Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Destacadísimos no Marco

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo arrinca unha nova etapa, e o fai dende a base, amosando o traballo dos que ao longo do século XX foron contemporáneos e estableceron os alicerces de moitos dos discursos creativos que chegan ata os nosos días.

antoni_tapies
photo_camera Antoni Tàpies

HAI CADROS que un non cansa de mirar. Obras de arte que non entenden do paso do tempo ou se iso pode facerlle dano ás súas posibilidades. A eternidade esta feita para a arte, e a arte, a boa arte, dende a disciplina que sexa, fai do tempo un engadido máis á súa capacidade de trascendencia.


Percorrer a exposición Destacados da Colección Teléfonica —que se pode visitar ata o 15 de setembro nas salas do Marco— é volverse atopar con algunhas das obras máis senlleiras da arte do século XX. Un percorrido a través do traballo de artistas esenciais para coñecer as posibilidades de momentos e istmos da plástica no pasado século, permitindo acadar unha panorámica do que foi ese axitado século artístico. Do mesmo xeito, e como interesante achega, complétase a mostra cunha selección dos ricos fondos pictóricos das coleccións do Concello de Vigo, para amosar como os nosos artistas tamén formaron parte desa paisaxe, e como se integraron nas diferentes correntes para facer dende Galicia unha arte propia, con referencias á súa identidade, pero fiándoo todo as novas posibilidades de expresión que xurdían dos grandes focos artísticos europeos.

Artellada en catro espazos, o primeiro, O signo e a forma, céntrase no traballo da Santísima Trinidade do Informalismo español: Tàpies, Saura e Chillida. É un berro artístico no tempo do franquismo capaz de xerar un universo simbólico e xestual que converte as súas obras en pura emoción. Algúns dos Tápies aquí expostos son parte dese territorio emocional que loitou contra a escuridade daquel tempo e que aínda hoxe contén e transmite toda a súa forza creativa.

Picasso, Juan Gris, Magritte, Delvaux, Daniel Vázquez Díaz... entre outros.


O segundo dos espazos e o das Vangardas do século XX. Picasso, Juan Gris, Magritte, Delvaux, Daniel Vázquez Díaz... entre outros. Son cadros e propostas engaiolantes para o espectador que non aburre ao observar as disolucións de formas do cubismo de Juan Gris, as paisaxes de Vázquez Díaz ou ese espazo entre onírico e metafísico que amosa o espectacular cadro de Paul Delvaux, L’apell.


Unha terceira sala, máis heterodoxa achégase a España e á arte da segunda metade do século XX. Nomes como Eduardo Arroyo, Luis Gordillo, Darío Villalba, Pérez Villalta, Soledad Sevilla, Luis Feito ou Menchu Lamas convértese nesa procura por diferentes territorios, individualidades dentro dun contexto cada vez máis libre e no que as pezas se converten nunha busca das posibilidades de expresión da arte.


A cuarta sala é o espazo adicado á plastica galega, a como os nosos artistas souberon interpretar e adaptar discursos formais a toda unha concepción nova da arte. E se nos ámbitos anteriores atopamos xenios universais os autores aquí representados non o son menos. E de novo un se asoma aos inabarcábeis cadros de Lugris e aos nosos vangardistas: Maside, Souto, Torres, Colmeiro e Laxeiro; que foron os que mellor souberon integrar o de fóra co noso, a partir da semente de Castelao, deixando un campo aberto para sucesivos creadores. Aí temos os Díaz Pardo, Granell e, como non, Luis Seoane, cuxas formas e propostas souberon xerar unha nova concepción artística en Galicia, tan audaz coma moderna, e que servíu de comezo á plástica das derradeiras décadas do século XX, vencelladas tambén ao mundo do deseño.


Nunca está de máis, polo tanto, achegarse a revisar estas obras que, grazas a súa boa disposición, permiten facer ese varrido artístico a todo o século XX a partir de moitos dos seus creadores fulcrais. Comeza así, a nova etapa do Marco, coa nova dirección de Miguel Fernández Cid que, dende esta exposición, coloca un firme tronco dende o que xurdirán numerosas polas creativas nos próximos tempos que, no ámbito da pintura, non o dubiden, ten nestas obras moitas das súas referencias e explicacións.