Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A esperanza na poesía

Con Aplicación instantánea Carlos Negro procura atopar un vieiro de esperanza coa xente nova. A poesía como canle de comunicación con aqueles que demasiadas veces damos por perdidos e aos que teríamos que achegarnos máis para coñecer realmente como son.

Carlos Negro.TR
photo_camera Carlos Negro.TR

SE  ALGUÉN confía nas posibilidades da poesía ese é Carlos Negro. Tamén da cultura en xeral como catalizador social e así se lle recoñeceu por parte dos clubs de lectura dos centros de ensino de Galicia neste ano. Unha labor afouta, que moitas veces non ten o apoio da sociedade, cando, o que acada dunha ou doutra maneira é enchela das mellores ferramentas que pode ter, como é o interese pola lectura e o amor polos libros.

Dese fío segue tirando Carlos Negro na súa escrita. E, nese territorio da esperanza, é no que se inxire Aplicación instantánea, co que acadou o Premio Jules Verne, e que a editorial Xerais publica na súa colección Fóra de Xogo. Unha conexión valente co lector, con ese público xuvenil ao que tantas veces consideramos alleo a todo o que signifique sensibilidade ou interese pola cultura. O empurrón do xurado a este título amosa un interese por rachar o establecido, por dirixir a escrita aos máis novos por camiños diferentes aos habituais.

Catro voces, catro avatares poetizan a realidade e acomódana a unha percepción que o lector ten que entender como súa. Por iso Carlos Negro renuncia á poesía glorificada ou pedante, a súa poesía móvese no territorio do cotiá, onde tamén ten ferramentas precisas para traducir o que acontece ao noso arredor. Polos poemas destes catro mozos que xera o autor desfilan situacións como as problemáticas da adolescencia, a lingua, o medo, as dúbidas... en definitiva, unha maneira de revisitar o seu mundo dende o poético.

A linguaxe de Carlos Negro é contundente, capaz de concentrar nas palabras unha chea de significacións que non nos fan botar en falta unha maior amplitude do verso. A sucesión de liñas acada unha enorme forza no seu conxunto, sen precisar de longos textos que poderían agotar a ese público xuvenil. Lonxe da desconexión o lector novo séntese ben reflectido nesas palabras: «Silencio a todo volume:/ a miña arma/ de introspección masiva», escribe no seu ‘Escudo defensivo’. Palabras brincadeiras que se enfrontan entre si coma nun xogo de significados. Outra poesía, titulada Adolescencia: «Medrar/ foi meter os dedos/ nos enchufes prohibidos./ E quitalos/ un segundo antes/ de que todo rematase en desastre». Alguén pode dubidar de que un rapaz non entenda o que se sinte na adolescencia a través desas palabras?

Ten moito mérito Carlos Negro, primeiro pola proposta, e segundo, por levala a cabo coa calidade poética que precisa este exercicio para non caer no pueril ou no anecdótico. Os poemas contidos en Aplicación instantánea non eluden problemas serios da nosa sociedade, como o emprego do galego en capas nas que, como a da mocidade, se atopa claramente ameazado polo castelán; tamén a violencia de xénero —que aquí asoma en diferentes textos— amosa como conxugar na linguaxe cotiá dos rapaces e rapazas que nos seus centros de ensino, ou nas súas reunións fóra del atópanse con situacións cada vez máis frecuentes, á vez que complexas para a sociedade.

A poesía ofrece deste xeito as súas posibilidades, a capacidade para converterse nun perfil inesperado como se escribe na contracapa do libro. Dese sentir inesperado é do que xorde a súa gran forza, capaz de quebrar o domesticado, de abrir unha fenda que nos faga dubidar da contorna e mesmo de quen somos. O poemario de Carlos Negro trae tamén unha serie de instruccións de uso. Un xogo dirixido a aqueles que non son habituais do verso, desorientados e para que saiban como actuar ante o que aparece en cada páxina deste libro que pode marcar un antes e un despois, non só na escrita dirixida aos mozos, senón tamén nas vidas daqueles que lean unhas poesías que, lonxe de trabar as mans, traban na conciencia, obrigando a facérmonos moitas preguntas. Dúbidas precisas para seguir medrando, pero, sobre todo, para poñer en valor o verso, ese verso que busca o poeta como un francotirador para «acertar co verso que che perfore».

Comentarios