martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

Profecías sobardadas

A alegría polo fracaso do anunciado triunfo do libro electrónico camufla a ignorancia de ignorar que o sorpasso é moito maior do agardado, pero non na dirección prevista. A lectura dixital xa non lles pertence aos libros

La venus de las pieles.
La venus de las pieles.

DISFRUTEI CON enorme pracer do filme La vénus a la fourrure (La venus de las pieles), de Román Polanski, estreada en 2013. Eis un exemplo do peso do guión e da dirección, tantas veces pouco recoñecidos, na armazón dun filme, sostido apenas cun escenario e dous actores. Pero o que máis me gustou foi algo pouco habitual: un tratamento perturbador do erotismo, do desexo e da atracción. Os dous actores, que no transcurso dunha proba, saen e entran das súas personaxes, constrúen un seductor tecido de límites sensuais: cando o sexo parece a punto de estoupar, os dous foxen cara á realidade. A madurez fermosa dos dous actores asígnalle ao filme unha urxencia de consumación, coma se Polanski pensase que dez anos despois esa película non tivera sido posible.


OÍDO
Moi recomendable tamén en Compostela a exposición Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte, que organiza o Ateneo de Santiago. Teño que recoñecer que percorrín a exposición coma un parasito. Dúas señoras moi maiores, compostelás, paraban diante de cada cadro ou fotografía e comentaban cousas inauditas, díxome díxomes ou filiacións de Camilo e Isaac. Así que me convertín en discreto espía e coñecín máis, pero non tanto sobre eles senón do doce exercicio da discreta e privada difamación, esa arte que se nos dá tan ben neste país.


OLFACTO
Pérdome en Cefalonia, a illa inicial de Odyssey, a nova entrega da saga de videoxogos Assassins Creed. Percorro esa Grecia antiga, modelizada con intelixencia e enxeñosa economía de deseño, moi fermosa por momentos. Co nivel de detalle actual deste tipo de produtos en 3D, coa fermosura das arquitecturas urbanas, e da natureza funcionando como un reloxo, a nova proposta de desprazamento funciona. Xa non hai misións encadeadas, nin un tronco narrativo central. Todo sucede na orde que se dictamina. E aínda así, necesitan como auga de maio, un bo guionista. Que sería destes videoxogos con bos contadores de historias!


VER
Levamos varias semanas cos suplementos culturais cheos de reflexións triunfantes de señores maduros. Celebran o aparente fracaso daquela profecía de hai dez anos na Feira do libro de Frankfort sobre a superación, por parte do libro electrónico, do libro en papel. Esa estraña euforia de Muñoz Molina e outros faime levar as mans á cabeza. Non é que o consumidor siga a escoller o libro en papel, é que as novas xeracións sobardan o libro en papel e o libro electrónico con outros dispositivos e hábitos de lectura. A franxa máis baixa de idade de lectores de libros en tempo libre é a dos 25 aos 34 anos, segundo o Barómetro do Libro e a Lectura en 2017. Len, pero non libros. Pensar que todo isto ten que ver cun dispositivo específico coma o Kindle, e non cunha dinámica social e cultural, é non —querer— decatarse de nada.


TACTO
Do que non hai dúbida é que o libro electrónico refixo os hábitos de lectura persoais. Eu levo anos lendo feliz no meu iPad, disfrutando das indubidables avantaxes, como a capacidade de facer anotacións áxiles, ou a expansión da lectura con Google Earth ou a Wikipedia a golpe de botón. Pero o iPad non evitou que teña unha perigosa columna de libros sobre a mesa do dormitorio e no despacho. O meu principal criterio para ler en dixital ou analóxico é o acceso. Igual que nas plataformas audiovisuais como Netflix, a clave está aí. Sospeito que é por esa lóxica do acceso que a propia relación co libro irá cambiando, aínda que veremos en que resulta.


RESILIENCIA
Aínda así, a capacidade de resistencia do libro en papel demóstranos que a súa pervivencia non ten que ver coa tecnoloxía, senón cos hábitos culturais, cos imaxinarios e cos valores: ideas que son calquera cousa menos eternas. Esta non é unha batalla de opostos: en realidade, o libro en papel leva cambiando desde que está ameazado. E esa é a súa supervivencia. E o noso beneficio.

Profecías sobardadas
Comentarios