Blog | Nube tóxica

Liscade axiña

Nese querer marchar para a capital pequeno imperial mandamos a Madrid amas de cría, gando vivo, o mellor peixe e algún político

Aí está a estrada. AEP
photo_camera Aí está a estrada. AEP

É A hora do vermú nunha cafetaría da Praza Maior e catro señoras piden tapas de salpicón e parolan. Rajoy acaba de entoar o "chao, pescao". Con participio capado, por suposto. Velaí vén o veran, co seu Mundial masculino de Fútbol, as touradas e o baile de debutantes da Peregrina, o polo do Pelegrín preparado para camiñar o roteiro da pedra e da auga da Armenteira e a Vuelta Ciclista. Canto mellor a tábula rasa, a ollada e a axenda limpas.

As señoras do vermú cren que debera ser Soraya Sáenz de Santamaría a substituta de Mariano Rajoy á fronte do Partido Popular de España. Porque é a máis traballadora, din. Parécelles unha muller sensata. E non se lle saben maldades, insisten. "Non sei que ten que ir pintar o noso a Madrid". "O noso", para as miñas compañeiras de cafetaría, é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Que teima con marchar a Madrid, calquera diría que isto non lles chega", insisten. "E seguro que nos deixa todo manga por ombro".

Só o froilanismo e a ofrenda ao Santísimo Sacramento, que se celebrará este domingo na catedral de Lugo e que fará ecoar a solemnísima Marcha do Antigo Reino de Galicia na Praza de Santa María, lembran que tivo Galicia reis antes ca Castela leis. Ese querer liscar cara ao territorio pequeno imperial tradúcese en facerlle crer á xente que o que deben reclamar é un tren de alta velocidade –ou o que sexa– á meseta e non unha rede en condicións para vertebrar o país, con servizos de proximidade e unha saída para a liña da Feve na Mariña, por exemplo.

Xa sabemos que o da boa comunicación consiste en reducir tempos para chegar a Madrid. Díxomo unha vez un xornalista da Coruña: "Lugo é iso que está no medio e que nos obriga a empregar unha hora máis para poñernos en Madrid". Madrid, como medida de todas as cousas.

Mandamos a Madrid amas de cría, gando vivo e o mellor peixe e a Montero Ríos. Aos Rosón. A José Blanco e a Abel Caballero. A Ana Pastor e a Pilar Farjas. A Xosé Manuel Barreiro. A Rouco Varela, a Darío Villanueva e a Manuel Jabois. Aposeuntouse o innombrable sobre centos de milleiros de mortas, asasinadas, esfameadas, represaliadas e exiliadas durante a longa noite de pedra. Como será o poder de absorción do burato negro madrileño que botei onte todo un día nun ai, a ver se saía ministra de Agricultura e Pesca Pilar Cancela, que é unha muller coa que nunca crucei palabra.

Ás veces volver de Madrid co rabo entre as pernas é unha vitoria. E non o digo pola envexa cega ante o estío despreocupado que agarda a Rajoy, senón pola revolta gaiteira de Fraga a Galicia despois daquel batacazo español da Alianza Popular que levaba por sintonía electoral The Final Countdown de Europe. "Non nos entenden, non", que escribira Pondal dos iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros.

As señoras da cafetaría da Praza Maior de Lugo cren que a terra é para quen a traballa e están certas de que Sáenz de Santamaría ten acumulados moitos máis méritos ca ninguén no Partido Popular, que todo o demais sería oportunismo. "E o noso xa non está en idade para que lle rompan a cabeza en Madrid", retruca unha delas. A máis calada dálle un grolo ao mosto e dita sentenza:

–Dúas veces levaron ao Roberto Vilar a Madrid. Os de Telecinco, primeiro, e mais os de Antena 3, agora. E seica non lles gustou. Que tampouco sei o que queren os de España, tamén che digo, porque aquí ben que nos serve.

Comentarios