Blog |

O engano

A supervivencia de venerables revistas coma o Anuario Brigantino axudan a revelar as lagoas e problemas do sistema actual de publicación académica e científica para as pequenas culturas.
.
photo_camera .

Cando van chegando estas datas celebro sempre ese aguinaldo anticipado que é o novo número do Anuario Brigantino. Xa non sobreviven moitas destas publicacións locais que son como un sobre sorpresa, ou unha caixa de golosinas gardada no taquillón dos avós. Neles podes atopar de todo: desde pequenas obras mestras de erudición, o valioso traballo de afeccionados locais que recuperan tradicións, obras de arte e xacementos da súa comarca que doutro xeito desaparecerían, e gloriosos textos nos que profesores xubilados explican o coñecemento con teorías xa pouco concorridas nas modas das academias. Desta volta, no novo número do Anuario Brigantino, dirixido por Alfredo Erias, dase conta das pegadas míticas de Roldán, de paisaxes sacras, das orixes da palabra gaita, do culto a San Campio en Outes, da influencia dos ballets rusos en Camilo Díaz Baliño, das orixes de Betanzos no castro de Untia, das relacións entre a moda parisina e o traxe tradicional galego no tempo dos irmáns García Naveira ou de novos petróglifos nunha área tan pouco presentes ata o momento como Pontedeume. Unha xoia. E todo de balde e descargable desde o primeiro momento.

VISTA
O Anuario Brigantino, ou Rudesindus, da diócese de Mondoñedo Ferrol, ou A Estrada. Miscelánea Histórico Cultural, ou Glaucopis: Boletín do Instituto de Estudos Vigueses, demóstrannos que outra cultura da publicación do coñecemento segue a ser posible, aínda que agora estea cada vez máis confinada aos afeccionados, profesionais xubilados das humanidades, profesores de instituto, investigadores que sacan un mínimo tempo libre para contribuír á difusión local e novísimos investigadores que publican neles os seus primeiros traballos antes de entrar no ring do mundo real. Os científicos en activo vense cada vez menos capaces para participar neste tipo de publicacións, debido ás dinámicas entolecidas da publicación académica que lles vou contar agora. Ao separalos destas valiosas canles de contacto co público local, pervertimos o sentido da academia, que non é o outro que construír ciencia para a sociedade.

TACTO
Neste tempo de profesionalización da investigación, os científicos deben publicar en revistas que participen dos sistemas de índices de calidade internacionais. Isto inclúe, por exemplo, que non saiba o nome de quen avalía o seu traballo e recomenda a súa publicación. Os investigadores máis novos —e os que xa non o son tanto— son puntuados nos tribunais das bolsas e contratos de investigación de acordo co ránking das revistas nas que publican. Canto mellor valorada nos índices internacionais estea a revista, máis puntos e, polo tanto, máis posibilidades de obter un contrato laboral, ou unha bolsa de investigación. E se xa tes un contrato fixo na universidade, para gañar sexenios de investigación, que poden ser uns 100 ou 150 euros máis ao mes na nómina. Non é unha risa. Digámolo claramente: os nosos investigadores xóganse coa publicación dos seus resultados poder pagar o piso ou comer ata fin de mes. Pero moitas destas revistas obrigan ao investigador a aceptar determinadas condicións. A máis grave é a exclusividade do contido. Son un negocio propiedade de editoras privadas anglosaxoas e o seu contido está pechado baixo unhas —moi— caras subscricións. Así que se dá o paradoxo que a investigación está financiada por entidades públicas —o Ministerio, a Xunta, por exemplo—, pero os resultados desa investigación son case propiedade dunha editora foránea que se lucra con eles, impide o acceso aberto ao público e non lle paga un peso aos investigadores polo artigo. As universidades galegas, cos seus sistemas de puntuación de méritos, están a favorecer este modelo.

Teño oído de todo: desde libros autopublicados ata todo tipo de quid pro quo en publicacións, congresos ou proxectos

OÍDO
Non imos negar que se chegou a este sistema pola moita pillería que se deu nas universidades á hora de engordar currículum. Teño oído de todo: desde libros autopublicados ata todo tipo de quid pro quo en publicacións, congresos ou proxectos. Esa avaliación externa obriga a mellorar os métodos de investigación e a saír ao exterior, a competir nun marco global da túa área de coñecemento. Para as universidades galegas isto é moi importante e necesario, porque o país ten unha certa tendencia ao ensimismamento que vén ben sacudir.

OLFACTO
Pero tamén ten numerosos puntos negativos. Publicar nas vellas revistas nas que se formou a cultura do século XX no país xa non é rendible. Nesas revistas abordábase a cultura dun xeito integral, reunindo disciplinas e creando grandes narrativas que conectaban arte, arqueoloxía, lingüística, comunicación e antropoloxía. Pensemos na revista Nós, que temos de aniversario. Publicar innovación científica en lingua galega é, polo tanto, impracticable, só un exercicio de estilo que só con tenacidade podemos evitar que cheire a alcanfor. De maneira indirecta, o galego -e moitas linguas europeas- fican fóra do presente.

ENFOQUE
E aínda hai outro fenómeno aínda máis inquedante. O investigador de humanidades ten que construír os artigos sabendo que van ser avaliados por revisores internacionais. É inevitable que o investigador aprenda a adaptar enfoques e temas para que encaixen coas modas, visións e narrativas actuais da súa disciplina a nivel internacional. Eu teño visto abraiantes comentarios de avaliadores externos, incapaces de comprender a relevancia de determinados temas ou olladas que, sen embargo, son fundamentais para a comunidade local do investigador. Outras veces, os temas son tan novos que non hai referencias académicas citables, e iso leva tamén a desbotar eses artigos. Este camiño inevitable cercena a diversidade, a heteroxeneidade e ás veces a frescura da investigación local. Non podemos comparar en todo as ciencias físicas coas humanidades e as ciencias sociais: estas últimas son parte dunha profunda malla cultural. Estas prácticas hexemónicas destrúen parte deste tecido que unía a investigación coa sociedade e as súas expectativas de cultura. E relega as nosas linguas a meras comparsas decorativas do contemporáneo.

Comentarios