Sábado. 23.06.2018 |
El tiempo
Sábado. 23.06.2018
El tiempo

Esperanza do retorno

"Os redactores do 'Cuestionario del folklore gallego', en 1881, pedían aos colaboradores vilegos que preguntasen cando comezaron a desaparecer as fadas. E sobre elas tiñan que completar o seguinte epígrafe, inquietante e enigmático: 'Esperanza do seu retorno'"

HAI AUTORES que nos demostran que mesmo en campos tan trillados como a tradición oral galega, en realidade aínda debera estar todo por escribir. Autores que saben que os silencios só son ocos que hai que encher co río das palabras verdadeiras.

VISTA
Xosé Ramón Barreiro dixo de Manuel Murguía que representa "o caso máis asombroso de fidelidade a un país". O mesmo poderiamos comentar de Carlos Solla, pero en relación ao concello de Cerdedo, en Pontevedra —agora Cerdedo/Cotobade—. Na Wikipedia contei 17 ensaios —hai tamén poesía— publicados sobre o concello dos seus devanceiros desde o 2002. Na súa última obra, O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (Morgante, 2017), asinada de xeito colectivo coma Capitán Gosende, dáse conta de ducias e ducias de petróglifos inéditos, algún deles máis que notable. E así todo. Solla ten un estilo literario de seu; ao microuniverso cultural explorado en múltiples direccións súmalle tamén unha escolla única de palabras. O seu léxico é parte do artefacto, coma un vello sortilexio.


OÍDO
Confeso algo que aínda non lle dixen a Solla. Ao principio pensaba que sobre todo era un gran maxinador desde a tradición. Falaba do adiviño Tecelán de Carballás, que profetizaba e pousaba a chaqueta nas raiolas de sol. Cando morreu pediu ser soterrado na mámoa grande de Chan de Lamas. Tamén do cíclope anano Boucigha que facía de oráculo para os veciños e en compensación aceptaba paquetes de tabaco. Creación lexítima e persoal? Caín da burra cando vin un documental no que falaban as súas fontes septuaxenarias. E si, todo proviña do vello mundo: contos incribles e descoñecidos. Poden consultalos en Almanaque de encantos (Morgante, 2010).

TACTO
Eu tamén teño atopado retallos desa inmensa tradición oral, ausente das grandes recompilacións de folclore galego. Por que? Non existían eses relatos daquela? Non se facían as preguntas axeitadas? Ou non se buscaban? No XIX, o río do tempo levou moitas historias mentres nos deixaba outras. Os redactores do Cuestionario del folklore gallego, en 1881, pedían aos colaboradores vilegos que preguntasen cando comezaron a desaparecer as fadas. E sobre elas tiñan que completar o seguinte epígrafe, inquietante e enigmático: ‘Esperanza do seu retorno’. Eu teño unha teoría indemostrable para estas estrañas historias: só aparecen cando as escoita a persoa axeitada para recibilas. Solla ten o tacto abondo para chegar ata elas a través de océanos de silencios.

GUSTO
Leo estes días a prodixiosa Morir en primavera, de Ralf Rothmann (Acantilado, 2017), esta narración terrible de morte, amizade e terror nas últimas semanas da Guerra Mundial. Léoa como escritor, máis que como lector, que é o que me pasa cando dou cunha obra mestra, e vexo o gusto de Rothmann por compoñer, en 240 páxinas, un relato que consegue trazar grandes liñas a partir de pequenos detalles, e no que hai unha pulsión que vai máis alá do literario. Iso é o que non sabemos ver, moitas veces, da nosa tradición oral. As grandes liñas sobre os pequenos detalles.

OLFACTO
Chéirame que o libro de Rothmann será unha volta de xiro para as historias da Segunda Guerra Mundial. Introducen o outro silencioso, reducido no medio dos grandes relatos bélicos promovidos polos vencedores, asoballado baixo a imaxe e as decisións políticas do Reich. Ese pobo alemán xorde coas súas contradicións na serie Babylon Berlin, sobrevivindo na República de Weimar, por fin con voz propia, alén do peso terrible do drama do século. Hai mundo por baixo do gran relato nazi. Mírena se poden.

ESPERANZA
Yannick Rumpala, profesor de Políticas en Niza, publicará este 2018 o ensaio Hors des décombres du monde, que podemos traducir como Fóra dos entullos do mundo, unha análise das distopías no cine último. Rumpala detense na sorprendente resistencia do graffiti como recurso narrativo nas ficcións futuristas, como fragmentos dun relato que consegue sobrevivir ao seu tempo, tal que as lendas atípicas. Para Rumpala, o graffiti ten sempre o mesmo papel: materializar a disidencia contra o poder do presente. A disidencia sempre nace da esperanza dunha volta.

Esperanza do retorno
Comentarios