lunes. 30.03.2020 |
El tiempo
lunes. 30.03.2020
El tiempo

Esconxurar o solpor

"Stalin morreu antes de que a estatua estivera rematada, e esta tiña os días contados habendo un novo Komitern. As autoridades decidiron voala e aplicarlle unha 'damnatio memoriae'. A escultura, oficialmente, non existiu"

Escultura. EP
Escultura. EP

O VERÁN acaba por ser unha pasta coa que se cubren os ocos que a vida vai deixando, en forma de libros non lidos e lugares non vistos. Desta volta, ando polo Mediterráneo atopándome, porque viaxar por Europa é visitar a propia imaxinación.

VISTA
En Gottland (Rinoceronte, 2018), do xornalista Mariusz Szczygiel, pódese ler unha reportaxe que compensa xa o libro enteiro. De como o Partido Comunista Checoslovaco lle encargou a un escultor frustrado, Otakar Švec, unha escultura ciclópea de Stalin liderando o pobo. A elaboración foi un despropósito: ás xuntanzas co escultor os membros do Partido acudían cunha navalliña para opinar xa sobre os modelos de barro. Stalin morreu antes de que a estatua estivera rematada, e esta tiña os días contados habendo un novo Komitern. As autoridades decidiron voala —era unha estrutura descomunal en granito—e aplicarlle unha ‘damnatio memoriae’. A escultura, oficialmente, non existiu. Pero a min entráronme gañas enormes de ir a Praga aínda que só fose para ver a súa sombra. 

TACTO
Non fun a Praga, pero pasei por Roma e entrei no Coliseo xunto con dúas nacións enteiras de turistas. Pregunteime canta da xentiña que estaba alí acudía ver algo invisible, que son os espectáculos de sangue e area, os gladiadores tráxicos e as masas furibundas e gozosas. En realidade, nas vacacións por Europa o que se visita é a propia imaxinación. Acompañamos o percorrido de Coliseo e Foro coa escacharrante guía La antigua Roma por cinco denarios al día (Akal, 2012) de Philip Matyszak, destinada a un posible turista do século II e, polo tanto, ideal para moverse nunha Roma ausente. Na guía fálase de que numerosas prostitutas se ofrecían nos baixos dos anfiteatros tralos espectáculos salvaxes da tarde. A brutalidade, o sangue e a morte alentaban as ansias masculinas de sexo porque o sexo é o único xeito de esconxurar a morte. 

GUSTO
No Tirreno, desde Sardeña, non se pon o sol. Para un galego da costa, o serán convértese nun longo luscofusco das antípodas. Durmimos perdidos do mundo, nos montes que caen na Marina de Gairo, cun mar odiseico batendo nos pés e outeiros pétreos lambidos de sol laranxa; pola noite, ceamos con amigos sardos. Acompañamos deliciosos escabeches de hortalizas con pan ‘carasau’, esas obleas rústicas que se empapan en auga e se deixan repousar entre panos de cociña, e bebemos viño ‘cannonau’. Fálanme do seu pasado como pobo de pastores. Só baixaron ao litoral despois de que Mussolinni desecara os pantanos e os americanos bañaran literalmente en DDT aquelas marismas cheas de mosquitos. A avioneta do DDT, ese podería ser —outro— símbolo do século XX. 

OÍDO
Estes sardos son grandes coñecedores dos seus ‘nuraghi’, unhas aldeas da Idade do Bronce, presididas por torres feitas con cachote en seco. Consérvanse sete mil. Ás veces hai sofisticados pozos sagrados nas proximidades, moitos deles reconsagrados a santas e manteñen romarías. Os sardos míranse nos ‘nuraghi’ e non en todas as civilizacións que viñeron despois, romanos incluídos. Falan dos romanos como falariamos os galegos, con distancia preventiva. E pásalles como a nós: receamos de case toda a historia posterior, aínda que eses antigos parentes nuráxicos sexan mudos, coma os habitantes dos nosos castros; baleiros de cultura escrita, crónicas, mitos e heroes. Doulle mil e unha voltas ao asunto e déixoos falar. 

OLFACTO
Son un atlántico con morriñas mediterráneas: nas augas frescas de Córcega e Sardeña, nos arrecendos do baixomonte a romeu, a lavanda, tomiño. Espértome pola mañá, e o primeiro que fago é botarme ao mar mentres o sol creba no horizonte. Logo, co corpo fresco, decídome a ler, por vez primeira, Bartleby, o escribinte, de Herman Melville, porque o verán tamén é para encher ausencias. Antes de que cheguen os primeiros bañistas, pecho o relato sen saber que pensar. Non vexo nel nada do que se ten contado. Se cadra o verán non sexa época para depresións neoiorquinas. Se cadra os americanos precisaran a Bartleby máis que nós. 

ENCABRONAMENTO
Retornamos en coche. 2.500 quilómetros por Europa. Ao entrar en Galicia vaime posuíndo un estraño encabronamento, un desasosego, unha incomodidade vital. O corpo non quere país aínda. Sepúltome no meu bosque de Barcia, entre a aguia, a corva e o raposo. Fica un longo ano por diante, pero aínda quedan lecturas e montañas antes de abrirlle a porta.

Esconxurar o solpor
Comentarios