Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Amor entre iguais

Os rastros, os mercados de antiguedades, as tendas de vello ou as plataformas dixitais foron nutrindo a espléndida colección de fotografía antiga de Xose M. Buxán Bran, que amosa agora unha parte vencellada ao carácter homosexual de moitas imaxes como reivindicación dos retratados.

de par en par116
photo_camera de par en par

É CERTO QUE a recente película de Isabel Coixet na que se conta a historia de Marcela e Elisa, pioneiras do matrimonio entre persoas do mesmo sexo no comezo do século XX, puxo de actualidade o interese por esas historias agochadas pola intransixencia e a falla de liberdades; pero Buxán Bran leva anos mergullándose en diferentes arquivos e coleccións para atopar e propoñer os seus proxectos de investigación e expositivos a partir da reinvindicación desa condición da homosexualidade de sentirse agochada nunhas sociedades.


Publicacións como o fotolibro Bellos y desconocidos (2015), ou a exposición celebrada no CGAC en 2017, Bañistas. Fotografía encontrada, amosaron xa o rigor e o bo traballo deste profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, adicado tamén ao coleccionismo e a curadoría de exposicións. Agora presenta os seus últimos achádegos nunha doble sede na Coruña: na Casa Museo Casares Quiroga e na Fundación Luis Seoane.


Co título De par en par. Amores entre iguais atopámonos unha serie de fotografías tomadas en estudos nos que diferentes parellas dos dous sexos amosan a súa afectividade —unha relación sexa do tipo que sexa—, sen medos e temores, co desexo de manter fixado no tempo ese vencello. Sería elucubrar pensar nun ou outro tipo de vínculo con só observar esas imaxes; pero si que se temos en conta as posicións, os xestos ou as miradas, quedamos con esa expresión dos afectos que leva a posar publicamente dúas persoas en tempos como os que se enmarcan cronoloxicamente na exposición, entre 1880 e 1947.


Estas fotografías, normalmente agochadas no seo das familias, co paso do tempo, e coñecendo como a Historia se comportou e aínda se comporta cos desexos entre as persoas do mesmo sexo, revelan unha enorme forza e intensidade, unha superficie de resistencia fronte a tantos menosprezos.


Buxán Bran anima a contemplar como estas imaxes «queren amosar a súa especial comuñón para superaren as súas individualidades, da que nace esa arela de compartiren o mesmo escenario, de fundiren as súas almas nun único retrato». Ese desexo de unicidade é o que fai de cada unha das fotografías algo especial; dúas vidas que se converten nunha soa nalgún momento das súas historias; un desafío que, lonxe da súa intención inicial, se converte hoxe nunha lexitimación desas historias na procura da liberdade.


Parellas de homes, parellas de mulleres ou parellas travestidas xeran, fronte ao visitante á mostra, unha reflexión sobre a cultura LGBT e a súa relación coa sociedade, pero tamén nos leva a unha reflexión sobre o propio material, sobre a fotografía, neste caso encontrada, e a recuperación dunha serie de elementos que supuxeron moito para os seus propietarios e cos que o tempo non foi moi xeneroso, por esa perda, por esa ausencia dos seus donos, aínda que tamén, podemos valorar o seu carácter testemuñal e, como tantos anos despois, asumen un novo papel na sociedade, o de visibilizar tantas historias afundidas na escuridade do medo e a sinrazón.


Situadas en espazos moi concretos das dúas sedes da exposición, nos lugares de tránsito, tamén hai dende esa ubicación unha especie de normalización do seu contido. Ao non estar no espazo puramente expositivo, as fotografías teñen esa natureza do cotiá, de atopar todas esas persoas coas súas historias comúns coas que poder compartir os seus desexos e intencións na vida.


Elas quixeron partillar un mesmo escenario, un estudo fotográfico cun pano de fondo que os distanciaba da realidade, esa á que agora volven para que os coñezamos e saibamos, non tanto deles, como dos seus afectos e orgullos.