jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

#hashtags, territorio e poesía

A poesía sempre foi útil para tentar descifrar cada un dos tempos nos que se desenvolveu. Arancha Nogueira fai tamén da súa un elo coa realidade para, dende o abeizoado risco formal, propor unha mirada ao noso territorio como xénese dunha poesía de denuncia e berro da actitude humana

VIVIMOS no tempo das fotografías que non deixan ver as paisaxes. Selfies que estragan unha visión da realidade que nós mesmos convertemos nunha vacua pasarela do noso ego. O pau selfie xorde coma unha prolongación da nosa estupidez, poñéndolle medida a esa realidade ofertada por nós fronte a mirada ampla e xenerosa da nosa contorna, cada vez máis desprezada pola nosa suficiencia.

Arancha Nogueira, nesta fin de semana de celebración mundial da poesía, sérvenos para reclamar o traballo poético que se vén desenvolvendo en Galicia cada vez dun xeito máis ambicioso. Xa que non son poucos os homes e mulleres novos que escollen este xénero literario para darlle saída ás súas intencións creativas. Esta muller, nacida en Ourense en 1989, propón dous textos poéticos nestes días. Un, editado por Positivas, baixo o título #hashtags para un espazo agónico, e outro, recén saído do prelo de Xerais, Dente de leite, que acadou o premio Johan Carballeira de Poesía que anualmente concede o Concello de Bueu. Se o segundo é un libro baseado na infancia, e na relación da filla coa nai, inzado co proceso de descuberta e de procurar o camiño cara a idade adulta; o primeiro, ese #hashtags para un espazo agónico, emerxe como unha valente e arriscada proposta poética que propón a nosa relación co territorio dende esa presunta modernidade que se simboliza no cancelo, icona que xera relacións, ligazóns e etiquetas para vencellarnos cos demais dende a proposición dun texto ou dunha imaxe.

Facer poesía co territorio, ollar cara a nosa contorna, non é algo infrecuente, pero si o é a forma de facela proposta por Arancha Nogueira. Unha poesía da síntese, asociada a ese cancelo, concédelle ao poemario ese sentir transgresor que todo feito poético está obrigado a ter, ao tempo que lle concede esa pátina do inmediato que leva á poeta a chantar denuncias ou eivas desta sociedade cada vez máis frívola e errada nas percepcións do que ten que entenderse como conquista. Millonarios que queren subir ata o espazo, persoas que dan as costas ao chabolismo do noso país, turistas que ameazan os nosos paraísos e esa aberración coñecida como Galifornia. Todo suma na perversión do territorio, na mutilación dunha natureza que cada vez menos adoitamos respectar, confundidos na nosa perversa imposición do noso eu fronte ao resto.

Cantos máis cancelos empregamos nas redes sociais menos cancelos activamos fóra dese espazo

A outra gran paisaxe do noso tempo é a urbana. O escenario da nosa vida cotiá cada vez máis entendida como iso, como un escenario, un teatro de accións e representacións con cada vez menos sensación de autenticidade e máis confusións. Cemento e neóns como marco para as festas da contemporaneidade na procura do día perfecto: aulas de ioga, queixo feta, un selfie, shopping, jogging, outro selfie, mentres que deixamos de lado, menosprezados, "os meridianos que nos conectan", a sensación do fogar, a necesidade da pel como conector, como hashtag imbatíbel, o ollar o mundo "desde uns ollos abertísimos".


Eses ollos son os que emprega Arancha Nogueira para peneirar a realidade, para dende a función do poeta converter o territorio en tubo de ensaio no que ese espazo se amosa cada vez máis agónico, cada vez máis rendido como ámbito público a piques da súa derrota definitiva. Cantos máis cancelos empregamos nas redes sociais menos cancelos activamos fóra dese espazo e menos sensación de comunidade temos no sentido primixenio da tribo que estamos empeñados en disolver dun xeito exponencial a cada minuto que pasa.

"Adornamos a carroña/ con marcos rubenescos de pintura indíxena", é o remate do poema #view. O certo é que este poemario está cheo de miradas, de miradas intelixentes que buscan sobrevoar esas físgoas da nosa sociedade nas que a quebra amosa o que realmente somos, seres confundidos que tentan adornar ou agochar aquilo que nos resulta incómodo, e todo na procura dun novo escenario acubillado baixo un fermoso marco, un espazo irreal no que o noso territorio sofre os desaires dos seus habitantes.

#hashtags, territorio e poesía