viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

Luz na cinza

O 17 de decembro de 1919 nacía en Salcedo (Pontevedra) Leopoldo Nóvoa, o pintor que se rexenerou a si mesmi e a súa obra tras o incendio que arrasou en 1979 o seu estudo de París. Antes diso, dende o Cono Sur, forxou unha traxectoria en plena discusión da arte, que se viu reforzada tras ese lume que asombreceu unha pintura que remataría sendo luminosa polo que tivo de expiación do ser humano.
Leopoldo Nóvoa (XURXO LOBATO)
Leopoldo Nóvoa (XURXO LOBATO)

O  CENTENARIO do nacemento dun pintor convértese nunha data acaída para revisitar a súa traxectoria e deixar balizados instantes dunha vida que se afunde na propia obra, neste caso, dun artista que entendeu a pintura como un escenario atemporal no que propoñer unha exploración do que somos a partir do contraste de materiais e da xeración dun territorio que, como en poucos creadores, dende a nosa ausencia no cadro, tentaba rastrexar o noso paso por este mundo a partir dunha lírica que convertía os cadros nun seductor ensaio de posibilidades de expresión plástica.

Ben soubo ver o poeta Ramiro Fonte, nesa dimensión hermética e contida do seu traballo, o seu gran valor creativo, a plasticidade do enigma que xorde da súa trascendencia poética: "Dunha obra titánica, monumental, xorde unha linguaxe silenciosa, sintética e serea. No fondo, todas as obras de Nóvoa están alentadas por un impulso poético. Son extraordinarios poemas visuais. Quizais sexa así como debemos entendelos". Chegar a esa complexidade no que se ve foi un longo camiño ancorado ás dúas orelas do Atlántico, que converteu a Leopoldo Nóvoa nun dos nosos xenios máis internacionais, con conexións cunha chea de creadores de diferentes ámbitos da entidade de Juan Carlos Onetti, Julio Cortázar, Jorge Oteiza ou José Hierro, pero sen perder nunca a identidade. A pátina galega permaneceu como un verniz indeleble que lle permitía contemplar a realidade dende un permanente escepticismo, pero tamén cunha inesgotable mirada paisaxística que dende o estudo de Armenteira convertíase nunha atalia dende a que albiscar un horizonte de rías e vales dende os que tamén observar a nosa posición ante o que nos rodea. Así foi ata o seu pasamento, con ese estudo como acubillo, e esa pintura como reflexión permanente e un traballo que se desenvolveu ata o último momento de vida, sen afastarse das prezas de gran formato, unha obra dunha enorme contundencia e con esa vocación de eternidade que tiña calquera dos seus traballos, do máis sinxelo ao máis complexo.

O desaparecido Sanatorio Marescot foi a vivenda na que naceu e medrou aquel neno, fillo da pontevedresa Mercedes García e de Edmundo Nóvoa, un diplomático uruguaio que foi cónsul en Vilagarcía, posto dende onde contribuiu a axudar a moitos perseguidos polos golpistas. Esa infancia compartiuse con outro espazo fundamental para o pintor, Raxó, no concello de Poio. Unha viaxe a Arxentina e regreso a Vilagarcía ata que o levantamento militar de 1936 expulsa o seu pai de España, establecéndose toda a familia en Montevideo.

Leopoldo Nóvoa contacta cos galegos que estaban alí fuxidos despois da Guerra Civil: Luis Seoane, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela, entre outros.  

Artesanía e pintura configuráronse como grandes paixóns dende a súa mocidade. Alí inicia o contacto cunha figura clave na súa proxección artística, o pintor Joaquín Torres García. Amizade e algo máis, xa que viu o uruguaio como un mestre. En 1947 establécese en Bos Aires, e en 1953, na galería Velázquez, propón a primeira exposición, que tería no catálogo un texto de Arturo Cuadrado.

Leopoldo Nóvoa contacta cos galegos que estaban alí fuxidos despois da Guerra Civil: Luis Seoane, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela, entre outros. Cafés, talleres, imprentas xuntáronos a todos eles tecendo unha rede de solidaridade e creatividade arredor de Galicia. É o tempo da figuración e da cor. Lendas como a de San Ero, paisaxes portuarios e bodegóns ou tipos populares.

En 1959 unha encarga modificará toda a súa concepción artística. A realización dun mural no estadio do Club Cerro de Montevideo. Xa nada voltará ser o mesmo. A abstracción, o tratamento dos materiais, e a relación con Jorge Oteiza -que xorde neste momento- mudará para sempre a concepción artística de Leopoldo Nóvoa. Traballa nese mural de 120 metros de longo por 5 de ancho, a maior extensión no mundo nun mural dun só panel, ata rematalo en 1963. A pintura abstracta complétase con pezas de refugallo que acabará por converterse nun dos modelos de arte informalista máis sobranceiros. A súa sona comeza a medrar e realizará numerosas exposicións e proxectos muralísticos en diferentes países.

Instálase de maneira definitiva en París en 1965, integrándose rapidamente na intelectualidade latinoamericana que se trasladara alí poucos anos antes. Os autores do chamado Boom literario —como Juan Carlos Onetti ou Julio Cortázar— formarán parte do seu círculo máis íntimo, e tamén eles escribirán diferentes textos sobre a súa obra.

A súa pintura entra nunha etapa singular, de novo o debate co propio lenzo, coa súa dinámica interna e a discusión das súas formulacións. A obra gaña en conceptualización, o silencio comeza a impoñerse nunha sorte de condensación espiritual. Superficies pulidas, tensións dende o interior dun cadro que nega a súa condición de plano e monocromías que xeran un esvaecemento da mirada.

En obras posteriores o seu informalismo comeza a violentarse, a cor escurecerase e a integración de diferentes elementos no cadro comeza a producir unha tensión que se incrementa con cortes e buratos na superficie. Julio Cortázar evoca os cordeis das súas obras, "piolines", os chama. Cordas que modifican o espazo, que lembran os secretos persoais, os libros, "os paquetes da imaxinación e a poesía", escribe o autor de Rayuela. Mentres, o poeta José Hierro entende este momento de Leopoldo Nóvoa como o "froito do desencanto, meditación sen esperanza, resignación dun espírito cheo de gravidade".

Non só toda a súa obra, pezas de todas as súas épocas consúmense polo lume, senón que moitas obras plásticas e libros de artistas e autores quedan convertidas en cinza

Outra data clave na súa evolución, esta máis concreta, é a do 13 de abril de 1979. Aquela noite un lume destrúe por completo o seu estudio na rúa Saint Antoine nº 170. Non só toda a súa obra, pezas de todas as súas épocas consúmense polo lume, senón que moitas obras plásticas e libros de artistas e autores quedan convertidas en cinza. Un espectáculo da perda, unhas cinzas que fixeron agonizar a luz.

Poucas horas despois Leopoldo Nóvoa, tras o impacto inicial, motiva un dos actos máis xeniais, fermosos e inspiradores da historia da arte. Fronte a aquel caos o pintor entende unha refundación artística, a posibilidade de que daquel escenario xurda unha nova poética, unha condensación de materiais na proposta dun novo itinerario para o artista.

Aqueles restos, con toda a súa carga apegada a eles, son recollidos e integrados nas pezas que saen do seu novo estudio, en Nogent-sur-Marne. A matería converterase no salvoconducto para unha nova obra máis densa e consistente na que calquera anécdota será desterrrada dela. A contundencia dos seus traballos multiplícase, a densidade dos materiais incorporados ás pezas tamén. Toda unha paisaxe simbólica emerxe desas obras que ante a Europa dos anos 90 de novo cunha cicatriz de dor e destrución aberta pola Guerra dos Balcáns se traslada ao seu traballo na serie ‘Next time in fire’. Espiños, vidros, buracos, pinchotes e a cinza -entre outros elementos e texturas- artellan unha obra demoledora e impactante. Aquel silencio e aquela poética, enunciadas anos antes, agora son un berro de dor e incomprensión. O Mural da canteira de Santa Margarida (1989) na Coruña, renova a súa plasticidade no ámbito urbano con 700 metros cadrados dun crebacabezas de diversos materiais, cunha rotunda plasticidade, que converten esta obra nunha das súas pezas esenciais.

En 1998 intervén tamén en San Domingos de Bonaval. Espacio Cromlech ocupado será un peza que sinala o territorio, que busca unha esencialidade dese espazo entre o mitolóxo e o telúrico. París e Galicia son as súas patrias nos derradeiros anos. Armenteira e o seu estudo converterase nun parnaso o que voltar coa maior frecuencia posible. "É o meu refuxio", como lle comenta nunha entrevista a Ramón Chao o propio Leopoldo Nóvoa.

Chegan os tempos das homenaxes pero nunca de renunciar ao traballo. "O tempo e a pintura eran as súas únicas necesidades", según a súa viúva, a tamén artista Susana Carlson, fiel defensora da súa obra e do seu legado. Pero ambas remataron o 23 de febreiro de 2012, cando a escuridade converteuse en definitiva realidade, cando as cinzas foron testemuñas dunha vida feita pintura dende unha fonda pegada poética, ou, en palabras de José Ángel Valente no seu poema Serán ceniza...: "Aunque sea ceniza cuanto tengo/ hasta ahora,/ cuanto se me ha tendido a modo/de esperanza".

NÓVOA. 1919-2019
Xurxo Lobato
Guión Xurxo Lobato, rosario Sarmiento Duración 18 m.

Co gallo do seu centenario o Museo de Pontevedra proporá nos vindeiros meses unha serie de actividades para achegarse a súa figura. O vindeiro martes, día do seu nacemento, acollerá a exhibición dun vídeo creado por Xurxo Lobato coa participación de diferentes persoas que ofrecen as súas visións da súa obra. No mes de xaneiro, o museo acollerá unha exposición comisariada por Rosario Sarmiento, especialista na súa obra e que xestiona unha páxina web con materiais arredor do protagonista, na que se fará un percorrido polas súas diferentes etapas creativas. Unha mostra que se completará ao longo da súa apertura con diferentes mesas redondas de análise das súas achegas artísticas.

Luz na cinza
Comentarios