miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

Celtas, africanas e animistas

Como somos as galegas? Pois, por unha banda, xa sabes, e, pola outra, que queres que che conte

Case sempre resulta complicado saber que tipo de persoa es. Tenden a clasificarnos. Fútbol ou baloncesto? Barbie ou Chabel? Ciencias ou Letras? VHS ou Beta? Sofá ou cociña bilbaína? Litros no parque ou Marina Española? Praia ou montaña? Britney Spears ou Christina Aguilera? Platero ou Extremo? Combo ou Panorama?

As escollas nunca son libres de todo. Veñen condicionadas por unha chea de circunstancias e van conformando o teu lugar no mundo. Constrúen unha imaxe de ti que é a que ven desde fóra, aínda que por veces nin te recoñezas. Ás veces, quixeras ser —ou parecer— dunha determinada maneira, pero a realidade é teimuda e careces do capital económico, intelectual, sexual ou social para aproximarte ao bosquexo do teu eu ideal que debuxaches na cabeza. Outras moitas veces o único que tes claro é como non quererías ser. O demais simplemente acontece e conformas unha persoa en oposición a unha chea de cousas que decides que non che gustan.

A min pasoume, por exemplo, cos Héroes del Silencio e con U2. A miña amiga Laura e mais eu decidimos que non nos molaban nada nin uns nin outros porque era o que escoitaban os guais. Nós sabiamos que non eramos guais e que nin poderiamos sequera soñar con selo; estabamos certas de que na cadea trófica do Bacharelato Unificado Polivalente non había nada máis imperdoable que o quero e non podo. Hoxe chamaríanlle ser unha wannabe, pero nós daquela andabamos a eóns luz de saber empregar o tecnolecto axeitado. Cos anos, tanto Laura como servidora tivemos que admitir que quizais o dos Héroes del Silencio era pola manía que lle tiñamos a Bunbury e que, talvez, se non estivese el e a persoa que cantase non dixese "no seas membrillo" con esa voz engolada ata nos terían gustado. Quen sabe. Non sei se paga a pena artellar un universo alternativo sen Bunbury para descubrir como tería sido a nosa vidana xungla da secundaria.

Se é un mundo definir as persoas unha por unha, cavilade no tamaño da empresa de facer unha imaxe de nós como pobo

Se é un mundo definir as persoas unha por unha, cavilade no tamaño da empresa de facer unha imaxe de nós como pobo. A isto viña esta introdución interminable, amigas. Como somos as galegas? Pois por unha banda, sa sabes e, pola outra, que queres que che conte.

Anda estes días Carlos Núñez de promoción do seu ensaio sobre Galicia no panorama europeo do celtismo. Podería interpretarse que a grande investigación xenética liderada por Ángel Carracedo, que lle dá crédito científico ao mito fundacional de Irlanda que recolle o Leabhar Ghabhála Érenn, o Libro das invasións de Irlanda, en romance, propicia unha sorte de saída do armario para os celtófilos do país, agochados desde os anos noventa. Nas últimas décadas, reduciamos o celta en Galicia ao Celta de Vigo. Hai uns meses escoitámoslle a Carracedo no Vello Cárcere de Lugo relatar como hai cinco ou seis mil anos, logo da última glaciación, os pobos da cornixa cantábrica e do noroeste da Península Ibérica cruzaron o mar e repoboaron Bretaña e Irlanda. Non o digo eu, dio o ADN mitocondrial, que é o que se transmite por vía materna.

nosAí non acaba o conto. Grazas a este estudo de Carracedo soubemos, así mesmo, que as galegas somos as habitantes da Península que máis presenza norteafricana atesouramos no noso ADN e que o noso recuncho é o que presenta unha meirande endogamia ou minifundismo xenético de todo o mundo. Puidemos comprobar sobre o mapa de que xeito os grupos xenéticos se corresponden cos espazos idiomáticos e os reinos medievais, de norte a sur, e como as galegas e portuguesas somos irmás de lingua, algo que xa sabiamos, e tamén de ADN.

Contábame esta semana Anxos Sumai que en Chiloé, en Chile, as xentes teñen dó dunha procesión de ánimas cuspidiña á Santa Compaña e na súa mitoloxía conviven traucos e meicas que conducen de seguido a trasgos e meigas. Chiloé foi un día Nueva Galicia e a capital chámase Castro.

Nunha conversa longuísima que gocei moito, Sumai desveloume que unha súa amiga de Benín atopou retallos do animismo que ela practica na África Occidental na galeguísima tradición de Santo André de Teixido. O de ir de morta, reencarnada en cóbrega, lesma, píntega ou lagarto, se non fuches de viva. E quen nos di que non é un dos agasallos do noso doce por cento de ADN africano?

Resulta, entón, que somos celtas, africanas e portuguesas. E tamén suevas e britoas. Un chisco viquingas e asemade xudeas, ciganas, valuras e moinantas. Falamos unha lingua romance. Non é especialmente relevante de que cor temos o cabelo, a pel e os ollos máis que para elixir o tipo de protector solar. No canto, temos unha tradición oral e un imaxinario popular que deixamos morrer e non convertemos en bandas deseñadas, películas, series de televisión nin novelas históricas ou fantásticas porque estamos demasiado preocupadas de que nos veñan reñer por confundir o persoal nas corredoiras do mito e o que poida ser que sucedese. Aí están o Cantar de Mío Cid e Braveheart e non pasou nada.

Tal vez como pobo precisemos desfacernos de certos medos e complexos. Unha cousa que teño comprobado é que empezas a atoparte a ti propia cando deixas de tomarte demasiado en serio. Perdes o coidado de abrazar causas que non pasen por suficientemente combativas, non sexa que pensen que es superficial ou frívola. Reivindícaste, mesmo, como mamarracha. E que liberación, amigas.

Celtas, africanas e animistas
Comentarios