Blog |

James Rhodes, así serán as futuras estrelas

James Rhodes é o exemplo de nova estrela popular: anglófono, pero fala e escrebe noutros idiomas; 150.000 seguidores en Twitter, o que non está mal para un pianista clásico; abandeirado da loita contra os abusos na infancia, que sufriu nas súas propias carnes; autor de libros ben escritos e de vendas masivas, e xenio accesíbel, capaz de pararse a falar contigo nun aeroporto.

James Rhodes. EP
photo_camera James Rhodes. EP

RHODES MARCA unha nova época, diferente á das estrelas do rock dos 70. Aqueles eran personaxes populares, pero tamén caprichosos e pouco accesíbeis. En primeiro lugar, non se dedica ao rock; senón á música clásica, a deses compositores considerados aburridos, do século XIX. A pesar diso é capaz de vender miles de entradas para asistir a unha das súas interpretacións e non só en grandes capitais —como Londres, Berlín ou Madrid—, tamén noutras como Vigo ou A Coruña, nas que actuou recentemente.

O éxito de James Rhodes, a súa capacidade para provocar o interese das novas xeracións pola música clásica, provén con todo de trasladar parte do ambiente do pop e do rock á interpretación dun selecto repertorio de composicións para orquestra. O seu selo propio radica en dirixirse de forma coloquial ao público antes de cada tema, incluso en explicar o sentido da peza que vai interpretar; en levar o pelo longo e revolto e en colocarse fronte ao piano vestindo unha desas camisetas que a xente usa para durmir. Desacraliza así un estilo de música que quedara sen público.

Rodhes rompe radicalmente coa severidade e a circunspección dos interpretes tradicionais. Ademais, nos seus concertos está permitido que os asistentes comenten, se movan na súa butaca e se expresen, máis ou menos igual, que nun concerto de calquera outra clase. Nada de durmirse, como se facía antes, mentres se escoita o trío para piano número 2 de Schubert, para á saída confirmar, en ton solemne, que é unha obra mestra.

Pode non ser o mellor pianista vivo, pero está facendo que as novas xeracións coñezan, cando menos en certa medida, a música dos grandes compositores. Que ese cambio de formas resulta beneficioso é xa recoñecido pola maioría. Obviamente, a música clásica non podía seguir ligada ás poses dunha burguesía de ínfulas aristocráticas que hai xa bastante que desapareceu. Soubo entendelo.

Mostra unha grande intelixencia e unhas dotes de gran comunicador

 

Pero Rhodes é moito máis. Esa simple fórmula de éxito ocorréraselle xa a outros que non acadaron a mesma proxección. Mostra tamén habitualmente unha grande intelixencia —chegou, nun momento da súa vida, a facerse rico cos seus negocios na City londinense — e unhas dotes de gran comunicador.

O seu libro autobiográfico, Instrumental, leva vendidos varios centos de miles de exemplares en todo o mundo. España é un deses países onde encontrou unha ampla simpatía, até o punto de que hai pouco decidiu trasladarse a vivir a Madrid. Se iso, de por si, xa non é habitual, aínda o é menos que sendo británico decidise aprender español. Por se iso fose pouco, envía chíos de twitter en galego despois de actuar en Vigo ou Coruña, para mostrarse agradecido co público e de paso contar algunha anécdota da visita.

En vez de vivir nun hotel de luxo e bañarse en champán, como as estrelas do rock, Rhodes informa os seus seguidores, a través de Twitter, de que unha nena que vive no piso de arriba lle ofreceu compartir un prato de arroz con leite caseiro, agradecida polo ben que toca o piano.

O seu éxito baséase no cruzamento de varias facetas, todas elas acordes coa sensibilidade desta época e que ademais soubo desenvolver moi ben. De neno sufriu abusos sexuais por parte dun profesor. A virulencia deses abusos foi causa de que, de adulto, tivese que ser operado dúas veces da columna vertebral. Colocáronlle dúas placas de metal, como el mesmo contou hai pouco nunha entrevista de radio. Porque o que fixo Rhodes, co paso do tempo, non foi só asumir o seu trauma, senón tamén describilo con realismo e moito acerto, sobre todo a través da obra autobiográfica xa mencionada. Neste momento pode ser considerado un dos maiores activistas do mundo contra os abusos na infancia. Xornais británicos e españois pídenlle a cotío artigos sobre o tema e o presidente Sánchez chamouno recentemente á Moncloa para que asesorase a súa ministra.

O seu secreto está en ser directo e en escribir rápido, como aqueles autores do novo xornalismo dos anos 60


Por outra parte, a lectura de Instrumental deixa perplexo o lector, pero non só pola temática, que é unha bomba, senón porque está ben escrito e ten calidade literaria. O seu secreto está en ser directo e en escribir rápido, como aqueles autores do novo xornalismo dos anos 60. Pero o seu estilo é aínda, se cabe, máis desenfadado, próximo e sincero; de modo que o lector ten sempre a sensación de que está escoitando directamente o protagonista.

A vida de Rhodes ten tamén, sen embargo, facetas inquietantes. Por se o dos abusos non fose suficiente, a súa mente é moi inestábel. Foi drogadicto e alcohólico. Padece frecuentes crises, algunhas delas levárono a autolesionarse, cortándose os brazos con coitelas de barbear –sobre isto tamén escribiu recentemente na prensa–, todo o cal o prexudicou na súa vida familiar, até ser a causa de varios divorcios. Convivir con Rhodes debe ser por un lado fermoso, dado que é un home brillante e intenso. Pero, por outro, pode ter un alto custo, sobre todo cando se encerra en si mesmo ou desoe as súas responsabilidades, até perder ou abandonar o traballo, como lle sucedeu varias veces ao longo da súa vida.

Ese trauma psíquico, xustificado nos abusos da infancia, móstranos un xenio desamparado, con ese lado escuro que todo verdadeiro mito necesita, esa parte insondábel que o levou a intentar suicidarse dúas veces e que completa a figura dun ser humano especial, sobre o que poderiamos estar falando durante horas sen esgotar o tema.

Rhodes simboliza a alma romántica que bastantes persoas aínda levan dentro. Un home hipersensíbel necesitado de axuda. Alguén capaz de rodearnos de boa música e de explicarnos porque esas notas o salvaron e porque a nós aínda deben emocionarnos.

Instrumental (Blackie Books)
O primeiro libro de James Rhodes vendeu 75.000 exemplares, só o primeiro ano e só en España. O seu estilo moi fresco, sen autocensura —a súa exmuller púxolle incluso unha demanda— e cun contido de elevada potencia explica o seu éxito. Pero, ademais, podería entenderse como un libro de autoaxuda que anima a superar os traumas persoais a través da arte, neste caso da música.O libro vén con dúas fotografías encartadas, en papel e en branco e negro, que parecen destinadas a que as gardemos nun lugar persoal, como se facía con certos recordos ou agasallos nos tempos do romanticismo. Despois de Instrumental, publicou Fugas. A ansiedade de sentirse vivo. Tamén resulta ameno, aínda que o seu contido non teña a intensidade do anterior.

Comentarios