sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

O anxo da terra

No ano que lle adica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas comezan a saír á luz obras que se achegan a Ricardo Carvalho Calero. A proposta de Henrique Rabuñal é unha completa panorámica vital e dun intenso traballo a prol da lingua.
Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero

A DESIGNACIÓN por parte da Real Academia Galega de Ricardo Carvalho Calero tras moitos anos de dúbidas e non poucas polémicas ten, entre as súas achegas, a de poder aproximarnos dende diferenteS propostas a unha desas vidas cheas de fazañas culturais e creativas, pero que non son coñecidas polo gran público, máis alá dos círculos académicos.

A proposta, neste caso da man de Henrique Rabuñal, editada en Galaxia co título de Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, é máis que acaída por varias cuestións. Unha, por acadar unha panorámica rápida — pero moi minuciosa— de datos e accións do homenaxeado, a través das cales dámonos conta do maiúsculo labor realizado ao longo dos anos dende moi diversos campos de traballo; dúas, polo emprego dunha linguaxe sinxela que se converte nunha canle de comunicación directa co lector facilitando o seu coñecemento, e tres, pola intelixente decisión formal de converter o libro, e as diferentes etapas da vida do autor do poemario Anxo de terra, nunha multiplicidade de voces que semellan contar en primeira persoa os feitos en cada unha das diferentes partes en que se pode dividir unha longa existencia que comeza en 1910 no Ferrol e remata en 1990 en Santiago. Esas voces danlle ao relato unha cercanía que se agradece moito, sobre todo se a comparamos con outro tipo de publicacións deste estilo, que adoitan caer nun férreo formalismo que leva ao lector a unha extenuación polo rigor do ensaio.

Esta decisión de Henrique Rabuñal de facer cada capítulo dende o que podería ser a escrita de diferentes personaxes esenciais na vida do homenaxeado — dende a súa nai ou irmá, ata Castelao ou Salvador de Lorenzana — tamén é unha chiscadela coa súa obra narrativa Scorpio, coa que conseguira Carvalho Calero o Premio da Crítica en 1988 e na que se sucedían varias voces para un texto no que a pegada persoal era ben importante.

Ferrol, Lugo, Santiago as grandes vilas na vida de Carvalho Calero, e a lingua e a cultura como patria inesgotable pola que loitar. Así o fixo mesmo dende a primeira liña de batalla durante a Guerra Civil, para despois combater dende os textos e os despachos académicos, porque nos outros nunca foi benvido. Sempre a marxe da oficialidade a súa obra A xente da Barreira foi a primeira novela publicada en galego despois da loita fratricida. Os quince anos vividos en Lugo entregárono ao ensino que xan non abandonaría nunca. En 1958 ingresa na Real Academia Galega e en 1963 traballa nunha edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro que foi editada en Madrid por Anaya.

Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo foron algunhas das súas teimas de estudo e análise

Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo foron algunhas das súas teimas de estudo e análise. En 1965 chega a Compostela para converterse no primeiro profesor de galego da Universidade dando unha materia opcional en Románicas. Dalí marcha quince anos despois deixando unha Facultade de Filoloxía e un departamento de Filoloxía Galega. Chega a Transición e participa do debate político manifestando a necesidade de construír unha sociedade dende a igualdade, preocúpalle a continuidade do centralismo así como o estatuto xurídico das linguas.

En 1984 recibe a Medalla Castelao e catro anos despois o xa referido Premio Nacional. Morrerá en 1990. Nin no libro de Herique Rabuñal, nin moito menos neste texto, tería cabida toda a súa inmensa produción, dende o punto de vista da poesía, da que sempre se considerou practicante por riba de calquera outra disciplina, do teatro, da narrativa, da edición ou da crítica literaria, campos nos que traballou intensamente ao longo de toda a súa vida, dende ben novo e ata os últimos días, coa lingua sempre como alicerce que tería que suxeitarnos a todos como comunidade, tentando superar a súa marxinalidade dentro da sociedade.

Tempo haberá de achegarse a outras reflexións sobre Ricardo Carvalho Calero ao longo deste ano adicado a súa figura, pero non é un mal comezo facelo dende este compás que, con bo tino, propón Henrique Rabuñal para saber do curso dunha longa singradura non sempre ben recoñecida.

O anxo da terra
Comentarios