domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Materia escura e alegorias laicas

"É ver a Boris Johnson e pensar nunha corda e na farola máis próxima". Escribiuno hai dúas semanas o autor británico Philip Pullman na súa conta de Twitter. Borrouno minutos despois: "Non mataría o primeiro ministro e non quero que ningunha outra persoa o faga. Aínda así, non pedirei perdón pola xenreira que sinto; soamente polo inapropiado do comentario".
Pullman
Pullman

Phillip Pullman (Norwich, 1946) sostén que le como unha bolboreta e escribe como unha abella e afirma que nunca lle daría un premio a unha novela escrita en presente. Creou a mediados dos noventa un multiverso de ficción especulativa regado polas fontes do steampunk e dos contos de fadas, polas historias nómades dos xitanos e un coñecemento que transcende o canon occidental. His Dark Materials (A materia escura) está este outono de rutilante actualidade grazas á serie que veñen de estrear a británica BBC e a estadounidense HBO sobre o seu primeiro volume, A aurora boreal.
Neto dun clérigo e lector voraz da Biblia do rei Xacobe I. Fillo dun piloto das forzas aéreas británicas falecido en Kenia en 1954, en plena insurxencia Mau Mau —"pensas que teu pai é un heroe e logo decátaste de que lles lanzaban bombas a xentes con lanzas e coitelos"—. Philip Pullman viviu na súa infancia en Rodesia ou Australia e botou a adolescencia no norte de Gales antes de estudar Lingua e Literatura Inglesas en Oxford. Foi profesor universitario e de secundaria e desde hai máis de corenta anos escribe narrativa, teatro, poesía e ensaio.

De cando en vez, asina opinión no The Guardian. Conta máis dun milleiro de causas polas que se ten chegado á "catrástrofe" do Brexit e considera que o mundo toleou de vez en 2016, co ascenso de Donald Trump e cos seus compatriotas a iniciar unha fuxida —da Unión Europea— cara adiante. "Os profes esvaecéronse e os abusóns fixéronse co patio da escola".

Ao eurodeputado ultradereitista Nigel Farage Pullman tenlle chamado, máis ou menos, "buguina de ignorancia con cara de escroto". Rexeita os complexos de superioridade engraxados pola nostalxia do imperio británico e a irresponsabilidade dos medios que lles dan voz aos bóutaros na procura de audiencia en internet. Tampouco ten palabras amables para Jeremy Corbyn, o actual líder laborista, por tépedo. No final, tamén carga contra a carta magna do Reino Unido: "É un monte zumegante e cheirento, improvisado, esclerótico e corrupto dun remexido podre, cuberto de arañeiras e decadente, e non unha constitución propiamente dita".

Os excesos da autoridade e o dogma como antagonistas da soberanía popular permean a franquía de A materia escura de Pullman, iniciada en 1995 coa xa citada A aurora boreal e continuada en 1997 con O coitelo sutil e no 2000 con O anteollo de ámbar, o primeiro título para público mozo que entrou na listaxe do Man Booker Prize e gañador do Whitebread. Esta triloxía foi traducida ao galego por Fernando Moreiras para Faktoría K. A editorial Roca posúe os dereitos en castelán.

A profesora Margaret Kean explica que, fronte ás fantasías medievalistas, «el está máis interesado nas exploracións polares e científicas dos séculos XVIII e XIX» 

A protagonista de A materia escura é unha orfa de once anos, Lyra, que combate o poder omnímodo do Maxisterio, a curia dun Oxford vitoriano e sinistro. Descríbese un mundo de correntes ambáricas e unhas partículas (o po), que demostran a existencia doutros universos, osos polares acoirazados e bruxas aladas, zeppelins, aerodirixibles e artiluxios fascinantes: brúxulas prohibidas, un aletiómetro… Para a crítica, un dos seus grandes achádegos é a factura dos daemons, un espírito animal que camiña ao carón de cada persoa ata o seu alento último. "Nunca estamos sós", sentenza Philip Pullman.

A profesora Margaret Kean, titora de Inglés no Saint Hilda’s College de Oxford e unha das maiores expertas na obra de Pullman, explica que, fronte ás fantasías medievalistas, "el está máis interesado nas exploracións polares e científicas dos séculos XVIII e XIX". En A materia escura hai filosofía. Metafísica. Ciencia. Materia escura, claro, e tamén antimateria. "Ben deito de que este sexa aínda un tema irresoluto para a astrofísica e a cosmoloxía", chancea o escritor.

"A súa é unha narrativa postcolonial moi interesante para mozos e mozas e xente nos primeiros anos da súa vida adulta", apreza Kean, quen sinala, asemade, a importancia da converxencia multimedia que ten levado as súas creacións do teatro á radio dramatizada e, antes da televisión, a unha superprodución de Hollywood que resultou un fracaso de billeteira en 2007 malia contar con reclamos como Daniel Craig e Nicole Kidman nalgúns dos papeis principais.

"Encantado como estou coa adaptación televisiva de A materia escura, non quero ser crítico de máis coa película de A brúxula dourada. Un cásting magnífico, entre o que Dakota Blue Richards —a nena protagonista— brillaba como a estrela polar, fixo o mellor que podía facerse co tempo que tiveron, que simplemente non foi abondo", matizou Philip Pullman nos días nos que se estreaba a serie da BBC e HBO.

O escritor ten enriquecido o seu multiverso cunha secuela, O Oxford de Lyra; unha precuela, Era unha vez no Norte, e algún un extra, como Os coleccionistas, o audiolibro narrado en inglés polo actor Bill Nighy. En 2018 deulle ao prelo o comezo dunha nova triloxía, O libro do po, inaugurado con La Belle Sauvage —será unha obra de teatro en 2020— e que continúa agora con O imperio secreto, que sairá en castelán en marzo do ano que vén. A profesora Kean refírese a esta nova serie de libros non como unha precuela ou como unha secuela, senón como unha "ecuela".

Se toda A materia escura resulta un “trasunto da Xénese da Biblia”, de La Belle Sauvage saliéntase o seu parentesco co dioivo universal. Pullman recoñece a inspiración no poema O paraíso perdido, de John Milton. Porén, A materia escura ten sido reducida desde o cristianismo —católico e cismático— a unha ficción anticlerical na que unha nena debe matar a Deus. "O noso contrincante é o Maxisterio, a Igrexa. (...) Hai igrexas que amputan nenos e nenas, (...) córtanlles os órganos sexuais. (...) Todas fan o mesmo: controlar, destruír e erradicar calquera sensación de pracer. Así pois, se estalla unha guerra e a Igrexa se sitúa nun bando, nós debemos unirnos ao outro, sen reparar nos estraños aliados que poidamos atopar", sinala a raíña bruxa Ruta Skadi en O coitelo sutil.

Aínda que admite que lle gusta o Papa Francisco, Philip Pullman, materalista convencido e ateo, insiste en que se hai un deus a semellanza do da Biblia, "é un criminal e estamos mellor sen el". Quizais para aplacar as obxeccións de conciencia entre diferentes familias cristiás á hora de enfrontar a versión televisiva, a súa produtora, Jane Tranter, asegurou na Comic Con de San Diego que His Dark Materials da BBC e HBO "non ataca os crentes, senón unha determinada forma de control".

C.S. Lewis pecha unha moza no inferno porque se interesa polos rapaces e pola roupa. Condénaa por entrar na adolescencia 


Tamén se ten definido a franquía de Pullman en oposición a outra das máis célebres do século XX: as Crónicas de Narnia, de C.S. Lewis, profundamente mesiánica. "Narnia é das cousas máis feas que teño lido; é sexista e racista, monumentalmente despectiva para as mulleres. C.S. Lewis pecha unha moza no inferno porque se interesa polos rapaces e pola roupa. Condénaa por entrar na adolescencia". Isto é o que Pullman adoita denominar A faciana escura de Narnia.

Non sae mellor parado outro ilustre escritor, colega e coetáneo de C.S. Lewis. "Con todo, respecto a Lewis máis que a J.R.R. Tolkien. Os seus libros son completamente masculinos. A enteira cuestión das relacións sexuais é omitida", afirmara na revista especializada Slate. Aínda hai unhas semanas reafirmouse no The New Yorker: "O de O señor dos aneis é un mundo sen pulsión sexual. Por riba, carece de calquera tipo de pensamento especulativo sobre o que é bo ou malo".

"Cómprelles aos vellos sentírense desacougados polos mozos. E cómprelles aos mozos faceren de menos o desacougo dos vellos", afirma un bibliotecario en A aurora boreal.

Nun contexto internacional —e non na ficción, precisamente— no que se observa unha renovada auxe dos fascismos, Phillip Pullman implícase: "No centro está a loita entre unha organización despótica e totalitarista, que pretende reprimir a especulación e a investigación, e aqueles que cren que o pensamento e o discurso deben ser libres". Nos seus libros artella horrores que se chaman Xunta de Oblación, que secuestra nenos, ou a Liga de San Alexander, que os converte en delatores. A súa resposta habita na fantasía. "Hai outros modos de ser verdadeiro máis aló do que se pode medir".

Serie da BBC e HBO
His Dark Materials, unha coprodución entre a BBC, a corporación pública británica, e a plataforma de televisión por cable estadounidense HBO, é unha das grandes estreas da tempada en ficción seriada. Adapta o primeiro libro da triloxía de A materia escura de Philip Pullman en oito capítulos e, xa antes da emisión do primeiro episodio, anunciose a renovación para unha segunda tempada. A actriz anglogalega de 14 anos Dafne Keen encarna a Lyra, a protagonista da historia, e está acompañada por intérpretes tan recoñecidos como James McAvoy, Ruth Wilson, Lin Manuel Miranda ou Ann Marie Duff. O dramaturgo Jack Thorne, encargado do guión, asegura que escribiu ata 45 versións do episodio piloto, consciente da responsabilidade que supuña.

Materia escura e alegorias laicas
Comentarios