Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

O babel musical de Guadi Galego

Guadi Galego arrinca unha xira de concertos que lle dá corpo ao novo disco, Immersión. Unha torre de Babel de sons e linguas que revisa algúns dos seus temas esenciais, tomando novas dimensións grazas a ese acubillo lingüístico e á maridaxe con outras voces
Guadi Galego
photo_camera Guadi Galego

FALAR DE Guadi Galego é falar de nós mesmos, da nosa música e da súa capacidade para, dende a súa raíz máis profunda, explorar novos territorios, ou polos menos conducirse por espazos aos que moitos músicos ancorados no noso folclore semellan terlle medo ao moverse fóra do seu rexistro cotiá. Leva facendo desa falla de medo a súa gran bandeira para desenvolver o seu proxecto musical. As súas cancións, sempre tan pegadas ao noso pel, son xa de por si esas xeografías íntimas que nos acollen a todos. Letras e latexos que nos sitúan ante unha das músicas máis interesantes do noso sistema cultural.


Agora Guadi Galego sitúase noutra desas paradas no camiño tan necesarias para ela e para todos; pero ela, como xa fixera ao baixar de Berrogüeto, converte esa encrucillada nunha nova reinvención desta vez ben acompañada por unha chea de músicos e cantantes, pero tamén por unha serie de linguas que fornecen as súas cancións de novas dimensións, de novas sensacións que chegan aos nosos oídos convertidas nesas percepcións doutros sons, de como soan esas cancións nosas noutras linguas e que, certamente, séntanlle moi ben.

Nótase o traballo previo, a selección das cancións polos propios cantantes convidados, os arranxos nas músicas e unha mestura coa voz de Guadi Galego que fai deste traballo un modelo de como afrontar este tipo de discos que demasiadas veces só buscan valerse doutros nomes para vender máis, non respectando a materia prima, isto é, cancións que, como afirmaba antes son demasiado importantes para todos nós como para andar xogando con elas. Escoitar Fronteres en catalán ou Vas entà naut en occitano-aranés son toda unha descuberta e tamén un xeito de facer do respecto ás linguas unha parte máis da nosa sociedade. Ante cada vez máis sombras que semellan queren esmagar as posibilidades dos pobos por facer das súas palabras un patrimonio irrenunciábel, A artista dános unha lección de como a universalidade dos idiomas non entende de fronteiras, de liñas imaxinarias e desas bandeiras que a tantos confunden. As linguas xa son de por si patrias, que non queren liortas senón poder respirar, e permitir iso é unha das nosas obrigas como sociedade.

Relacións entre artistas, músicas e línguas, que se afianzan dende cada unha das cancións. Iván Ferreiro, Andrés Suárez, Vega, Xabier Díaz, Clara Peya, Silvia Quesada, Mikel Urdangarín ou Ana Bacalhau con Abe Rábade,


Éuscaro, asturiano, castelán, portugués e, por suposto, galego, todos xuntos, conviven nesta torre de Babel en que Guadi Galego constitúe esta Immersión en músicas e palabras, pero sobre todo en afectos. Relacións entre artistas, músicas e línguas, que se afianzan dende cada unha das cancións. Iván Ferreiro, Andrés Suárez, Vega, Xabier Díaz, Clara Peya, Silvia Quesada, Mikel Urdangarín ou Ana Bacalhau con Abe Rábade, entre outros, deixan a súa pegada neste xogo de encaixes, neste océano de cores e peixes que, como na fermosa capa do disco, obra de Leandro Lamas, móvense en liberdade revolucionaria entre as ondas da música. Aí a música de Cedeira é a nosa gran serea e co seu canto fixo que todos estes músicos chegasen ata Galicia, dun ou doutro xeito, propoñendo tamén o porque de non máis destas interaccións culturais -aquí lembro outra xoia como a de Kepa Junkera que se foi ata o Alentejo a traballar con todo aquel vizoso patrimonio musical- que non so acadan produtos de calidade, senón que permiten que os nosos sistemas culturais se acheguen entre eles e os públicos amplíen visións sempre necesarias para seguir medrando.


Xa vén como esta música segue sendo revolucionaria, como o son as súas cancións, cancións que sempre remexen por dentro, que teñen algo que dicir, mundos invisíbeis que responden ás experiencias da vida e a comunión cunha terra na que todo se explica e que este disco espalla polo mundo adiante, unha das funcións máis marabillosas de calquera música: colonizar o universo.