martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Ilíada

Viaxo a Londres para atoparme cos vellos heroes da Ilíada na exposición Troia: mito e realidade do British Museum. Tras máis de trescentas pezas, chego a unha conclusión: Seguimos sen saber onde está Troia, pero estou certo de que nunca deixou de existir.
Aquiles
Aquiles

OLFACTO

VIAXE LÓSTREGO a Londres para visitar a exposición Troia: mito e realidade no British Museum, que se clausura o domingo vindeiro. En canto poño un pé en Paddigton Station, a primeiriña hora da mañá, xa percibo o cheiro do caril e do touciño. Cada cidade conta cun aroma recoñecible máis alá dos tópicos. Roma chéirame un tanto a pó e a alfábega, Madrid a diesel e a pementón, Barcelona a atasco de sumidoiro, Nova York a touciño sen caril. Pregúntome a que ulirán as cidades galegas, imposibles de identificar porque as miñas pituitarias son un sistema cómodo e amante da rutina. Deben ulir a algo desagradable ou pouco confesable porque nunca lin nada ao respecto.


VISTA
Non tiña tempo a repasar a Ilíada completa antes da exposición, e a Wikipedia quédabaseme curta. Así que aproveitei para abordar Homero, Ilíada de Alessandro Baricco (Anagrama, 2005). Despacheima nos voos a Londres arrebatado coma quen descubre por primeira vez este relato de fatalidade. Baricco escribiu o texto como unha adaptación para facer a súa lectura pública. "Comprendín que, en realidade, tal e como estaba, o texto era ilexible: precisaríanse unhas corenta horas e un público en verdade moi paciente", explica o escritor no prefacio. Así que adaptou o texto aplicando varias técnicas, algunhas brillantes e outras discutibles. Limou os arcaísmos e cortou as reiteracións. Engadiu algunhas liñas, diferenciadas en cursiva, a modo de excursos que contan o que pensamos que está na Ilíada, pero non está. Pasou o texto a sucesivas primeiras persoas para facilitar o "ensimismamento" —un erro­— e, aquí vén a xenialidade: eliminou os deuses, aqueles interminables peroratas das divinidades, que se introducían no medio dos combates para a nosa desesperación contemporánea, deixando aos heroes aqueos e troianos sós no mundo. O resultado é un relato vibrante, dun ritmo prodixioso. "Acoller un texto que vén de tan lonxe significa cantalo cunha música que sexa nosa".


TACTO
Comprobei que a versión de Baricco fora un excelente ximnasio preparatorio para a exposición de Troia, que se considera unha das mostras históricas do ano en Europa. As comisarias, Victoria Donnellan e Alexandra Villing, decidiron comezar preguntándose por Homero —ou polos Homeros—, narrar o mito a partir de vasos e baixorrelevos gregos —procedentes case todos dos propios fondos do British—, preguntarse que hai de realidade tras esta épica e, dando a volta ao circuito en U, seguir o rastro da Ilíada na arte occidental ata a actualidade, onde se remata cun par de recreacións artísticas do escudo de Aquiles, unha do século XIX e outra do XX. Nun afán por demostrar a vixencia da historia da Ilíada, nesa segunda parte artística as cartelas conectan as escenas de Troia cos traumas dos soldados das guerras contemporáneas, dos refuxiados e das mulleres vítimas da violencia bélica.

OÍDO
Baricco dirixiu as lecturas do texto, interpretadas por actores, en varias ocasións e en diferentes formatos. Poden ver amplos fragmentos diseminados por Youtube. As dúas primeiras veces foi en Roma e Turín, e xuntou —pagando, precisa o autor— máis de dez mil persoas. O escritor conta que na representación de Roma, retransmitida pola radio pública, deuse o caso de automobilistas que quedaron nos aparcadoiros seguindo a historia durante horas, como se estiveran escoitando A guerra dos mundos de Orson Welles.

Sempre hai alguén obsesionado porque as vellas historias poden 'non interesar' no presente. Pero é que as vellas historias, desde o momento no que son contadas, son presente


GUSTO
O resultado era interesante e previsible: a maior parte do público concéntrase na primeira parte histórica e arqueolóxica e pasa —raudo como Aquiles perseguindo a Héctor— pola segunda, onde che querían convencer da actualidade do texto homérico con alusións de psicoloxía do trauma e autoaxuda barata. Teño a sensación de que as contemporizacións, cando son forzadas, están feitas máis para as xuntas internas das institucións que para o público. Sempre hai alguén obsesionado porque as vellas historias poden non interesar' no presente. Pero é que as vellas historias, desde o momento no que son contadas, son presente. Baricco non precisaba cambiar, poñamos, o nome de Troia polo de Kabul ou de Bagdad. Troia está xa en todas as nosas cabezas e para nós pode ser a oficina, Padrón ou a nosa familia. Eu, cando menos, creo nun lector ao que non lle dou todo mastigado. Iso si, superafavor de que as historias transiten do pasado ao presente. Pero sen unidade didáctica intermedia. 


RELER
Estas exposicións, con todo, demostran o poderoso que pode ser un relato. Como lles dicía, o British Museum empregou boa parte dos seus propios fondos. As pasaxes da Ilíada contábanse a partir das fermosas cerámicas gregas con representacións dos protagonistas da historia. Pero estas xerras están dispostas de cotío nas salas gregas, onde fican difuminadas entre outras ducias de cerámicas que, vistas ao lonxe, se repiten coma obxectos dun bazar chinés. Só os obsesos da decoración grega son quen de atender a máis de dous ou tres xarróns: o resto da humanidade pasamos con rapidez —e un pouco de vergoña— cara a seguinte sala. Pero na exposición de Troia esas pezas ignoradas cobraban un poderoso sentido de seu e reunían ducias de visitantes. Isto debéranos facer pensar nos vicios da fartura que teñen estes museos nacidos no imperialismo decimonónico. Se cadra sexan tan reiterativos e excesivos como a vella Ilíada. Se cadra haxa que aplicarlles as técnicas de Baricco para poder cantalos coa voz do noso tempo.

Ilíada
Comentarios