viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Cancións de guerra

Sucede coas composicións populares que son de niguén e son de todas. Bastardízanse, maléanse e sobreviven na gorxa da memoria
 

Partisanas italianas. AEP
Partisanas italianas. AEP

UN DÍA, de súpeto, os semanais e as revistas de tendencias interésanse e mesmo debullan un canto partisano italiano e ata che dá un pouco de rabia. Por que agora e con que espurios motivos? Náceche a necesidade de berrarlles que quiten as súas emporcadas mans de aí, non sexa que cho derramen. Podes facerte unha idea —con toda a distancia— de que se lles pasa pola cabeza ás xitanas cando o moderneo todo louva a Rosalía como a gran esperanza branca e chachi do flamenco.

Estou aquí a contarvos isto, amigas, porque esta semana lle lin a @cascarelo en Twitter que o máis gramsciano que pode acontecer neste país noso é que a Panorama faga a súa propia versión de Bella ciao. Ao tempo.

Bella ciao, o himno antifascista italiano máis coñecido, chegounos ás do meu tempo e ás da miña clase (a social e a da escola) a través da santa trindade do Coro do Exército Vermello —facía furor nos oitenta na tele de Pilar Miró—, a Banda Bassotti e esa ópera rock kalimotxeira que foi a triloxía La ruta del Ché de Boikot.

Sucede coas cancións populares que son de ninguén e son de todas. É o que ten a xenialidade anónima. Malénase, bastardízanse, saltan illas e ata continentes, adáptanse aos seus diferentes tempos en función das circunstancias das cantoras e sobreviven na gorxa e nas vísceras de calquera que garde memoria delas. Así é como funciona o proceso de aculturación.

De Bella ciao descoñécese se foi unha melodía que naceu en ‘xiddish’, a lingua dos xudeus do leste de Europa, ou como canto de traballo das mulleres dos arrozais da ribeira do Po, no século XIX.

Co tempo, a canción sería himno da resistencia antifascista e antinazi das xentes partisanas de Boloña e, grazas ao seu compás de dous por catro facilmente adaptable á métrica do ska, das rancheiras e do pasodobre, un recurso de primeirísima orde tanto na música combativa dos setenta como na punkarrada mestiza que máis molaba nos noventa: de Giovanna Daffini a Pete Seeger, de Quilapayún a Modena City Ramblers, de Yves Montand a Manu Chao de Giorgio Gaber a Goran Bregovič...

Este mesmo verán, foi reconfortante escoitarlles o canto con toda a súa forza aos migrantes recollidos por Open Arms, a diferentes grupos de manifestantes contra o racismo estarrecedor de Salvini e a Tom Waits. Na primavera, soara en galego, desde Bélxica, grazas ás Ialma e a Valtònyc.  

Nestes días tremendos para seren vividos, ata o picadiscos multimillonario Steve Aoki pendura na súa canle de YouTube unha súa aproximación a Bella ciao, con nove millóns e medio de visitas. Á calor da sensación internacional que está a ser en Netflix a serie de Atresmedia La casa de papel, Bella ciao é un auténtico fenómeno de masas. Esta mesma semana, Sabela Ramil, a concursante medio mariñá, medio pontesa de ‘Operación Triunfo’ —cando saia publicado este artigo confío en que siga no programa—, entoou Bella ciao e de seguido uns cánticos da torçida deportivista.

Que si. Que as cancións están para iso. Que qué ben que as mensaxes se esparexan. O conto é cando entran as corporacións no allo, cando se apropian —si, o verbo de marras— de producións culturais que teñen un significado, unha historia, un valor, e nolas devolven baleiras, como chuchada a súa alma polos dementores. E por riba pretenden que paguemos un prezo por elas. 

Cancións de guerra
Comentarios