miércoles. 08.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.04.2020
El tiempo

Tra Trá. O trap non é país para vellas

Ser unha señora maior consiste en pensar na nosa cada vez que a outra Rosalía se nos pon diante nunha revista, nos programas da tele todos, na radio do coche e nas máis agres polémicas de Twitter

Hai un bo feixe de anos, alguén que me merece todo o crédito —e máis cousas— contoume que ao chegar unha alcaldesa nova a un consistorio, o primeiro que fixera fora pendurar da parede, nun lugar ben visible, dúas fotografías en branco en negro. Eran un señor fraco con gafas e unha dona de cabelo crecho e moldeado, con fazulas como as de Naomi Campbel. "Que riquiña, pos as fotos dos teus avós", díxolle á recén nomeada rexedora un edil dos que fora goberno desde que gastaba pantalóns curtos e que naquela mudanza de despacho quedaba na oposición. E, na súa ignorancia, o concelleiro vello acertou, porque nas imaxes estaban reproducidas as estampas de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, que son un pouco avós de todas nós.

Ser unha señora maior consiste en pensar na nosa avoa Rosalía cada vez —e non son poucas nos últimos meses— que a Rosalía Vila se nos pon diante nunha revista de moda, nas máis agres polémicas de Twitter, nos programas da tele todos, na radio do coche cando conduces camiño de ningures. Gústanme da nova Rosalía a súa querencia chandaleira e os aros grandes nas orellas e distráeme certa semellanza que lle atopo con Inés Arrimadas. A súa carreira e a pericia por coverterse en omnipresente, omnipotente e case que omnisciente, por erixirse nunha figura eterna e imprescindible desde hai cinco minutos, resúltanme fascinantes.

Billete de cincocentas pesetas de Rosalía de Castro. EP

Ser unha señora maior é moi cansado. Hai uns anos teríame fiado da primeira impresión que me nacese das tripas. Hoxendía, procuro opinións máis sabias cás miñas (case todas) e cuestiono os meus prexuízos e as cousas que descoñezo, que son infinitas. Comprendo e comparto que ás xitanas lles pareza "malamente" que teña que vir unha moza branca e acomodada para que se lle dea aprezo a unha forma cultural dun pobo marxinado que se vén baleirando de contido, contexto e poder subversivo desde os tempos do nacionalcatolicismo franquista para convertelo en entretemento inofensivo para a elite. É chegar a algún tipo de conclusión, e acudirme as dúdibas? E non será que no fondo moi fondo, por moito que teime en deconstruírme, aínda queda en min un retallo da misoxinia imperante que non lle perdoa a unha muller de vinte e cinco anos que emprenda unha carreira exitosa e que teña tan claras as cousas? Por que as críticas non son tan furibundas contra Miguel Poveda ou El Niño de Elche?

Logo está a propia música. Que nin frío nin calor, por moi ben executada que estea. E iso si que son os anos. O trap non é país para vellas. Despois vén a memoria, claro. A transgresión de Rosalía é a adaptación ás músicas dos terribles anos dez do que xa fixeron outras como Las Grecas, Melody, Las Niñas, Papá Levante, Las Ketchup, La Mala Rodríguez ou Alba Molina en cada un dos seus momentos e tamén agora mesmo. A diferencia está en Miami e nese brillo indie e molón que lle dá a Rosalía Vila a todo o que toca.

E, xa por poñernos —perdoade o plural maiestático—, que somos? Pois galegas, con todo o que iso conleva. Á forza de repetirnos que estamos atrasadas e non sei cantos farrapos de gaita máis, cantas veces esquecemos que as nosas xa o fixeron primeiro e, se non mellor, si tan ben coma o resto. Desde a versión disco da Muiñeira de Chantada de Son Lalín en 1978 ata o electrotradi de Baiuca. Moitos dos que agora bican o chan por onde pisa Rosalía teñen ollado coa cella ergueita cara a Mercedes Peón e ata censurado con condescendencia o seu sacho poderoso, que xa vos vale. Eis o autoodio, amigas. Como vai ser innovador unha muller cunha pandeireta? Pois que Mercedes Peón é modernísima, a máis moderna das modernas, e unha creadora excepcional é unha verdade que semellan ter clarísimo en calquera parte do mundo excepto nesta. E así sucede que aparece unha cantante escocesa na BBC a interpretar Camariñas e sáenos o corazón pola boca. Se o cantan as de fóra será boa, ou?

Mentres me formo unha idea de se me gusta ou non esta Rosalía que non é a Rosalía de toda a vida, matino na luguesa María Xesús Lama, profesora de Estudos Galegos na Universitat de Barcelona, que vén de facerse co premio Nacional de Ensayo por unha biografía de Rosalía de Castro xusto cando non se deixa de falar da outra. Que alguén aínda podería pensar que o premio resultou a rebufo do fenómeno da Rosalía catalá.

En Rosalía de Castro. Cantos de independencia de liberdade (1837-1863), María Xesús Lama preséntanos unha muller desvestida da touca de "santiña" coa que a arroupara o seu home, Manuel Murguía, co pensamento de que era unha imaxe máis acaída para as galegas identificármonos con ela.

É moi saudable para nós coñecer que a nosa Rosalía, a boa, foi unha muller alegre que non se criou na anguria de sentirse unha filla non desexada. Que Rosalía, a nosa, non era una choromicas podiámolo supoñer coa lectura de A xustiza pola man, un poema rimado co seis por oito dunha muiñeira (chípiri, chípiri, chípiri, chípirí; chípiri, chípiri, chípiri, chi), que aborda a loita de clases e a loita das mulleres, que se encomenda á autodefensa feminista perante unha orde patriarcal. A xustiza pola man é un acto revolucionario coma o Manifesto comunista. Nin lástima nin autocompaixón.

"Entonces cal loba doente ou ferida,/ dun salto con rabia pillei a fouciña". Tra trá.

Tra Trá. O trap non é país para vellas
Comentarios