Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Luz no Pórtico

A finalización dos traballos de restauración do Pórtico da Gloria converteuse no fito máis sobranceiro do verán cultural en Galicia. Un espectacular traballo que non nos cansaremos de gabar e que amosa o incríbel talento do Mestre Mateo e o seu círculo de artistas

Alí estivo agochada durante décadas. Anos de escuridade, que o tempo ocultou baixo un manto de suciedade. O afouto labor desenvolto dentro do programa Catedral da Fundación Barrié de la Maza amosou esa luz que alumea baixo a xenialidade de todo unha proposta artística que converte ao Pórtico da Gloria nunha obra sin igual na escultura románica a nivel mundial.

Un peregrino no Pórtico da Gloria. EPNo ano 1188 colocáronse da man do Mestre Mateo os dinteis da porta maior da igrexa de Santiago, tal e como consta nunha inscripción no propio monumento. A partir dese momento iníciase unha historia artística que chega ata os nosos días no que o tempo, e o seu paso, foi o gran protagonista ao ir modificando, paseniño, a súa relación co espectador. Un tempo a través do cal millóns e millóns de persoas enfrontáronse a esas figuras cheas dunha humanidade sen parangón na arte do seu tempo, unhas esculturas que reflicten toda unha proposta iconográfica que converte en persoas a uns seres que ata ese momento eran figuras dunha concepción superior. As miradas entre eles, os detalles, os sorrisos, as súas posicións dentro dun marco tan acotado e preciso, como o que define a propia estrutura do Pórtico, converten este traballo nun tesouro único que se apagou na súa potencialidade artística co paso dese mesmo tempo.

Dez anos de traballo e miles e miles de horas no andamio polo equipo de restauración, devólvennos a gran obra da arte feita en Galicia, sen comparación posíbel con calquera outra. Enfrontarse a este Pórtico liberado desa abafante capa de lixo é unha experiencia que todos deberíamos realizar non só para sentirnos orgullosos do noso, senón para comprender como a arte ten, dende ben antigo, unha intanxíbel capacidade para emocionar. Chantarse no medio deses personaxes da tradición bíblica é unha sensación única que dende a súa recente reforma acada unha nova consideración chea de experiencias engaiolantes, capaces de arreguizar o corpo.

O artista ten conciencia do que fai, deixando de ser un artesán e téndose por un creador


O Pórtico da Gloria está formado por unha triple arcada que na súa parte central amosa a Gloria eterna, o destino final dos xustos co Cristo resucitado e ao seu arredor os catro evanxelistas, xunto aos vintecatro anciáns cos seus instrumentos e os símbolos da paixón, apóiase no parteluz coa figura do patrón do templo Santiago Apóstol, mentres polo outro lado dese parteluz a figura xa aceptada do propio Mestre Mateo que así se concede a el mesmo a relevancia que lle outorga unha obra desta entidade. O artista ten conciencia do que fai, deixando de ser un artesán e téndose por un creador. Á esquerda dese arco central, no arco lateral, desprégase o pobo xudeu á espera da chegada de Cristo. Mentres, á dereita, no terceiro arco, ten lugar o xuízo final co inferno e as tradicionais figuras que amosan o humor e que se manifesta tamén na Idade Media nese lambeteiro que come unha empanada. Chantadas nas columnas que suxeitan esa triple arcada, algunhas das figuras máis fermosas de todo o conxunto e da escultura románica. Profetas e Apóstoles que dialogan entre elas, que forman parte dun conxunto no que as pezas se interrelacionan, non son figuras alleas unhas das outras.

E alí, brillando entre todas elas, a outra gran luz do Pórtico da Gloria, o sorriso de Daniel, non hai máis que lembrar a novela de Umberto Eco, O nome da rosa para darse conta do que podía supoñer a risa naqueles tempos de severa relixiosidade. Pero o Mestre Mateo quixo outorgar a este conxunto un senso terreal que ten neste sorriso o seu punto álxido, un xeito de empatizar co espectador, de xerar un fío inmarcescíbel que resiste ao paso do tempo e que agora revélase ante nós con toda a súa forza orixinal tras un proceso de limpeza que rescatou unha policromía que nos lembra co universo medieval no foi tan escuro como contan os libros. A cor formaba parte natural de todos estes xeitos de achegar a relixiosidade á poboación, pero nunca como até ese momento, e tampouco despois, o mundo contemplou unha fermosura como esta. Achéguense a Compostela, entren na súa catedral e contemplarán a Gloria.

Comentarios