jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

A tortura do silencio

Tantos anos de silencio, a nova novela de Francisco Castro, converte o silencio no protagonista de dúas situacións nas que a violencia e a barbarie están presentes en tempos e situacións aparentemente afastadas entre si, pero que responden a motivos semellantes.

UN ARREPIANTE suceso dos que se viviron ao longo da Guerra Civil é o motivo central desta novela que o seu autor, Francisco Castro, de xeito intelixente, conecta co noso tempo a través dun episodio de violencia machista.

O traballo dun equipo da Asociación da Memoria Histórica nun antigo pazo descobre seis cadáveres soterrados no seu interior. Cinco corpos executados dun tiro na cabeza e outro, o dunha muller, cun libro suxeito no seu peito. Esas mortes teñen tras elas un de tantos feitos de horror, violencia, noxo e miseria do ser humano que só teñen fronte a eles o amor e a educación como opoñentes que serán quen de trascender ao paso do tempo. Así acontece ao longo desta novela na que imos coñecendo o que se agocha tras unha historia de odio que amosa o peor das persoas, a súa deriva cara posicións extremistas, incapaces de valorar o que hai realmente importante en nós.

Ánxela traballa para esa Asociación da Memoria que busca desentrañar e atopar a luz do coñecemento e a dignidade, alí onde só nos chegou escuridade e silencio, un silencio soterrado polos anos e, tamén, pola indolencia de diferentes gobernos sen a sensibilidade suficiente para que a nosa terra mire en fite o seu propio pasado e tantas vidas como permanecen agochadas en gabias e en fosas comúns. Ese silencio é o que estrala no interior desta novela que un le de maneira «violentamente fermosa», como se describe na contracapa, editada por Galaxia, e que nos vai a conectar con outro silencio, neste caso do presente, un silencio que adoita rodearnos máis preto do que pensamos. O de mulleres que sofren a violencia machista dos seus maridos, seres de dobre face, sorrisos que, cando a tormenta, chega se converten en violencia desenfreada e noxenta, tal e como acontecía nos tempos da Guerra Civil. E é que a vinganza e o rancor non entenden de tempos, senón de persoas, como parte da nosa condición humana capaz de xerar demos pousados nos ombreiros que abren as súas fauces para facernos tremer.

Un silencio que adoita envolver todo aquilo que nos incomoda, un silencio que tenta afastarnos do noso pasado

Na novela Francisco Castro abre de maneira moi interesante ese dobre fío temporal, esa conexión de historias que, máis que dende o personaxe de Ánxela, se constrúe dende esa pátina negra do horror, do medo, e, por suposto, do silencio. Un silencio que adoita envolver todo aquilo que nos incomoda, un silencio que tenta afastarnos do noso pasado, pero un silencio tamén co que ignoramos a esa tara que nos afecta hoxe na nosa sociedade referida á violencia nas parellas. Escoitamos berros, laios, choros; pero moitas veces quedamos en silencio, converténdonos en cómplices do que acontece ao outro lado das nosas paredes.

Medra así o silencio como unha tortura máis, do presente, desas vítimas asustadas que non atopan unha saída na súa gaiola, pero tamén o silencio que esta sociedade artellou ao longo de tantas décadas na nosa feble mirada cara os feitos dunha Guerra Civil. Galicia non tivo grandes batallas naqueles tempos, nin frontes de guerra uniformados; aquí o levantamento militar dos rebeldes resolveuse dende a represión do pobo.

Xente de diferentes sectores da sociedade que foron considerados como enemigos e aos que tocaba o castigo. Paseos, fusilamentos, torturas, detencións... todo iso na distancia curta, á porta das nosas vilas ou nas nosas aldeas, tamén en espazos que terían que ser hoxe valentes centros da nosa memoria, como a Illa de San Simón, presente na novela, como outro dos espazos do terror e do medo. Un altar de sacrificios sobre o espello da beleza ao que moitos chegaban para o seu sofrimento, pero había outros que xa non chegaban, os que quedaban sepultados tras recibir un disparo a carón dunha parede ou dunha árbore.

Francisco Castro racha dende unha escrita na que valores como os da educación, a cultura ou os libros son poderosos

Un ruído ao que lle seguía un silencio longo e denso que chega ata hoxe, e que Francisco Castro racha dende unha escrita na que valores como os da educación, a cultura ou os libros son poderosos enemigos para esnaquizar ese silencio, e xa que se non o puideron conseguir naquel tempo, hoxe teñen que ser as nosas principais ferramenas para acadalo.

Ler esta novela tamén é parte dese compromiso, tamén dunha ledicia da lectura polas súas páxinas engaiolantes, pola narración que te prende ao instante e te leva por espazos de escuridade, pero tamén por luminosas conquistas do amor entre as persoas, pero tamén o amor polas palabras e un compromiso co ser humano.

A tortura do silencio
Comentarios