jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Xeitos de ollar

Creo que a primeira vez que souben sobre Mongolia foi por Mircea Eliade. Souben dun tambor, dun espírito de aguia, dos mortos que se perden na estepa e das árbores centrais. Gocei da mirada tópica, como un turista. Como se coñecera Galicia tan só a través de Lisón Tolosona e Valle Inclán

DE TODA A VIDA teño un debezo por Mongolia, asunto estraño porque polo habitual son máis de orografías accidentadas. Engancheime a Yeruldegger, muertos en la estepa (Salamandra Black, 2016) de Ian Manook —pseudónimo de Patrick Manoukian—. Aínda que á novela ten sobrepeso de páxinas, resultoume entretida. A trama do crime acontece na capital mongola, Ulán Bator, aínda que os feitos suceden na estepa, ou sexa, no rural. Decateime de onde estaba o prebe do pracer. De cando en vez aparecían chamáns nómadas que saben cousas, que anticipan o futuro; monxes combatentes que viven en remotos mosteiros, neonazis en quad. O reconforto estaba no tipismo recoñecible e rinme da miña propia caricatura: iso mesmo cabrearíame se algunha madrileña de apelido composto botase man da receita máxico-ancestral para un pseudobestseller ambientado en Galicia.

OÍDO. En Mongolia apréciase con facilidade a consecuencia dun territorio duro e áspero na creación dos imaxinarios e mentalidades humanas. Os mitos e o chamanismo mongol percíbense tan próximos á paisaxe que son como post-its que len o territorio en clave poética. Interésanme eses amagos de determinismo: como o territorio moldea o noso xeito de imaxinar. Como Mongolia debe ser unha sorte de inconsciente Rosebud kaneniano para min, nunca fixen un especial esforzo por viaxar ata alá. Algunha vez, con todo, cheguei consideralo. Souben dun famoso propietario dun pub compostelán que marchara na tempada baixa a pasar un par de meses e funlle preguntar. Repasoume coa ollada como se lle estivera pedindo droga no canto de información, e contestoume: "Para ir a Mongolia hai que saber facer dúas cousas: arranxar un coche e disparar". "Tiveches que poñer os coñecementos en práctica?", pregunteille. Non contestou. Claro que si. 

VISTA. Esta semana, un equipo dirixido polo arqueólogo Felipe Criado, con investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, o instituto de Neurociencias do CSIC de Alacante ou Luis M. Martínez, da USC entre outros, publicou un moi destacado artigo na revista Nature Scientific Reports. O artigo de Criado é visionario: supón unha das poucas incursións da arqueoloxía dentro de ámbitos científicos cos que había pouca relación, como a neurociencia. Deille corenta voltas para conseguir explicar nun titular o que atoparon, pero aquí vou destacar un asunto moi chamativo: os investigadores decatáronse de que nos obxectos que creamos está codificado o xeito no que percibimos o mundo, e esa percepción variou conforme a sociedade se fixo máis complexa. O equipo demostrouno seguindo a ollada de cen suxeitos sobre pezas de cerámica prehistórica galega. Conforme avanzaba a prehistoria, do tempo das mámoas ao dos castros, os patróns de visibilidade dos suxeitos, en relación coa propia decoración das pezas, facíase máis vertical e a sociedade máis xerárquica.

OLFACTO. Aínda que a investigación se atopa aínda nun estado hipotético, o achado ten consecuencias moi directas para estudar o pasado. Plasman os obxectos a arquitectura do noso coñecemento? Que pode dicir a trama visual do obxecto sobre a estrutura social na que eses obxectos foron producidos? Nas moitas veces que teño falado con Felipe Criado, que tamén é presidente da Asociación de Arqueólogos Europeos, sempre me sorprendeu a súa vontade de explorar vieiros novos nunha disciplina, a arqueoloxía, moitas veces receosa da innovación. Unha idea do sentido prospectivo de Criado é a seguinte: "Arqueólogos e deseñadores industriais deberiamos ter moito máis diálogo. Os arqueólogos pasamos a vida estudando formas e deseño. Estou convencido de que poderiamos achegar moito ao deseño industrial contemporáneo". Xulguen por vostedes mesmos.

TACTO. Participo no obradoiro de novela Cidade da Cultura, organizado por Rolling Words e Javier Peña. Pídolle a cada alumno que me diga o primeiro libro que lle veña á cabeza. Nun grupo de quince persoas, cada quen manifesta un gusto diferente. Os obradoiros de novela son complexos: quen vai a eles adoita ter xa unha idea na cabeza e está procurando solucións a problemas concretos que se atopa no acto da escrita, pero hai tanta diversidade de situacións, así que hai que ter moito tacto no que se di. Pero os camiños da literatura son tantos, as verdades son tan relativas, os gustos —como se pode ver— tan diversos, que non se pode construír unha sesión só a través de decálogos prácticos. As respostas deben ser abertas, como as daba o oráculo de Delfos, e confiar nas habilidades interpretativas do alumno.

PRINCIPIAR. Eu falaba no obradoiro sobre o punto de vista. Que é o punto de vista nunha novela? Absolutamente todo. As primeiras liñas dunha novela son como unha clave musical: indican se a novela vai estar escrita en Sol ou en Re. Probei explicalo a partir do arrinque de varias novelas. Só tres ou catro frases. As primeiras de Seda, de Alessandro Baricco, ou de Memorias de Hadriano, de Marguerite Yourcenar. Nelas xa está todo o que se vai describir despois: todo concentrado nunha ollada, nun xeito de ver que se plasma nun xeito de contar. É difícil substraerse á ollada que nos outorga o mundo nun lugar concreto, entre unhas xentes e unha paisaxe: ás veces é un trampolín e outras un lastre. Depende das expectativas de cada quen. As novelas son como potes de cerámica prehistórica: codifican o tempo. No futuro, os investigadores saberán de nós, do noso tempo e da nosa sociedade, polo medo ou valor co que arrincabamos unha novela.

Xeitos de ollar
Comentarios