unha das grandes especialistas en Valle Inclán, sobre a escasa sona internacional deste autor. As causas son diversas e difusas. Pódese ser un absoluto monstro literario e non saír nunca das catro paredes dun departamento de literatura hispánica. Certo que parte da explicación é que este monstro é tanto pel como víscera: o tradutor debe estar como mínimo á altura da xenialidade. Pero Valle Inclán viste traxe de entretempo, que é ese que nunca se usa en Galicia, saudoso de tempos que nunca foron, avangardista de ismos que non militou. Non teño claro iso das potencialidades universais de toda obra literaria. Para facer a Shakespeare global foi preciso primeiro crear un imperio, e despois descarnar ao dramaturgo en valores absolutos coma o poder, o odio ou a paixón. A Valle Inclán só o descarnou —e pouco— Castelao no seu Alba de gloria. E do imperio mellor non falar. 

Os aristócratas non poden concebir non cambiar, pero non se decatan de que eles non poden estar no cambio

 


Gusto
Leo coma se fora un viño do Ródano, cheo de notas especiadas, outro fenómeno do entretempo: o excelente ensaio Los últimos libertinos, de Benedetti Craveri (Siruela). A autora describe nestes estudos de vida de aristócratas franceses que buscan prosperar no Antigo Réxime pouco anterior á Revolución Francesa. Son individuos radicalmente libres, moito máis libres que modernos; pero non poderían selo sen a súa cambiante época. Eles non poden concebir non cambiar, pero non se decatan de que eles non poden estar no cambio. Cando chegou a marea revolucionaria, custoulles encaixar, claro. O duque de Lauzun, nas súas memorias galantes, suprimiu as partes máis frívolas dos enredos amorosos; teño a certeza de que pouco antes, durante o Antigo Réxime, non o tería feito, e nós perdimos o mellor da obra. A percepción do lector tamén pode ser a do entretempo: homes atrapados entre dúas épocas. Iso é unha gran semente de esquecemento. 


Desubicación
O gran medo agachado do intelectual é o entretempo, o medo a ficar prendido no pasado cando as tornas cambian. Ese escritor que me chamou para que lle explicara en media hora as redes sociais. Contesteille que llas podía explicar en quince minutos se quería, pero o que debía facer para ter éxito nelas era entregarlles a alma, xenerarse a dependencia, esquecer o anterior; toda posición intermedia non valería. Valle Inclán nunca estivo atrapado en ningures. Pero desconcerta ao lector actual. Os entretempos son gran material didáctico para os arqueólogos, pero son un absoluto desastre para os soños de inmortalidade nas artes.

Entretempo
Comentarios