viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Que non che rouben o outono

Disque novembro é un mes melancólico e triste. E chove, como na canción aquela dos Guns n' Roses. Aínda que no Concello non o saiban, novembro en Lugo é unha marabilla caducifolia

Outono.EP
Outono.EP

Boa parte dos coñecementos que teño adquiridos durante a última década proceden das lecturas de cafetaría despois de me facer analíticas. Coñecín unha vez un chofer de certo cargo político de gran talle que foi quen de rematar psicoloxía pola Uned mentres agardaba polo seu conducido. A min, os tempos de garda impostos polas frecuentes visitas ao Sergas e as súas consecuentes horas mortas non me renderon tanto, que unha é de natural disperso, pero si que as teño aproveitado para engrosar ese océano de coñecementos dun centímetro de produndidade que disque posuímos as xornalistas.

Procuro cafetarías acolledoras. Sen tele nin o programa espertador de quenda das radiofórmulas nin grupos de papás e mamás berrallonas. E con boa colección de xornais e revistas. Non é doado. Agora mesmo non sabería dicir se foi nunha National Geographic ou nunha Muy Interesante, pero si que lembro aquela nova divulgativa que presentaba un estudo de Simcha Lev Yadun, da universidade de Haifa, en Israel, e de Jamo Holopainen, da universidade de Kuopio, en Finlandia. Determinaba que unha praga de insectos hai 35 millóns de anos condicionara que as árbores americanas outoneen en vermellos e non en marelos ou ocres, como as euroasiáticas.

Procurei o artigo aquel no Journal New Phytologist. Viña dicir que ao rematar o verán, a clorofila —que ben sabemos polos chicles que é de cor verde— diminúe nas follas e os pigmentos marelos se volven dominantes. No continente americano, hai millóns de anos, as árbores deron en sintetizar unha nova coloración, a antocianina, como medida para escorrentar a bichería que atacaba as follas; xa sabiamos todas que o roxerío lles mete medo aos cocos. En Europa, nese tempo, sucesivas idades de xeo aniquilaron boa parte dos insectos e tamén moitas plantas, polo que as especies que sobreviviron non se viron na necesidade da mutación vermella.

O coñecemento, amigas, é unha arma tan poderosa como ameazadora. Les tres columnas de texto nun xornal ou nunha revista e, dun día para outro, comezas a mirar con outros ollos as follas vermellísimas das parras virxes desaforadas no Carme, os arces roxos, roxísimos a non poder máis, da Fonte dos Ranchos. Perdóalles o feito de seren especies alóctonas polo bonito que din e o feliz que che fan, pero tampouco as tes todas contigo.

Sinto mágoa das persoas que viven privadas do espectáculo do outono. Esas franxas atlánticas e cantábricas que recúan cara ao noso interior no que os soutos e as carballeiras, os prados e as hortas, perden a batalla contra plantacións de millo e ringleiras simétricas de eucaliptos que non saben de marelos nin de vermellos nin de granates nin de marróns.

Neste tempo, no bosque sagrado que foi e que é a cidade bimilenaria, día a día mudan as cores dos ameneiros enfermos e dos bídalos na ribeira do Miño. En Lugo, o outono peta máis axiña no freixo grande do parque Rosalía, que xa co San Froilán se pinta dun marelo que non aparece nos pantones. Como sucede coas cousas máis fermosas, é moi efémero. Apenas cinco minutos. A tal hora, o freixo grande do parque non sei se terá dúas follas. Co tempo, acomódaste á sincronía do outono lugués. Os álamos e os chopos tamén son dos que fan a mudanza axiña. Os rebolos e as faias, por contra, cantas veces non dan tirado a folla vella ata que, xa en marzo ou mesmo abril, os abrochos verdes anuncian unha vida nova.

Disque novembro é melancólico e triste. E chove, como na canción dos Guns n’ Roses. De entre os moitos nomes para o undécimo mes que temos neste país —mes de santos, sanmartiño, santo andré, mes das ánimas, castañal...— tal vez o que máis fale de nós sexa o de mes de mortos ou, directamente, mes morto.

Aínda que no Concello non o saiban, novembro en Lugo é unha marabilla. Celebramos un Festival de Jazz fantástico e as néboas deixan fotos chulísimas que estilizan as belezas urbanas —e agochan as uralitadas e as medianeiras— e que partillan en Facebook os do Club de Cine de Terror para solaz de todas nós. Como en Berlín, temos na Avenida de Rodríguez Mourelo un Unter den Linden —en romance, Baixo os Tileiros—, convertido estes días nun camiño de baldosas marelas que non desemboca na porta de Brandeburgo, pero si na Praza de Avilés, cos seus xulgados e a súa Audiencia Provincial, que tamén teñen a súa cousa e a súa historia.

Descoñezo que sentido ten plantar nas cidades árbores oramentais, de certo porte e envergadura, se cando apenas chega o espectáculo outonego lles facemos podas e as deixamos peladas, tristes. Reducidas a tocos e cañotos. Cantas veces en risco evidente de seca. De que mente retorta sairía o de facerlles nos ás pólas dos pradairos e practicarlles tremendas amputacións? Párteme o corazón contemplar como se retiran as alfombras de follas secas dos parques e se nos priva ás xentes miúdas e ás adultas de camiñar amortiguadas, aínda que sexa uns días.

Querería ler nunha cafetaría que algunha investigadora puido demostrar que a natureza, na súa sabedoría, agasállanos coas cores máis rechamantes cando as tebras se tornan longas; os días, pequenos, e as néboas, eternas. Como me gustaría saber facer a ciencia e unir as liñas de puntos ata confirmar a hipótese. Deino por certo esta semana, ao volver da Coruña pola autovía. Sexa como for, entre Aranga e Guitiriz, xorden de súpeto, como unha sorte de aparición, as vacas rubias, as brétemas e a paisaxe caducifolia chairega; carballos e castiñeiros alumean as súas cores cálidas e brillantes para optimizar a máis mínima raioliña de sol e manternos nunha ilusión sinestésica neste mes morto.

Que non che rouben o outono
Comentarios